A revolución brasileira de 1930 (en portugués: Revolução de 1930 ) foi un movemento armado, liderado polos estados de Minas Xerais, Paraíba e Río Grande do Sur, que culminou co golpe de estado, menos coñecido como Golpe de 1930, que depuxo ao presidente da república Washington Luís o 24 de outubro de 1930, impediu a toma de posesión do presidente electo Júlio Prestes e puxo fin á República Velha.
Co colapso da bolsa de Nova York, acontecido en outubro de 1929, comezou unha crise económica global, esmagando todas as economías con certa participación nos mercados internacionais, como o Brasil e as súas exportacións de café. En 1929, os líderes da oligarquía paulista romperon a alianza cos mineiros, coñecida como a política do café con leite, e nomearon ao paulista Júlio Prestes como candidato á presidencia da República. Como reacción, o presidente de Minas Xerais, Antônio Carlos Ribeiro de Andrada, apoiou a candidatura opositora do Río Grande do Sur, Getúlio Vargas.
O 1 de marzo de 1930 celebráronse eleccións para presidente da república, que deron a vitoria ao candidato do goberno, que era o presidente do estado de São Paulo, Júlio Prestes. Pero o golpe de estado lanzado o 3 de outubro de 1930 frustrou a toma de posesión. Júlio foi desterrado e converteuse no único político elixido presidente da República do Brasil por votación popular ao que se lle impediu a toma de posesión.
Getúlio Vargas asumiu o liderado do “Governo Provisório” o 3 de novembro de 1930, data que marca o fin da Primeira República Brasileira.
Notas
Categoría:Golpes de Estado Categoría:Historia do Brasil Categoría:1930 Categoría:Revolucións do século XX