miniatura|200px|Atacama. Chile é un país de América do Sur, limitado ó norte polo Perú, ó leste por Bolivia e a Arxentina, cun total de 6.339 km de fronteiras terrestres, ó sur polo Estreito de Drake e ó oeste polo océano Pacífico. O seu nome oficial é República de Chile e a súa capital é a cidade de Santiago de Chile.O Congreso Nacional ten a súa sede en Valparaíso.
Chile descríbese normalmente como constituído de tres distintas zonas. A primeira delas, situada na costa occidental do Cono Sur e coñecida como Chile continental, comprende unha longa e estreita franxa de terra que se estende, maiormente, entre a ribeira suroriental do océano Pacífico e a cordilleira dos Andes, desde os 17º29'57'S ata os 56º32'S de latitude, ao longo de 4.270 km. O seu ancho máximo alcanza os 445 km no paralelo 52º21'S e o seu ancho mínimo, os 90 km en 31º37'S. A segunda, denominada Chile insular, corresponde aos territorios insulares no océano Pacífico Sur: por unha banda, o arquipélago Juan Fernández e as illas Desventuradas, pertencentes a América do Sur; doutra banda, a illa Sala y Gómez e a illa de Pascua, situadas na Polinesia. Chile continental e Chile insular totalizan unha superficie de 756.096,3 km². A terceira, chamada Territorio Chileno Antártico, comprendida entre os meridianos 90º e 53º oeste, é unha zona da Antártida de 1 250 257,6 km² sobre a cal Chile reclama soberanía, prolongando o seu límite meridional ata o Polo Sur. Esta reclamación está conxelada de acordo co estipulado polo Tratado Antártico, do que Chile é signatario, sen que a súa firma constitúa unha renuncia. Localízase tamén en Chile a punta sur de América do Sur: o Cabo Horn, que é tamén o punto máis próximo da Antártida. Tamén en Chile está o lugar considerado como o máis seco do planeta: o Deserto de Atacama.
Debido á súa presenza en América, Oceanía e a Antártida, Chile defínese a si mesmo como un país tricontinental.
Ademais, Chile exerce dereitos exclusivos, reclamacións de diverso grao e soberanía sobre o seu espazo marítimo, chamado Mar chileno. Este comprende o mar territorial (120.827 km²), a zona contigua (131.669 km²), a zona económica exclusiva ou «mar patrimonial», cunha superficie total de 3 681 989 km², e a correspondente plataforma continental, cunha superficie de 145.194 km², que tamén forman parte do territorio chileno Chile posúe un bordo costeiro de 6.435 km de lonxitude.
Os seus máis de 17 millóns de habitantes alcanzan índices de calidade de vida, e porcentaxe de globalización que se atopan entre os máis altos de América Latina.
Toponimia miniatura|esquerda|200px|Torres do Paine, Patagonia.
Antes da chegada dos europeos ao continente, xa na tradición indíxena chamábase Chili as terras situadas ao sur do deserto de Atacama. Unha vez instalados no Vicerreinado do Perú, os conquistadores españois seguiron chamando desa forma á rexión do sur, ás veces tamén como «val de Chile», que posteriormente se faría extensiva a todo o país actual.
Aínda que non se sabe con certeza a orixe do nome «Chile», existen varias hipóteses.
Os historiadores Agustín de Zárate e Jerónimo de Vivar afirmaron que o nome sería orixinario da palabra quechua chire (chiri), «frío». De acordo cos cronistas Antonio de Herrera y Tordesillas e Vicente Carvallo y Goyeneche, derivaríase de Berre, antigo nome dun río no val do Aconcagua. Para Diego de Rosales, cronista do século XVII, proviría do nome dun cacique picunche, Tili ou Trili, que gobernaba ese mesmo val á chegada dos incas, antes do arribo dos españois. Segundo os xesuítas Miguel de Olivares e o abade Molina, orixinaríase en chili, onomatopea mapuche do son da ave trile, palabra usada para chamar a este paxaro de manchas amarelas nas ás. O historiador Miguel Luís Amunátegui afirmou que a súa orixe proviría da voz aimará chilli, «onde se acaba a terra». Segundo o antropólogo Ricardo E. Latcham, o vocábulo deberíase a un grupo de indios mitimaes, levados a Chile polos incas, que provirían dunha rexión do Perú onde existiría un río bautizado con ese nome.
