José Luis Penado Gómez, nado en Pontevedra en 1928 e finado na mesma cidade o 13 de setembro de 2016, foi un escultor galego. Dotado dunha óptica moi persoal, deixou unha abundante obra, a maioría realizada en ferro, o seu material fetiche. Traxectoria Dende a súa xuventude amosou interese pola arte, tanto plástica coma musical. Asistiu a clases de debuxo e pintura con Castelao e Laxeiro. A súa estancia en Madrid para facer o servizo militar permitiulle ampliar o seu horizonte artístico, descubrindo obras como as de Julio González. Os seus inicios na escultura foron traballando a madeira, pero na década de 1950 emigrou a Venezuela, vivindo en Caracas, onde traballou na metalurxia, como encargado nun taller de soldadura. Alí asimilou novas técnicas e a partir dese momento entregouse por completo ó ferro, material co que creou as súas obras máis notables.

Volveu a España en 1965 e instalouse na súa Pontevedra natal. Dous anos máis tarde realizou a súa primeira exposición na Sala de Información e Turismo, na que xa amosaba o seu interese polo oficio artesanal da forxa. Despois realizou mostras en Madrid, Vigo, Ourense, Salamanca, Valladolid, Sevilla, Barcelona e Pamplona.

En 1996 tivo lugar unha exposición de esculturas súas na Casa de Galicia de Madrid.

Xa como artista consolidado incorporou novos materiais á súa obra, o aceiro e o bronce, e nos seus últimos anos incorporou o estaño e engadiu cor á súa mirada abstracta sobre a natureza.

No ano 2014 foi protagonista dunha exposición antolóxica que organizou o Museo de Pontevedra, no Edificio Sarmiento.

Faleceu na súa cidade natal o 13 de setembro de 2016.

Obra dereita|miniatura|Monumento á árbore en Pontevedra. Foi un creador moi prolífico, realizando pezas para diferentes institucións públicas e privadas e tamén para diferentes templos de Galicia, destacando a impresionante cruz monumental situada na igrexa neogótica de Caritel. Na Pousa, entre Caritel e Forzáns, estaba situada unha escultura en homenaxe o Can de palleiro, encargada por Manuel Cordo Boullosa en 1973 e desaparecida desde 2016.

Foi autor da popular figura do papagaio Ravachol situada na praza da Peregrina, en Pontevedra. Tamén destaca o monumento urbano Aí veñen os mariñeiros situado na praza Elíptica da Coruña e o Monumento á árbore, situado na praza de Barcelos de Pontevedra.

Tamén existen obras súas no Museo de Pontevedra e no Museo Taurino de Pamplona.

Premios e recoñecementos Premio Meigas e Trasnos de Sarria, en 1973 Primeiro premio do Concello do Grove, en 1981. Título de “Amigo de Pontevedra”, en 1996

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Escultores de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes