Ragnar Hult, nado en Pohja (Finlandia) o 4 de marzo de 1857 e finado en Helsinqui o 25 de setembro de 1899, foi un naturalista finlandés. Especializado en botánica, xeografía e xeoloxía foi precursor na identificación da sucesión ecolóxica e un dos primeiros en estudar a xeomorfoloxía de Galicia.
Traxectoria Era fillo dun sueco de Finlandia e morou en Helsinqui dende os catro anos. Alí cursou estudos universitarios de Botánica, que rematou en 1878. Centrando o seu interese na distribución espacial das plantas, a fitoxeografía, en 1881, tras unha breve estada en Suecia, publicou a tese de doutoramento Försök till analytisk behandling af växtformationerna (estudo analítico das comunidades vexetais). Este traballo converteuno nun dos primeiros en estudar a sucesión ecolóxica.
Profesor de Fitoxeografía da Universidade de Helsinqui dende 1886, foino tamén de Xeografía no mesmo centro dende 1890. Defendeu a independencia da xeografía e o seu vencello coas Ciencias Naturais. Fomentou a divulgación do coñecemento xeográfico e fundou a Asociación Xeográfica Finlandesa (1887) e o Departamento de Xeografía da Universidade de Helsinqui, e buscou a inclusión da Xeografía como materia escolar.
Adentrouse no estudo do relevo de Finlandia, concluíndo que no período entre as antigas oroxenias e o Cuaternario foi cando naceron as principais formas xeomorfolóxicas, aínda que logo foron modificadas polo glaciarismo. Buscando confirmar esta hipótese, fixo unha viaxe á Península Ibérica no ano 1898. Entre xaneiro e o verán de 1899 investigou en Galicia. En Pontevedra, o 13 de febreiro, asina o artigo “Granitens vittring i malicien”, que aparecería na Meddelanden af Geografiska Foreningen i Finland correspondente aos anos 1899 e 1900, e no que analizaba o proceso de disgregación do granito galego e que presenta a primeira descrición coñecida dunha “cachola” ou “tafone” feita en Galicia, e a terceira a nivel mundial. Aínda que neste artigo nega que Galicia se vise afectada polo glaciarismo, a viaxe posterior por Ramilo, Viana do Bolo, faino cambiar de opinión como rexistrou no artigo “Fjallvandringar i Galicien och Zamora" (1899), que supón a primeira descrición do glaciarismo galego.
Durante a súa estadía coñeceu a varios científicos galegos como Antonio García Varela, Baltasar Merino e Ernesto Caballero; máis estreita foi a súa relación con Víctor López Seoane, en cuxa casa da Coruña parou entre o 15 de marzo e o 6 de abril de 1899. Ademais, o finlandés revisou as listaxes de narcisos e toxos, así como as criptógamas, de López Seoane, a quen, tamén, agasallou coa colección de briófitas e liques que recollera por Galicia.
Caeu doente no verán de 1899, non podendo trasladarse a América, como agardaba inicialmente, regresou a Finlandia. O seu pasamento tivo lugar en Helsinqui o 25 de setembro dese ano.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Fraga, Xosé Antón: Ragnar Hult. Publicado o 23/12/2012 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) Rikkinen, K. (1988). Ragnar Hult and the emergence of geography in Finland, 1880-1900. Fennia - International Journal of Geography, 166(1), 3–192.
Ligazóns externas
Sociedade Xeográfica de Finlandia (en finlandés e inglés)
Categoría:Nados en 1857 Categoría:Finados en 1899 Categoría:Botánicos de Finlandia Categoría:Científicos de Finlandia