O Tribunal Supremo de Wyoming (en inglés, Wyoming Supreme Court) é a máis alta instancia xudicial do estado de Wyoming, nos Estados Unidos. A súa sede está en Cheyenne e está integrado por cinco maxistrados cuxas sentenzas só poden ser apeladas ante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos.

Competencias e composición As súas competencias veñen definidas polo artigo cinco da Constitución do estado. Este fai ao Tribunal resposable en dirimir as apelacións en materia civil e penal e convírteo no supervisor de todos os xulgados de Wyoming. A diferenza do que adoita acontecer no resto de estados, en Wyoming non existen instancias intermedias entre os xulgados de distrito e o Supremo, correspóndendolle a este último a revisión dos casos apelados.

Os maxistrados que compoñen o Tribunal Supremo son cinco, sendo un deles o presidente (chief justice), e teñen mandatos de oito anos. Ata 1972 eran escollidos por sufraxio, mais nese ano trocou o sistema de escolla. Procurando mellorar a independencia xudicial, en 1971, Wyoming adoptou por referendo o sistema chamado "Plan Missouri" que establece un comité para a selección de xuíces e que propón ao gobernador os candidatos ás vacantes do Supremo. Un ano despois da designación, os cidadáns son consultados nas eleccións por se o xuíz debe continuar ou non (retention election).

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Páxina web do Tribunal Supremo de Wyoming (en inglés)

Categoría:Tribunais supremos Categoría:Dereito nos Estados Unidos de América Categoría:Wyoming