Entre o 19 e o 20 de setembro de 2023, Azerbaidján lanzou unha ofensiva militar a grande escala contra o estado secesionista autoproclamado de Artsakh, un movemento visto como violación do cesamento ao fogo asinado logo da segunda guerra de Nagorno-Karabakh en 2020. A ofensiva tivo lugar na disputada rexión de Nagorno-Karabakh, que é recoñecida internacionalmente como parte de Azerbaidján, mais está poboada por armenios. O obxectivo declarado da ofensiva era o desarme completo e a rendición incondicional de Artsakh, así como a retirada de todos os soldados de etnia armenia presentes na rexión. A ofensiva produciuse no medio dunha crise crecente causada polo bloqueo de Artsakh, o que provocou unha escaseza significativa de subministracións esenciais como alimentos, medicamentos e outros bens na rexión afectada.

Un día despois de que comezase a ofensiva o 20 de setembro, alcanzouse un acordo de alto ao fogo descrito como un acordo de rendición de Artsakh con mediación do continxente ruso de mantemento da paz, onde se acordou que o Exército de Defensa de Artsakh, as forzas armadas de Artsakh, serían desarmadas. Porén, tanto os residentes como os funcionarios de Artsakh informaron de violacións do cesamento do fogo por parte de Azerbaidján até comezos de outubro. O 28 de setembro, o presidente de Artsakh, Samvel Shahramanyan asinou un decreto para disolver todas as institucións estatais para o 1 de xaneiro de 2024, poñendo fin á existencia do estado separatista.

A ofensiva e a posterior rendición deron lugar a un éxodo dos armenios de Nagorno-Karabakh, no cal case toda a poboación de Nagorno-Karabakh fuxiu da rexión cara aos países veciños, principalmente Armenia. As organizacións de dereitos humanos e expertos en prevención do xenocidio emitiron múltiples alertas que a poboación armenia da rexión estaba en risco ou estaba activamente sometida a limpeza étnica e xenocidio, así como crimes de guerra e crimes contra a humanidade. Luis Moreno Ocampo, fiscal da Corte Penal Internacional, clasificou a limpeza étnica dos armenios de Nagorno-Karabakh como un segundo xenocidio armenio, e opinou que a inacción da comunidade internacional animou a Azerbaidján a actuar con impunidade.

Notas

Referencias

Categoría:2023 Categoría:República de Artsakh Categoría:Conflito de Nagorno-Karabakh