A Professional Women's Hockey League ou PWHL (en francés Ligue professionnelle de hockey féminin ou LPHF) é unha liga profesional feminina de hóckey sobre xeo do Canadá e os Estados Unidos. A liga foi fundada en 2023 e está integrada por doce equipos, cinco do Canadá e sete dos Estados Unidos. Os equipos xogan unha liga regular, despois da cal os catro primeiros equipos se cualifican para os play-offs que determinan o equipo campión da Walter Cup. É propiedade e está operada na súa totalidade por Mark Walter Group.
As diferenzas entre a PWHL e outras ligas profesionais de América do Norte inclúen o sistema de puntos 3-2-1-0, a suspensión das penalizacións logo dun gol en inferioridade numérica, a quenda de shootouts ao mellor de cinco, e maiores restricións ao contacto físico (body checking). Os partidos de liga son retransmitidos a nivel nacional no Canadá pola CBC e TSN, e as súas afiliadas francófonas Radio-Canada e RDS, e en ambas linguas en Amazon Prime Video. Nos Estados Unidos, retransmítese por canles deportivas rexionais con sede en cada cidade estadounidense representada na liga. Tamén se retransmite internacionalmente vía streaming en YouTube, coa excepción do Canadá, así como Nova Sport na República Checa e Eslovaquia.
O colapso da Canadian Women's Hockey League en 2019 levou á creación da Professional Women's Hockey Players Association (PWHPA), unha organización sen ánimo de lucro que avogaba por un maior profeionalismo do hóckey feminino. As afiliadas á PWHPA boicotearon as ligas existentes, incluída a Premier Hockey Federation (PHF), co obxectivo de establecer unha liga profesional estable e unificada, e traballaron para lograr un convenio colectivo co Mark Walter Group e Billie Jean King Enterprises. O Mark Walter Group adquiriu os activos da PHF logo da súa tempada 2022-23. Posteriormente a PWHPA traballou co Mark Walter Group para crear unha liga unificada con novos propietarios e directivos. O primeiro draft da liga tivo lugar en setembro de 2023, e a súa primeira tempada comezou en xaneiro de 2024.
Historia Antecedentes e a PWHPA O hóckey sobre xeo feminino profesional e de alto nivel desenvolveuse en América do Norte de xeito intermitente dende finais do século XX. A National Women's Hockey League (NWHL) fundouse en 1999, con equipos de Ontario e Quebec principalmente. Algúns equipos do Oeste do Canadá competiron de xeito intermitente, mais en 2004 creouse a Western Women's Hockey League. A Canadian Women's Hockey League (CWHL) substituíu á NWHL e estivo activa durante 12 tempadas, dende 2007 ata 2019, con equipos competindo pola Clarkson Cup. A CWHL, que operaba sen fins de lucro, non pagaba salarios ás xogadoras, mais ás veces ofrecía estipendios e bonificacións, xa que aspiraba a converterse nunha liga profesional. Con todo, a liga careceu de estabilidade financeira e pechou abruptamente en 2019. En 2015 creouse nos Estados Unidos unha nova National Women's Hockey League —logo renomeada Premier Hockey Federation (PHF)— que ofrecía salarios ás xogadoras, e que se expandiu ao Canadá en 2020. Con todo, logo da disolución da CWHL, centos de xogadoras destacadas, incluíndo atletas olímpicas canadenses e estadounidenses, fundaron a Professional Women's Hockey Players' Association (PWHPA) e optaron por boicotear as ligas existentes na procura dunha liga profesional unificada e financeiramente estable. Mentres tanto, a PWHPA logrou alianzas con patrocinadores e equipos da National Hockey League, organizando torneos de exhibición para xerar apoio ao seu obxectivo.
