Pieris napi é unha bolboreta de tamaño mediano-pequeno (machos entre 4,5 e 5, e femias entre 4 e 5 cm de envergadura), de anverso branco con manchas negras e reverso con nervios verdosos, e con dimorfismo sexual. Pertence á familia Pieridae e foi descrita por Carl von Linné en 1758.Linneo, C. (1758) O seu epíteto xenérico fai referencia a Pieria, lugar onde naceron as musas e Orfeo, da mitoloxía grega. O específico fai referencia ao nabo ou colza (Brassica napus).Alvar Ezquerra, Jaime (2000) e Escútia Fors, Eloi (2011)

É unha bolboreta común e localmente abundante distribuída por África, Europa e Asia, que voa en zonas húmidas con moitas flores, en marxes de bosques e bosques de ribeira.Savela, M. (2012) e Aguado Martín, L.O. (2007) O seu estado de conservación non reviste preocupación e non se atopa incluída na Lista vermella da UICN nin no Atlas e libro vermello dos invertebrados ameazados de España.UICN (2012) e Verdú, J.R. et ál. (2012)

Descrición O polimorfismo desta especie é moi acusado: existen diferenzas entre as bolboretas da primeira xeración, máis intensamente coloreadas, e as das seguintes xeracións. Tamén existen diferenzas notables entre poboacións de diferentes lugares e, mesmo, entre individuos da mesma poboación.

O anverso ou cara superior das ás é branco con manchas negras. O reverso é de cor branca e amarela limón intensa na primeira xeración, e pálida nas demais, con manchas agrisadas e nervaduras verdosas.

O anverso das ás anteriores dos machos é branco coa costa agrisada e unha mancha apical gris, ás veces interrompida por trazos negros de pequeno tamaño. A zona basal é gris na súa parte proximal e branca na distal, as zonas discal, posdiscal e submarxinal son tamén brancas coas veas resaltadas finamente en gris. Na zona posdiscal aparece unha mancha denegrida en E3. As ás posteriores son brancas cunha mancha posdiscal negra en E7.

O reverso alar é branco, amarelo e con trazos verdosos. As anteriores teñen a zona apical amarelada e as veas suavemente rotuladas de amarelo, menos na primeira xeración que están grosamente marcadas de gris. En E3 aparece un punto negro. As posteriores son de ton amarelo pálido con mancha agrisada en E7; na primeira xeración estas ás son amarelo intenso coas veas marcadas por grosos trazos verdosos, sendo a mancha de E7 verdosa tamén.

As ás das femias son similares, con manchas de maior extensión. O anverso das anteriores posúe unha zona basal máis escura, cunha mancha negra e alargada en E1a e outras tres manchas posdiscais negras en E1b, E3 e E5 que se confunde coa mancha apical.Aguado Martín, L.O. (2007), p. 166 esquerda|miniatura|Pieris napi, pousada sobre a flor de cenoura, na que se aprecia ben o seu reverso alar. Como no resto de especies da súa familia, os imagos teñen a cabeza pequena, con antenas en maza, e uns palpos ben desenvolvidos. O tres pares de patas son funcionais. As súas ás anteriores forman un ángulo agudo na súa base, mentres que as posteriores, que teñen unha superficie alar maior, son redondeadas. Son característicos dous nervios anais nas ás posteriores.Aguado Martín, L.O. (2007), pp. 156-157

As eirugas son de cor verde amarelado, alargadas, de cabeza pequena, cilíndricas, e sen espiñas. As crisálidas, cólganse polo cremáster dos talos das plantas hospedadoras e fíxanse cun cíngulo de seda, adquirindo a tonalidade da planta na que están.Aguado Martín, L.O. (2007), pp. 156-157

Pódese confundir con outras especies do mesmo xénero como P. brassicae, P. rapae, P. ergane ou P. mannii.

Ciclo biolóxico e alimentación miniatura|301x301px|Ovo recentemente depositado sobre o talo de mostaza. É unha especie trivoltina cunha primeira xeración que voa a principios da primavera e que posúe coloracións máis intensas. A segunda xeración aparece a principios do verán e a terceira a principios do outono.

As femias realizan a posta sobre follas e talos das plantas nutricias, deixando un ovo en cada pé de planta até pór uns 150. Aproximadamente 15 días despois a eiruga eclosiona desenvolvéndose durante algo máis dun mes até converterse en crisálide. A última xeración hiberna neste estado.

As súas plantas nutricias son as da familia das crucíferas, especialmente colza, col, Sisymbrium irio, Sinapis arvensis, Alliaria petiolata ou Cardamine pratensis.Aguado Martín, L. O. (2007), p. 167 Pero tamén se pode alimentar de Thlaspi arvense, Brassica campestris, nabo, saramago, Armoracia rusticana, Cardamine amara, etc.Savela, M. (2011)

Distribución e hábitat Especie cosmopolita, o seu rango de distribución abarca desde o norte de África, Europa, Rusia occidental e Asia Menor e Central, así como os países da baía de Bengala e o arquipélago xaponés. Falta nalgunhas illas mediterráneas como Mallorca, Sardeña ou Chipre.Aguado Martín, L. O. (2007), p. 167Savela, M. (2011)

O seu hábitat son zonas húmidas con gran cantidade de flores, nos lindes dos bosques e en bosques de ribeira. Os adultos buscan especialmente zonas floridas realizando pequenas migracións.Aguado Martín, L. O. (2007), p. 167

Sistemática miniatura|200x200px|Vista dorsal da bolboreta en repouso. Inicialmente descrita como Papilio napi por Linné en 1758, foi trasladada ao xénero Pieris por Franz Paula von Schrank en 1801. Posteriormente, novas descricións conduciron a sinonimias como Papilio napaeae Esper 1804, Pieris meridionalis Heyne 1895, Pieris flavescens Wagner 1903, Pieris dubiosa Rober 1907, Pieris canidiaformis Drenowsky 1910, Pieris adalwinda Fruhstorfer 1909, Pieris arctica Verity 1911 ou Artogeia napi.

Subespecies Adalbert Seitz na súa obra Die Gross-Schmetterlinge der Erde (As maiores bolboretas do mundo) de 1900, recollía até 19 variedades desta especie. Actualmente recoñécense 13 subespecies:

Pieris napi adalwinda Fruhstorfer 1909 - norte de Europa. Pieris napi atlantis Oberthür 1925 - Marrocos. Pieris napi britannica Verity 1911 - illas Británicas. Pieris napi keskuelai Eitschberger 2001 - Uralis polares. Pieris napi lappona Rangnow 1935 - norte de Suecia e Finlandia. Pieris napi lusitanica de Sousa 1929 - Portugal. Pieris napi maura Verity 1911 - Alxeria e oeste de Tunes. Pieris napi meridionalis Heyne 1895 - cordilleira do Himalaia no golfo bengalí.Savela, M. (2011) Pieris napi muchei Eitschberger 1984 - Asia Central. Pieris napi napi - Europa. Pieris napi napoleon Eitschberger 1990. Pieris napi segonzaci Lle Cerf 1923 - Marrocos.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Taxons descritos por Linné Categoría:Bolboretas de Galicia Categoría:Animais descritos en 1758