Aleksandr Dziuba (en ), nado en Rostov no 1990, é un tradutor e lingüista ruso. Está especializado nas linguas castelá e galega.
Traxectoria Aleksandr Dziuba naceu en Rostov no ano 1990. Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade Federal do Sur, onde exerceu como profesor. Posteriormente, cursou un mestrado en Estudos Hispánicos na Universidade de Cádiz.
Vivindo en Valencia, descubriu o galego a través da música de Mercedes Peón. Así, decidiu trasladarse á Coruña para exercer como auxiliar de conversa na Escola Oficial de Idiomas da cidade e comezar a estudar a fala.
Obra Dziuba traballou no eido da lingüística románica, con publicacións académicas sobre o uso da lingua castelá na publicidade. No ámbito da lingua galega, editou o primeiro dicionario galego-ruso, dispoñible gratuitamente en liña. Esta obra conta cuns 11.000 lemas organizados de xeito alfabético, e está destinada tanto a estudantes de idiomas como a especialistas. Dziuba continúa a traballar nunha segunda edición, coa pretensión de recoller até 40.000 entradas. Así mesmo, escribiu poemas e contos en galego.
Como tradutor, verteu ao galego o clásico ruso Doutor Zhivago (1957), de Borís Pasternak. Foi publicado pola Editorial Galaxia no 2024. Tamén traduciu O retrato de Castelao ao ruso. No 2025, publicou os Contos de San Petersburgo de Gogol en Rinoceronte Editora.
Publicacións Artigos académicos Dziuba, A.V. (2017). Los juegos de palabras en la publicidad de aerolineas españolas e hispanoamericanas: una propuesta de clasificación. Colindancias: Revista de la Red de Hispanistas de Europa Central, 8, 161-172.
Dicionarios Dziuba, A.V. (2021). Dicionario galego-ruso/Галисийско-русский словарь. Xunta de Galicia.
Traducións Pasternak, B. (2024). Doutor Zhivago. Editorial Galaxia. Gogol, N. (2025). Contos de San Petersburgo. Rinoceronte Editora.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Dicionario galego-ruso (O Portal da Lingua Galega)
Categoría:Lingüística galega Categoría:Lexicografía Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados no óblast de Rostov Categoría:Personalidades de Galicia Categoría:Tradutores ao galego Categoría:Tradutores do ruso Categoría:Tradutores ao ruso