miniatura|274px|Imaxe de HLA-A11 mostrando as subunidades α (produto xénico A*1101) e β (Beta-2 microglobulina). Este receptor ten un péptido unido (no peto de unión) de orixe heteróloga que tamén contribúe á función.

En bioloxía estrutural, unha subunidade proteica ou subunidade de proteína é unha cadea polipeptídica ou molécula individual de proteína que se ensambla (ou "coensambla") con outras para formar unha proteína complexa. As grandes ensamblaxes de proteínas, como as dos virus, a miúdo usan uns poucos tipos de subunidades proteicas como bloques de construción de grandes estruturas.

As proteínas que se encontran na natureza que teñen un número relativamente pequeno de subunidades denomínanse oligoméricas.'' Por exemplo, a hemoglobina que normalmente se encontra no noso sangue é un conxunto simétrico de dúas subunidades idénticas de α-globina e outras dúas tamén idénticas entre si de β-globina; en total catro subunidades.

As subunidades adoitan designarse cunha letra grega ou romana, mentres que o número dese tipo de subunidades nunha proteína indícase cun subíndice. Por exemplo, a hemoglobina A é o tipo de hemoglobina máis habitual, designado α2β2, pero hai outros tipos, como a hemoglobina fetal, que ten outro conxunto de subunidades, designada α2γ2 (sen subunidades beta, pero con subunidades gamma).

As proteínas multiméricas máis longas, como as dos microtúbulos e outras proteínas citoesqueléticas, poden constar dun gran número de subunidades. Por exemplo, a dineína é un complexo proteico multimérico formado por dúas cadeas pesadas (DHCs), dúas intermedias (ICs), dúas cadeas intermedias lixeiras (LICs) e varias cadeas lixeiras (LCs).

As subunidades dun complexo proteico poden ser idénticas, homólogas ou totalmente diferentes e dedicadas a tarefas distintas. Nalgunhas ensamblaxes de proteínas, unha subunidade pode ser unha "subunidade catalítica", que cataliza encimaticamente unha reacción, mentres que unha "subunidade reguladora" facilitará ou inhibirá a actividade. Non sempre teñen estes dous tipos de subunidades; por exemplo, aínda que a telomerase ten como subunidade catalítica unha telomerase transcriptase inversa (TERT), a regulación é realizada por factores exteriores á proteína.

Un encima composto de subunidades cataliticas e reguladoras cando está ensamblado adoita denominarse holoencima. Por exemplo, a fosfoinosítido 3-quinase clase I está composta dunha subunidade p110 catalítica e unha subunidade p85 reguladora.

Unha subunidade está constituída por unha cadea polipeptídica. Unha cadea polipeptídica ten un xene que a codifica, o que significa que unha proteína multimérica ten que ter un xene para cada subunidade distinta que teña. As mutacións que afectan a unha proteína multimérica poden ocorrer en calquera deses xenes.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Proteína de fusión Complexo proteico Vacina de subunidades Estrutura cuaternaria das proteínas Alosterismo Cooperatividade Monómero

Categoría:Proteínas