En 2022 a PWHPA asociouse con Mark Walter Group e BJK Enterprises, lideradas polo propietario de Los Angeles Dodgers e Billie Jean King respectivamente, coa intención de crear unha nova liga profesional. En 2023 os dous socios comerciais mercaron os activos da PHF, que cesou as súas operacións. A PWHPA negociou un convenio colectivo antes do lanzamento da nova liga profesional pola que o sindicato estivera traballando.
Fundación e tempada inaugural
En agosto de 2023 o Mark Walter Group anunciou a creación da Professional Women's Hockey League (PWHL), xunto coa localización dos seis equipos fundadores: Boston, Minneapolis–St. Paul, Montreal, a Cidade de Nova York, Ottawa e Toronto. Os equipos comezaron a constuir os seus cadros de xogadoras ese mesmo verán, cun período inicial de dez días para fichar axentes libres. Emily Clark, Brianne Jenner e Emerance Maschmeyer convertéronse nas primeiras xogadoras da liga logo de fichar polo PWHL Ottawa. O draft inautural tivo lugar o 18 de setembro de 2023 no Canadian Broadcasting Centre de Toronto, onde o daquela denominado PWHL Minnesota escolleu a Taylor Heise como primeira elección nun draft de quince roldas e 90 xogadoras seleccionadas de entree 286 elixibles. A liga anunciou que, debido ás limitacións de tempo, os equipos non recibirían nomes ata despois da tempada inaugural, e empregarían camisolas co nome das localidades dos equipos nunha marca denominativa diagonal.
miniatura|250px|O primeiro partido de Minnesota como local foi un dos catro encontros da tempada nos que se estableceron récords de asistencia a partidos femininos profesionais de hóckey sobre xeo.
Antes do inicio da tempada inaugural, os seis equipos reuníronse no Utica University Nexus Center a principios de decembro para un campamento de avaliación de cinco días, incluídos xogos de adestramento paara experimentar coas novas regras. O primeiro partido da history tívo lugar o 1 de xaneiro de 2024, cando Toronto recibiu a New York no Mattamy Athletic Centre. Ella Shelton, de New York, anotou o primeiro gol da liga en camiño a unha vitoria por 4-0. A audiencia televisiva canadense do partido chegou aos 2,9 millóns de persoas e foi a maior para programas deportivos ou de entetemento dese día, superando á do 2024 NHL Winter Classic. O récord de asistencia a un partido profesional feminino de hóckey sobre xeo superouse en numerosas ocasións durante a tempada: no primeiro partido como local de Ottawa no TD Place Arena o 2 de xaneiro rexistráronse 8 318 persoas nas bancadas; 13 316 no primeiro partido de Minnesota na casa, o Xcel Energy Center, o 6 de xaneiro; 19 285 no partido inaugural "Battle on Bay Street" no Scotiabank Arena de Toronto o 16 de febreiro; e 21 105 no partido "Duel at the Top" disputado no Bell Centre de Montreal o 20 de abril. Os dous últimos atraeron a audiencias máis grandes da historia do hóckey feminino, superando as 18 013 persoas que asistiran ao partido entre Canadá e Finlandia no Campionato do Mundo Feminino de 2013.
As xogadoras de Toronto finalizaron na primeira posición da clasificación da liga regular ao final da primeira tempada e elixiron xogar contra as cuartas clasificadas, Minnesota, na primeira rolda dos play-offs, deixando a Montreal e Boston para disputar a outra serie. Minnesota derrotou a Toronto nunha serie de cinco encontros, mentres que Boston superou a Montreal en tres partidos consecutivos, decidíndose todos eles na prórroga. Na final, Minnesota gañou a Boston nunha serie de cinco partidos para conseguir o primeiro campionato da Walter Cup. Natalie Spooner foi a máxima anotadora da tempada e a gañadora inaugural do Trofeo Billie Jean King á MVP da tempada, mentres que Taylor Heise liderou os play-offs en anotación e foi nomeada MVP da post tempada.