Baixo o goberno do director supremo Ramón Freire, un decreto estableceu oficialmente o nome «Chile» para designar ao país o 30 de xullo de 1824.
Historia
Chile prehispánico Diversos estudos situaron os restos arqueolóxicos máis antigos do actual territorio continental chileno en Monte Verde, Rexión dos Lagos, ao redor do ano 14.800 a. C., no final do Paleolítico Superior, converténdoo no primeiro asentamento humano coñecido en América. Á súa vez, outras investigacións determinaron que unha mina de óxido de ferro en Taltal, Rexión de Antofagasta, é a máis antiga do continente. Así mesmo, neste período destaca a cultura Chinchorro, que se desenvolveu no extremo norte do país entre os anos 5.000 e 1.700 a. C., a primeira do mundo en momificar artificialmente aos seus mortos.
A poboación de Chile prehispánico aumentou dalgúns miles de paleoindios existentes no sétimo milenio a. C. ata 1 200 000 indíxenas no século XVI da nosa era. Nese entón, o actual país estaba habitado por unha diversidade de culturas aborixes que se situaban en franxas lonxitudinais, cruzando ata os Andes e chegando a territorios actualmente arxentinos no Atlántico. Na zona norte do país, a partir do século XI, os aimarás, atacameños e diaguitas estableceron culturas agrícolas fortemente influídas polo Imperio Inca que, desde fins do século XV, dominou a metade norte do territorio actual de Chile ata o río Maule. Nas costas das zonas norte e central, habitou o pobo chango. Ao sur do río Aconcagua, establecéronse as distintas comunidades seminómades dos mapuches, a principal etnia aborixe do país. Nas canles austrais habitaron distintos grupos indíxenas como os tehuelches, caucahue, chonos, alacalufes, selk'nam e yámana. Na illa de Pascua desenvolveuse unha avanzada e misteriosa cultura polinesia practicamente extinta actualmente.
Dominio español miniatura|150px|Lautaro. miniatura|esquerda|150px|Pedro de Valdivia.
En novembro de 1520, Fernão de Magalhães foi o primeiro explorador europeo en recoñecer o actual territorio chileno ao percorrer o estreito que hoxe leva o seu nome.
En 1535, os conquistadores españois intentaron facerse coas terras do «val de Chile» tras conquistar o Imperio Inca. A primeira expedición, liderada por Diego de Almagro, fracasou. Pedro de Valdivia intentaría novamente conquistar as terras ao sur do continente, atravesando o deserto de Atacama.
Valdivia fundou unha serie de asentamentos. O primeiro, e máis importante, o 12 de febreiro de 1541, Santiago de Nova Estremadura. Posteriormente, Valdivia iniciou unha dura campaña militar cara aos territorios máis ao sur, enfrontándose coas tribos mapuches, iniciando a guerra de Arauco, onde morreu capturado por unha emboscada iniciada polo toqui mapuche Lautaro. Alonso de Ercilla relatou por extenso esta primeira fase da guerra na súa obra La Araucana (1569). Este enfrontamento bélico estenderíase ao longo de tres séculos, aínda que con distintas etapas de paz grazas á realización de «parlamentos», como o de Quilín en 1641 que estableceu un límite entre o goberno colonial e as tribos indíxenas ao longo do río Biobío, dando nome á zona coñecida ata hoxe como La Frontera.
A Capitanía Xeneral de Chile, tamén chamada «Reino de Chile», sería unha das colonias máis austrais do Imperio español. Debido á súa posición afastada dos grandes centros e rutas comerciais imperiais e o conflito cos mapuches, Chile foi unha provincia pobre pertencente ao rico Vicerreinado do Perú, cuxa economía estaba destinada só a sustentar o Vicerreinado con materias primas (coiro, sebo e trigo) e aos poucos habitantes españois do territorio chileno.
Formación e expansión da nación miniatura|esquerda|150px|Bernardo O'Higgins.
