Hedwig Klein, nada o 19 de febreiro ou o 12 de setembro do 1911 en Anveres e finada despois do 11 de xullo do 1942 en Auschwitz, foi unha arabista xudía nacionalizada alemá. Participou na creación do dicionario Arabisches Wörterbuch für die Schriftsprache der Gegenwart (1952).
Traxectoria Hedwig Klein naceu en Anveres, a segunda filla de Abraham Wolff Klein, un comerciante petroleiro húngaro, e a súa dona Recha. No 1914, a súa familia trasladouse a Hamburgo. Dous anos máis tarde, o pai foi asasinado en combate na Fronte Oriental durante a Primeira Guerra Mundial. En xaneiro do 1927, Klein, a súa nai e mais a súa irmá recibiron a cidadanía alemá.
Klein estudou no Colexio Xudeu Feminino de Hamburgo até o 1928, cando se uniu á Lichtwarkschule. Alí, completou o seu Abitur no 1931.Ursel Hochmuth: Lichtwarkschule/Lichtwarkschüler: »Hitler führt ins Verderben - Grüßt nicht!«, in: Ursel Hochmuth/Hans-Peter de Lorent (Hg.): Hamburg: Schule unterm Hakenkreuz, Beiträge der »Hamburger Lehrerzeitung« (Organ der GEW) und der Landesgeschichtskommission der VVN/Bund der Antifaschisten, Hamburger Lehrerzeitung, Hamburg, 1985, S. 97 Nese mesmo ano, ingresou na Universidade de Hamburgo para estudar Filoloxía Inglesa e Estudos Islámicos e Semíticos. No 1937, Klein completou a súa tese de doutoramento, Geschichte der Leute von 'Omān von ihrer Annahme des Islam bis zu ihrem Dissensus ("Historia do pobo de Omán dende a súa aceptación do Islam até a súa disidencia"), unha edición crítica dun manuscrito árabe relativo á historia islámica. Porén, ao ser xudía, non lle foi concedido o título de doutora, polo que tivo que escribir ao sinólogo Fritz Jäger, daquela decano da Facultade de Filosofía. Entre outras razóns, argumentou que o seu pai falecera en combate durante a guerra. Finalmente, permitíuselle defender a súa tese "como excepción". O tribunal concedíulle unha cualificación summa cum laude. Rudolf Strothmann, o seu supervisor, declarou o seu traballo "unha contribución notable aos estudos sobre o Islam", e o seu compañeiro Arthur Schaade indicou que era "tan dilixente e brillante que destacaba sobre o traballo de moitos arabistas expertos". Klein tamén superou o seu Rigorosum coa cualificación de "excelente". A pesar das louvanzas, as autoridades negáronse a confirmar o seu título, apelando a unha "deterioración da situación".
Klein decidiu abandonar Alemaña. O xeógrafo Carl Rathjens conseguíulle un posto de traballo na India. Klein saíu de Hamburgo no barco Rauenfels o 19 de agosto do 1939. O día 21, enviou unha postal a Antwerp, na que diciá: "O tempo é bo, e síntome a gusto a bordo deste barco, sen preocupacións polo futuro. Sen dúbida, Alá vaime axudar. Creo nisto dende que tiven a sorte de atoparme con un dos Seus amigos". Non obstante, días despois o barco recibiu a orde de volver a Hamburgo. Klein foi confinada nun gueto e forzada a levar a Judenstern, a insignia para recoñecer publicamente aos xudeus. O propio Rathjens foi detido durante un mes no campo de Fuhlsbüttel.
Arthur Schaade puxo a Klein en contacto con Hans Wehr, quen estaba a traballar no seu dicionario de árabe contemporáneo, o Arabisches Wörterbuch für die Schriftsprache der Gegenwart ("Dicionario de árabe escrito contemporáneo"). O propósito desta obra era poder traducir o Mein Kampf ("A miña loita") de Adolf Hitler ao árabe, para gañar o favor dos pobos árabes. Klein analizou obras literarias en árabe contemporáneo para a elaboración do dicionario, creando entradas co significado de múltiples palabras. Por cada palabra, recibía 10 Pfennigs. O propio Wehr alabaría a "calidade excepcional" das súas contribucións. Non obstante, un dos involucrados no proxecto recoñeceu a Arthur Schaade que sería imposible recoñecer as devanditas contribucións da autora.
Este traballo evitou a súa deportación a Riga en decembro do 1941. Schaade escribira ás autoridades nazis que a propaganda de guerra requería da culminación do dicionario, e que Klein era necesaria tendo en conta que "o número de traballadores arios dispoñibles era reducido". Secasí, a irmá de Klein foi enviada a Riga o 6 de decembro dese mesmo ano, onde sería asasinada. A propia Hedwig Klein sería enviada a Auschwitz o 11 de xullo de 1942, a pesar da intervención de Schaade. A nai sería trasladada catro días máis tarde a Theresiendstadt, onde finaría en novembro do ano seguinte. Schaade pediulle ao arabista Adolf Grohmann, que vivía en Leitmeritz, que contratara a Klein como asistente. Non obstante, Grohmann negouse a axudala, xa que era un nazi convencido.
Tras a caída do réxime nazi, Schaade e Rathjens intentaron saber que ocorrera con Klein. Rathjens informou ao seu veciño, o teólogo Walter Windfuhr, que Klein fora enviada, con case total seguridade, directamente á cámara de gas.
Recoñecemento miniatura|Placa conmemorativa Para exonerarse, Hans Wehr afirmou durante a súa desnazificación que salvara a Klein da deportación ao contratala para realizar un traballo necesario para a guerra. Porén, a primeira edición do seu dicionario só agradecía brevemente á "doutora Klein" as súas contribución, sen mencionar a súa morte. O asasinato de Klein en Auschwitz non aparecería mencionado no prólogo até o ano 2020, coa sexta edición da obra.
No ano 1947, Carl Rathjens solicitou ao Tribunal do Distrito de Hamburgo ser nomeado representante in absentia de Klein. O xeógrafo imprimiu varias copias da tese de Klein e, o 15 de agosto de 1947, foi postumamente nomeada doutora. No 1951, Rathjens logrou a declaración oficial do seu falecemento.
O 22 de abril do 2010, unha placa conmemorativa co nome de Klein e outros académicos xudeus vítimas da Shoá foi colocada no exterior do edificio principal da Universidade de Hamburgo. Outra placa semellante foi posta na súa última dirección coñecida, no distrito Harvestehude de Hamburgo.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Hedwig Klein (The World Holocaust Remembrance Center)
Categoría:Alumnos da Universidade de Hamburgo Categoría:Finados en 1942 Categoría:Nados en 1911 Categoría:Asasinados polo réxime nazi Categoría:Finados en campos de concentración nazis