2025 e 2026: as primeiras expansións Antes do inicio dactempada 2024-25, a liga anunciou que estaba a explorar unha posible expansión, abrindo o proceso a propostas e declarando que finalmente buscaría agregar dous novos equipos cando fora posible; en novembro de 2024, a liga recibira máis de dúas ducias de propostas de expansión. O 18 de abril de 2025, informes sinalaron que o primeiro equipo de expansión da liga podería estar en Vancouver, con Seattle supostamente como mellor opción para o segundo. O 23 de abril de 2025 a liga anunciou que Vancouver recibiría o primeiro equipo de expansión da historia da liga, que xogaría os seus partidos como local no Pacific Coliseum a partir da tempada 2025-26. Unha semana despois, o 30 de abril, a liga anunciou que Seattle recibiría o segundo equipo de expanión para a tempada 2025-26, que xogaría os seus partidos como local no Climate Pledge Arena, fogar do Seattle Kraken da NHL, que tería un papel de apoio ao equipo logo de ter apoiado a súa oferta de expansión. O 21 de maio, a PWHL nomeou a Meghan Turner como directora xeral do equipo de Seattle.
O Montreal Victoire liderou a liga regular e finalizou na primeira posición, o que lle deu a posibilidade de escoller o seu rival na primeira rolda dos play-offs, decidindo enfrontarse ao Ottawa Charge (terceiro da liga regular), e deixando emparelladas na outra semifinal ás Toronto Sceptres e o Minnesota Frost. As eliminatorias, disputadas ao mellor de cinco encontros deron como resultado a vitoria dos dous equipos que non contaban con vantaxe de pista. O segundo partido da eliminatoria entre Montreal e Ottawa bateu o récord de xogo disputado dun partido feminino logo de catro prórrogas e 135:33 minutos disputados.
Se ben en setembro de 2025 xa se especulara coa posibilidade de que a PWHL se expandiría de cara á tempada 2026-27 con catro novos equipos, principios do mes de maio de 2026 varios medios de comunicación fixeron público que a liga levaría a cabo unha nova expansión de ata cato equipos para a tempada 2026-27, de acordo cun comunicado que a propia PWHL enviou a The Athletic, se ben sinalaba que o proceso non estaba finalizado. No mesmo comunicado a liga sinalaba ademais que eliminaría o draft de expansión para as futuras ampliacións, deste xeito as xogadoras pasaban a ter control sobre o seu futuro, algo que non ocorrera coa expansión a Vancouver e Seattle. A vicepresidenta executiva de operacións comerciais da PWHL, Amy Scheer, sinalou nesas datas que a liga estaba explorando a idea de dividirse en dúas conferencias ou divisións. Dende a propia organización sinalouse que a PWHL tiña dúas prioridades: o equilibrio competitivo e que as xogadoras estiveran satisfeitas co proceso.
O 6 de maio de 2026 anunciouse que a novena franquía da liga tería a súa sede en Detroit, que xa acollera partidos nas tres tempadas de existencia da liga rexistrando un máximo de 15 938 persoas nas bancadas en marzo dese mesmo ano durante un partido entre o Montreal Victoire e as New York Sirens. Un dos motivos polos que se escolleu a cidade foi a longa tradición do estado de Míchigan no hóckey sobre xeo feminino, producindo xogadoras como Abby Roque ou Megan Keller. Unha semana máis tarde, o 13 de maio, a PWHL anunciou a creación de dúas novas franquías nas cidades de Hamilton (Ontario, Canadá) e Las Vegas (Nevada, Estados Unidos), esta última sen ter acollido nunca ningún partido da Takeover Tour. Finalmente, o 19 de maio anunciouse que o cuarto equipo de expansión tería a súa sede en San Jose (California, Estados Unidos), unha cidade que, como Las Vegas, nunca acollera un partido da liga. A prioridade para a PWHL coa expansión era atopar os catro mellores mercados que garantiran o éxito da liga a longo prazo.
Equipos