En 1810, comezou un proceso de procura da autodeterminación de Chile, co establecemento da Primeira Xunta de Goberno, iniciando un período coñecido como Patria Vieja, que duraría ata o desastre de Rancagua en 1814, cando as tropas realistas reconquistarían o territorio. As tropas independentistas, refuxiadas en Mendoza, formarían xunto ás tropas arxentinas o Exército dos Andes, comandado polo xeneral en Xefe José de San Martín, que liberaría Chile tras a batalla de Chacabuco, o 12 de febreiro de 1817. Ao ano seguinte, declararíase a Independencia de Chile, durante o goberno do director supremo Bernardo O'Higgins.
O'Higgins iniciou un período de reformas que provocou o descontento de gran parte da oligarquía, o que causou a súa abdicación en 1823. Durante os sete anos seguintes, Chile veríase sometido a unha serie de procesos que buscaban dar organización ao novo país. Tras unha serie de intentos errados e a vitoria conservadora na Revolución de 1829, deuse inicio a un período de estabilidade na chamada República Conservadora, cuxo máximo referente foi o ministro Diego Portales, que establecería as bases da organización do país durante gran parte do século XIX, coa Constitución de 1833.
Chile lentamente comezou a expandir a súa influencia e a establecer as súas fronteiras. Mediante o Tratado de Tantauco, o arquipélago de Chiloé foi incorporado en 1826. A economía comezou a ter un grande auxe debido ao descubrimento do mineral de prata de Chañarcillo e ao crecente comercio do porto de Valparaíso, o que levou a un conflito pola supremacía marítima no Pacífico co Perú. A formación da Confederación Perú-Boliviana foi considerada como unha ameaza para a estabilidade do país e Portales declarou a guerra, que terminaría coa vitoria chilena na batalla de Yungay en 1839 e a disolución da Confederación. Ao mesmo tempo, intentouse afianzar a soberanía no sur de Chile intensificando a penetración na Rexión de Araucanía e a colonización de Llanquihue con inmigrantes alemáns. Por medio da fundación do Fuerte Bulnes, a rexión de Magallanes foi incorporada en 1843, mentres que a zona de Antofagasta, naquel tempo territorio boliviano, comezou a ser poboada.
miniatura|250px|Guerra do Pacífico: Combate Naval de Iquique, 21 de maio de 1879.
Tras trinta anos de goberno conservador, en 1861 iniciouse un período de dominio do partido Liberal que se caracterizaría pola riqueza económica obtida da explotación mineira do salitre na zona de Antofagasta, o que provocaría diferenzas limítrofes con Bolivia, país que reclamaba dito territorio como seu. En 1865, Chile entrou en guerra contra España, que recoñecera a independencia chilena o 24 de abril de 1844, por unha serie de desafortunadas circunstancias. O 31 de marzo de 1866, a escuadra española, ao mando do almirante Casto Méndez Núñez, bombardeou por tres horas a cidade de Valparaíso. O conflito foi exclusivamente marítimo e terminou formalmente en 1883 coa firma do Tratado de Paz e Amizade entre ambas as nacións.
Aínda que Chile e Bolivia asinaron tratados de límites en 1866 e 1874, non lograron resolver as súas disputas e, o 14 de febreiro de 1879, Chile desembarcou as súas tropas no porto de Antofagasta, iniciando as accións militares contra Bolivia. Perú asinara previamente un pacto de alianza defensiva con Bolivia, polo que Chile declarou a guerra a ambos o 5 de abril daquel ano, dando inicio formal á guerra do pacífico, que finalizaría coas firmas do Tratado de Ancón co Perú e o Pacto de Tregua con Bolivia en 1884. Tras o conflito, Chile obtivo o dominio sobre o departamento boliviano de Antofagasta e as provincia peruanas de Tarapacá, Arica e Tacna, esta última en posesión ata 1929, e logrou resolver os seus asuntos limítrofes coa Arxentina na Patagonia e a Puna de Atacama. Ao mesmo tempo, lográronse o fin da guerra de Arauco coa Pacificación da Araucania en 1881 e a incorporación da illa de Pascua en 1888.
Século XX miniatura|esquerda|150px|José Manuel Balmaceda.