O efecto Google, tamén chamado amnesia dixital, é a tendencia a esquecer información que pode ser atopada facilmente en Internet mediante motores de busca. Segundo o primeiro estudo sobre o efecto Google, a xente ten menor tendencia a lembrar a información que considera que está dispoñíbel en liña. Con todo, o estudo tamén afirma que a xente mantén a habilidade de adquirir información fóra da rede. Este feito tamén permite discernir a información e o nivel de detalles que cómpre lembrar de xeito prioritario.
Historia O fenómeno foi descrito por primeira vez por Betsy Sparrow (Universidade Columbia), Jenny Liu (Universidade de Wisconsin–Madison) e Daniel M. Wegner (Universidade Harvard) no seu artigo de xullo de 2011. A investigación realizouse en catro fases:
1. Os suxeitos responderon un cuestionario de cultura xeral, con preguntas fáciles e outras máis difíciles, e unha tarefa modificada mediante o efecto Stroop que incluía palabras de uso cotián e outras relacionadas coa tecnoloxía, como «pantalla» e «Google». Os suxeitos tardaban máis en responder a palabras de tecnoloxía, especialmente após cuestións difíciles, o que indica que procesaban as preguntas de cultura xeral máis facilmente polo efecto da preparación psicolóxica.
2. Os suxeitos leron varias afirmacións relacionadas coa cultura xeral. A metade deles foron convencidos de que as afirmacións serían gardadas e estarían dispoñíbeis para as consultaren máis tarde. Á outra metade pedíuselles explicitamente que tentase lembralas. Posteriormente, pedíuselles que relembrasen as afirmacións.
3. Os suxeitos leron e teclearon afirmacións de cultura xeral, e indicaron se borraran a súa entrada, se a gardaran ou se a gardaran nunha localización específica. Posteriormente recibiron unha tarefa de recoñecemento e preguntóuselles se viran a afirmación exacta, se estaba gardada e, en caso positivo, onde estaba gardada.
4. Os suxeitos teclearon de novo afirmacións de cultura xeral e díxoselles que gardasen cada unha nun cartafol cun nome xenérico (por exemplo: «elementos» ou «feitos»). Posteriormente indicóuselles que relembrasen as afirmacións mediante dúas tarefas diferentes: unha para as afirmacións en si e outra para o cartafol específico en que gardaran cada afirmación.
O termo «amnesia dixital» foi cuñado pola multinacional rusa Kaspersky Lab tras os resultados dunha enquisa feita pola empresa en 2015. Segundo os seus resultados, «o 'Efecto Google' probabelmente se estenda alén da información na rede e inclúa información persoal importante». No canto de lembrar detalles, o 91% das persoas utilizaban Internet e o 44% utilizaban o seu teléfono intelixente. Na enquisa de Kaspersky Lab participaron 1000 usuarias e usuarios dos Estados Unidos de entre 16 e 55 anos, algúns mesmo maiores de dita idade. Na maioría dos casos, as persoas non eran quen de lembrar información importante, como números de teléfono que deberan coñecer. Isto levou á conclusión de que esqueceron dita información debido á facilidade de atopala mediante dispositivos.
Fenómeno Do estudo orixinal de 2011 obtivéronse tres conclusións principais.
Polo efecto da preparación psicolóxica, as persoas pensan na Internet cando lles preguntan por cuestións de cultura xeral, malia saberen a resposta correcta. Isto acentúase se se trata dunha pregunta difícil e se a resposta é descoñecida. As persoas tenden a non lembrar a información que consideran que estará dispoñíbel nunha consulta posterior. En contraste, recibir unha indicación explícita de memorizar un contido non ten un efecto significativo no momento de relembralo. Se se garda a información, é moito máis probábel que as persoas lembren onde atopala que o propio feito de relembrala. Ademais, hai unha maior tendencia a lembrar a información ou a localización, mais non ambas. Este efecto persiste mesmo cando é máis fácil lembrar a información que o lugar onde se localiza.
Un estudo de Lav R. Varshney de 2012 suxeriu que o efecto Google tamén é visíbel en teses de doutoramento. Afirmou que o aumento lonxitudinal no número de referencias bibliográficas reflicte a mellora da memoria para atopar información relevante (por exemplo, que artigos conteñen a información axeitada) e non tanto da información en si. Por outra banda, describiuse un fenómeno asociado en que a información atopada en Internet é memorizada con menor precisión e menor fiabilidade que a atopada nunha enciclopedia. Amais, a relembranza da información atopada en Internet mostrou unha menor activación de varias rexións de cerebro (entre elas o xiro occipital, o temporal esquerdo e o frontal medial) en compararación co grupo que memorizou información extraída da enciclopedia.
Memoria transactiva Sparrow, Liu e Wegner afirmaron nun inicio que depender das computadoras é unha forma de memoria transactiva. Isto débese a que se comparte información con facilidade e adóitase esquecer o que se considera que está accesíbel, xa que é máis doado lembrar a localización da información cá información propiamente dita. Postularon, así, que as persoas e as computadoras están a converterse en «sistemas conectados entre si». Os procedementos usados na memoria transactiva tradicional para saber quen pode ter acceso á información persoal nas redes sociais tamén se están aplicando para coñecer a información que ten gardada unha computadora e onde localizala.
A dependencia das computadoras suscitou preocupacións, entre elas, o feito de que poida reducir a capacidade de procesar e memorizar información. Amais, semella que as persoas teñen menor seguridade en si mesmas para relembraren a información que atopan en Internet. Así, esa busca recente podería incentivar un maior uso da rede.
Con todo, varios investigadores cuestionaron que o efecto Google sexa unha forma de memoria transactiva, pois consideran que non se produce ningunha transacción entre a persoa e a computadora. Por tanto, as redes e a Internet non poden ser concibidas como sistema de cognición distribuída. As computadoras son, xa que logo, soamente ferramentas que permiten evocar un recordo ou consultar información de xeito sinxelo. Ao contrario ca na memoria transactiva tradicional, a información non se perde coa ausencia de Internet, só se torna máis difícil de atopar.
Replicación Un amplo estudo sobre replicación de experimentos publicado en Nature en 2018 concluíu que o efecto Google era un dos que non puideron ser replicados.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Ligazón á enquisa de Kaspersky Lab Unha panorámica do efecto Google e as súas implicacións prácticas
Categoría:Google Categoría:Psicoloxía Categoría:Memoria