Os dereitos das mulleres en Afganistán foron oscilando dependendo do período de tempo así como do réxime no poder. Despois dos intentos do rei Amanullah Khan de modernizar o país na década de 1920, as mulleres obtiveron oficialmente a igualdade baixo a Constitución de 1964. Porén, estes dereitos foron suprimidos na década de 1990 a través de diferentes gobernantes temporais como os muxahidin e o talibáns durante a guerra civil afgá. Durante o primeiro réxime talibán (1996–2001), as mulleres tiñan moi pouca ou ningunha liberdade, concretamente en termos de liberdades civís. Cando os talibáns foron derrocados polos Estados Unidos logo dos atentados do 11 de setembro de 2001, os dereitos das mulleres melloraron gradualmente baixo o goberno da República Islámica de Afganistán. As mulleres eran de jure iguais aos homes segundo a Constitución de 2004.

Logo de que os talibáns recuperasen o poder de novo en agosto de 2021, impuxéronse severas restricións ás mulleres. As mulleres non poden viaxar máis de 70 km sen un parente próximo varón e están obrigadas a levar a cara cuberta en público de forma que só sexan visibles os seus ollos. Non se lles permite traballar na maioría dos sectores fóra da saúde e a educación. Teñen prohibido estudar en escolas secundarias e universidades. As mulleres teñen severamente restrinxido o acceso a espazos públicos no país xa que poden acceder a parques e ximnasios, e os salóns de beleza do país, a maioría deles dirixidos por mulleres, tiveron que pechar por orde do goberno en xullo de 2023.

En xullo de 2022, Hibatullah Akhundzada, o líder dos talibáns, arremeteu contra as críticas e esixencias da comunidade internacional sobre as restricións aos dereitos humanos dos talibáns, rexeitando calquera negociación ou compromiso sobre o seu "sistema islámico" de goberno.

Notas

Categoría:Mulleres en Afganistán