Armita Geravand (en ), nada en Kermanshah o 2 de abril de 2006 e finada en Teherán o 28 de outubro de 2023, foi unha estudante kurda iraniana, que o 1 de outubro de 2023 quedou en coma no metro de Teherán logo de que a Patrulla de orientación da policía iraniana a agredise por non levar o velo islámico. Dende entón quedou ingresada na unidade de coidados intensivos dun hospital do exército, onde foi declarada con morte cerebral o 22 de outubro de 2023 e oficialmente morta o 28 de octubro. A súa morte foi comparada coa de Mahsa Amini.
Contexto En Irán, as mulleres están obrigadas por lei a cubrir os cabelos e a levar roupa alargada como parte dos estritos códigos de vestimenta islámicos. Aquelas que infrinxan a norma enfróntanse a reprimendas públicas, multas ou detencións por parte da policía relixiosa islámica, tamén coñecida como «policía da moral». En setembro de 2022, Mahsa Amini, de 22 anos, morreu baixo a custodia da Patrulla de orientación da policía iraniana logo de ser detida por, presuntamente, non levar ben posto o hijab. A morte de Amini provocou protestas en todo Irán, que se coñeceron como «movemento Mahsa». En resposta, o réxime reprimiu o activismo e endureceu as leis do velo islámico.
Traxectoria Nada en Kermanshah o 2 de abril de 2006, estudou arte no Conservatorio Estatal Arwa al-Wathgi de Teherán e era afeccionada a practicar taekwondo. O 1 de outubro de 2023 foi vista entrando no metro de Teherán con dous amigos. Máis tarde, foi arrastrada fóra dun vagón, inconsciente, e trasladárona a un hospital. Segundo o grupo kurdo de defensa dos dereitos humanos Hengaw e os seus dous amigos, axentes da policía moral recrimináronlle a Geravand que non levase o velo posto e, despois dun breve altercado, foi agredida e caeu, provocándolle un golpe na cabeza e perdendo o coñecemento. Ingresou nun hospital con «lesións cerebrais graves». As autoridades iranianas negaron que houbese ningún enfrontamento físico e afirmaron que se desamaiou por mor da presión arterial baixa.
As imaxes da cámara de seguridade da estación de metro amosan como a vítima entrou no tren sen valo na cabeza, xunto con dúas mozas máis. Momentos despois, os seus amigos sacárona inconsciente do tren. Os medios estatais iranianos afirmaron que esas imaxes demostraban a súa narrativa, pero non mostraban os acontecementos no interior do vagón do tren que levaron ao coma da nena.
Consecuencias O hospital onde ingresou Geravand estaba rodeado de forzas de seguridade que ameazaraon á familia e ás amizades da vítima. Un xornalista que tentou investigar o seu estado foi detido brevemente. O goberno de Irán rexeitou as críticas internacionais, cualificándoas de «intervencionistas». Os funcionarios defenderon a tese de que a moza simplemente se desmaiou e sufriu unha lesión accidental.
O 22 de outubro, os medios de comunicación estatais de Irán anunciaron que foi declarada con morte cerebral despois de estar en coma durante diversas semanas. Seis días despois, o 28 de outubro, comunicouse a súa morte oficial no hospital de Teherán onde estaba ingresada. O caso xerou críticas internacionais e peticións dunha investigación independente sobre a causa do seu estado. A ministra de Asuntos Exteriores alemá, Annalena Baerbock, cualificou a agresión de «insoportable».
Notas
Véxase tamén Outros artigos Mahsa Amini
Categoría:Nados en Irán Categoría:Nados en 2006 Categoría:Finados en 2023 Categoría:Asasinatos en Irán