Soiuz MS-22 foi unha misión espacial tripulada rusa lanzada o 21 de setembro de 2022 mediante o un foguete Soiuz 2-1a desde o cosmódromo de Baikonur.
Características Soiuz MS-22, unha Soiuz modelo MS cos cosmonautas Sergei Prokopiev, Dimitri Petelin e Frank Rubio a bordo (a tripulación de respaldo eran Oleg Kononenko, Nikolai Chub e Loral O'Hara), foi unha misión lanzada para acoplarse coa Estación Espacial Internacional. Unha vez en órbita chegou á estación seguindo unha traxectoria rápida de tres horas e media, acoplándose ao módulo Rassvet. Coa tripulación da Soiuz MS-22 os ocupantes da estación pasaron de sete a dez.
O 15 de decembro, durante a preparación dun paseo espacial desde o módulo Poisk, detectouse a perda de refrixerante no circuíto externo do sistema de control térmico da Soiuz MS-22, visible como unha expulsión de partículas desde a nave ao espazo. O paseo espacial foi cancelado de inmediato e ao día seguinte fixéronse varias probas para determinar o estado da Soiuz, que se considerou bo, aínda que a temperatura no seu interior subeu ata os 30 °C, obrigando a ventilalo. Roskosmos non veu motivos para un regreso de emerxencia da nave e probas posteriores mostraron que a causa da fuga era un burato de 0,8 mm no radiador do sistema de refrixeración. A conclusión despois da revisión de tódolos datos é que o burato foi causado por un "dano mecánico externo", posiblemente un micrometeorito ou un defecto de fabricación. O 8 de xaneiro Roskosmos tomou a decisión de que a Soiuz 22 aterrase sen tripulación para non poñer en risco aos cosmonautas, mentres que a Soiuz MS-23 sería lanzada en modo automático para ser usada polos cosmonautas da MS-22, que só volvería a terra despois do acoplamento da MS-23 por precaución. Finalmente a Soiuz MS-22 regresou o 28 de marzo de 2023 sen tripulación, aterrando a 147 km ao sueste da cidade de Dzhezkazgan (Kazakhstán).
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Soiuz 2-1a Estación Espacial Internacional
Categoría:Programa Soiuz