As Pelicans Naiset son un equipo feminino de hóckey sobre xeo da cidade de Lahti, Finlandia. Na tempada 2025-26 o equipo compite no segundo nivel do hóckey sobre xeo feminino finlandés, a Naisten Mestis. Xoga os seus partidos como local no Wemasto Areena de Lahti, un pavillón con capacidade para 5 371 persoas, se ben con anterioridade disputou os seus partidos na localidade veciña de Hollola.

O equipo tivo un importante crecemento a mediados da década de 2020, cando integrado na organización do equipo masculino dos Pelicans conseguiu o ascenso á segunda categoría, a Naisten Mestis na tempada 2024-25, e á máxima categoría na tempada seguinte logo de impoñerse na serie de cualificación ao RoKi (3-0), xogando o partido decisivo da serie en Lahti ante 730 persoas.

Historia A tempada 2021-22 supuxo o retorno do equipo á competición co obxectivo de disputar de novo unha tempada completa, un feito que a falta de xogadoras e a pandemia de COVID-19 lle impediran dende a tempada 2015-16. O regreso do equipo, integrado dentro da asociación JJuniorPelicans, contou con Matti Rask no banco do equipo de Lahti na súa segunda etapa no club logo de ter conseguido a prata na Mestis na súa primeira experiencia coas Pelicans. O equipo comezou a tempada disputando os 15 partidos da fase de promoción á segunda categoría, a Naisten Mestis, aínda con dificultades coas quendas de xeo para os adestramentos e un grupo de idades moi diversas. Eliina Ojapalo foi nomeada capitá no regreso do equipo á competición.

En maio de 2022 o club anunciou que Janne Saarinen estaría á fronte do banco das Pelicans durante a tempada 2022-23 como substituto de Martti Rask. Xunto con Saarinen chegou Mikko Kurkela como adestrador asistente, ambos os dous con experiencia en distintos ámbitos dentro do club e da vida deportiva de Lahti.

As Pelicans disputaron a promoción á Naisten Mestis no Grupo 1, no que tamén se encontraban o HIFK Akatemia, o KJT Haukat, o K-Espoo Akatemia e o SaiPa.

As Pelicans comezaron a tempada 2023-24 disputando a cualificación para a Naisten Mestis, mais o equipo quedou ás portas de disputar a segunda categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés logo de finalizar na cuarta posición do seu grupo a pesar de ter disputado partidos igualados contra os mellores equipos do grupo, e na tempada de primavera participou na Naisten Suomi-sarja.

Na tempada 2024-25 o equipo conseguiu ascender á Naisten Mestis logo de gañar os tres partidos da fase de cualificación. O 8 de marzo de 2025 impúxose o HIFK Akatemia por 3-4 no Pirkkolan jäähalli de Helsinqui, o día seguinte derrotou tamén o SaiPa en Lahti por 4-1, e a semana seguinte pechou a serie en Oulu cunha cómoda vitoria (0-5) fronte as Kärpät, a pesar de ter xa asegurado o ascenso dende a segunda xornada da serie.

Breve paso pola Naisten Mestis A tempada 2025-26 o equipo debutou na segunda categoría co obxectivo de conseguir o ascenso á Auroraliiga, un obxectivo que se amosou realista logo de que as Pelicans disputaran a metade dos partidos da liga regular tendo encaixado tan só unha derrota e gañado a todos os seus rivais canto menos unha vez. Cun xogo sólido en ambos lados da pista, o equipo de Lahti encadeou 16 vitorias consecutivas antes de decembo, e chegou a sumar 18 ata o parón con motivo das festas do Nadal. Finalmente o equipo gañou a liga regular da Naisten Mestis a falta de dúas xornadas por disputarse logo de impoñerse os equipos das academias do KalPa e das Kärpät, o que lle concedeu o pase directo ás semifinais dos play-offs xunto co Lukko.

O domingo 8 de marzo de 2026 as Pelicans proclamáronse campioas da Naisten Mestis logo de derrotar no partido decisivo da serie ás xogadoras do Lukko (2-0) na casa, clasificándose deste xeito para xogar a promoción á Auroraliiga fronte o equipo de Laponia. O 21 de marzo o equipo logrou o ascenso á máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés, a Auroraliiga, logo de impoñerse con autoridade ao RoKi de Rovaniemi (6-0) no terceiro partido da serie ao mellor de cinco encontros, pechando así unha serie na que o equipo de Lahti demostrou dende o primeiro momento que podía competir contra o equipo de Laponia a pesar da diferenza de categoría. O partido foi un éxito de público con 730 persoas nas bancadas do Wemasto Areena. Boa parte do éxito do equipo no final da tempada debeuse á súa porteira, Essi Holopainen, que finalizou os partidos decisivos da final da Mestis e da serie de promoción sen encaixar ningún gol, así como do xogo desenvolvido polo equipo ao longo da tempada, un xogo que se ben estaba baseado na defensa, permitiu ao equipo de Lahti marcar catro ou cinco goles en varias ocasións.

Debut na Auroraliiga As Pelicans debutaron na Auroraliiga o 12 de setembro de 2026 no Wemasto Areena de Lahti fronte o TPS ante 380 persoas. Jemina Lepola marcou o primeiro gol do equipo na máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés, que foi ademais o primeiro gol da temporada, o equipo de Turku reaccionou e logrou poñerse por diante, mais as Pelicans acababon impoñéndose por 3-2 grazas aos goles de Pinja Niemistö e Jannika Sten.

Pavillón

300px|miniatura|Interior do Wemasto Areena. O equipo xoga os seus partidos como local no Wemasto Areena. O pavillón está situado nas proximidades da estación de tren e o centro da cidade de Lahti, e ten capacidade para 5 371 persoas. O estadio conta tamén con salas de reunións e dous restaurantes. Anteriormente o equipo empregou o Hollolan jäähalli na localidade de Hollola, un pavillón con capacidade para 350 persoas, para os seus partidos como local.

O Wemasto Areena foi ademais o escenario do histórico ascenso do equipo á Auroraliiga (máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés) o 21 de marzo de 2026 ante unha audiencia récord de 730 persoas nas bancadas.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Pelicans Lahti (equipo masculino)

Ligazóns externas Sitio web das Pelicans Naiset

Categoría:Pelicans Naiset