Napoleone di Buonaparte ou Napoleón Bonaparte (en francés [napoleɔ̃ bɔnɑpaʁt]), nado en Ajaccio (Córsega) o 15 de agosto de 1769 e finado en Santa Helena o 5 de maio de 1821, foi emperador de Francia a principios do século XIX e o home máis poderoso e influente de Europa. O seu reinado dá nome a toda unha época da historia de Europa, a unha longa serie de guerras, e simboliza a loita entre as correntes liberais da Revolución Francesa e o absolutismo e tradicionalismo do antigo réxime. A súa pegada quedaría na permanencia das súas reformas legais e administrativas, e no recoñecemento unánime do seu prodixioso talento militar.

Traxectoria miniatura|esquerda|Napoleón retratado como primeiro cónsul por Jean Auguste Ingres.

Procedente dunha familia da baixa nobreza de Córsega, o seu acento foi albo das burlas dos seus compañeiros de escola en Francia, onde desenvolveu un carácter adusto e decidido. Foi alumno da Escola Militar de Brienne e de París.

Trala Revolución Francesa Napoleón apoiou os revolucionarios, e en 1791 comprometeuse baixo xuramento na defensa do novo réxime. En 1792 retornou a Córsega onde participou na axitación nacionalista e revolucionaria na illa, ata a súa ruptura con Pasquale Paoli. Foi subindo rapidamente de rango militar ata se converter en xeneral, tras destacar no asedio de Tolón (1793).

Foi detido por xacobino, pero posteriormente recibiu o encargo de reprimir o levantamento monárquico de París (5 de outubro de 1795; 13 de vendimario). O 9 de marzo de 1796, contraeu matrimonio civil con Joséphine de Beauharnais viúva dun xeneral da República e nai de dous fillos.

Vitorias en Italia Nomeado polo Directorio comandante en xefe do exército de Italia en 1796, esmagou os sardos en Mondovi e derrotou os austríacos en Lodi, Rívoli e Arcole. Un transformado exército francés tomou Milán e Mantua, cruzou os Alpes e puxo en xaque Viena.

Napoleón atopou unhas tropas mal alimentadas, deficientemente equipadas e absolutamente desorganizadas. En pouco tempo converteunas no exército máis dinámico e eficaz do momento, malia a súa inferioridade numérica (tan só 37.600 homes realmente dispoñibles). A rapidez de movementos e a súa flexibilidade, a capacidade de concentrar forzas no momento e localización máis axeitadas deixaban constancia do seu xenio militar.

As súas fulminantes vitorias obrigaron o Imperio Austrohúngaro a pedir a fin das hostilidades. Napoleón impuxo as súas propias condicións sen ter en conta o Directorio. O 17 de outubro de 1797, asinouse a Paz de Campoformio, que obrigaba a Austria a ceder a beira esquerda do Rin, Bélxica e Milán. Desaparece a República de Venecia que, como contrapartida, é outorgada a Austria.

Napoleón creou a República Cisalpina con capital en Milán e a República de Ligur con capital en Xénova, a República Helvética, a República Romana e a República Partenopea. Outórgalles constitucións de nidia inspiración revolucionaria e convérteas en satélites de Francia. Neutraliza a Nápoles. O papa Pío VI é detido. O resultado das vitorias supuxo un alivio financeiro para o Directorio e a fin da hexemonía de Austria sobre o norte de Italia.

Campaña de Exipto miniatura|Bonaparte ante a esfinxe, por Jean-Léon Gérôme, c. 1868.

No ano 1798 o goberno francés, temendo a súa popularidade, enviouno a Exipto co pretexto de intentar debilitar o Reino Unido. O obxectivo teórico era interceptar a rota cara á India. Napoleón conquistou Malta e desembarcou en Alexandría. Sen sufrir apenas baixas, derrotou o exército mameluco na lendaria batalla das Pirámides. A hostilidade climática e xeográfica non compensou a táctica medieval dos mamelucos fronte á moderna formación do exército de Bonaparte. O Cairo abriulle as portas. A seguinte batalla en Salalieh permitiulle facerse dono de todo o país, pero a derrota da frota francesa en Abukir por Nelson deixouno illado. A empresa de facer de Exipto unha colonia estable viuse abaixo, e Turquía declarou a guerra a Francia.

Co fin de disuadir o Sultán, avanzou a través de Siria, tomou a gornición de El Arish (que non estaba nos seus mapas) e rendeu Gaza e Xaffa, onde un gromo de peste detivo o seu avance. Malia os éxitos iniciais, fracasou na toma de San Xoán de Acre, ben fornecida dende o mar polos británicos. Francia, que facía fronte xa a unha Segunda Coalición, seguía deixándoo á súa sorte.

Turquía pretendía tomar vantaxe da situación facéndose con Exipto. O paxá de Damasco adiantouse a facer pinza sobre Napoleón, pero este desbaratou os 25.000 xinetes sirios no Monte Tabor sen apenas sufrir baixas. Decatándose do comprometido da súa avanzada posición, decidiu volver a Exipto onde a súa cabalaría varreu o exército otomán en Abukir. Tras esta vitoria, decidiu regresar a Francia. A recente noticia do seu último éxito militar permitiulle ser recibido como un heroe.

Os científicos dos que Napoleón se fixo acompañar deron lugar á exiptoloxía. Isto, especialmente tralo descubrimento da pedra Rosetta coa clave para descifrar os xeroglíficos, revolucionou os coñecementos arqueolóxicos e históricos da historia da humanidade.

Golpe de Estado, Consulado e Imperio miniatura|Napoleón cruzando os Alpes, obra de Jacques-Louis David.

Cando Napoleón chegou de Exipto lanzou unha dura invectiva contra o Directorio: Que fixestes da Francia que eu vos deixei puxante?. Coa revolución estancada nunha dura crise e exhausta despois de duras represións e conflitos, o sentir popular buscaba un cambio enérxico. O 10 de novembro de 1799 (18 de Brumario, ano VII) Napoleón derrubou o Directorio e disolveu o Consello dos Cincocentos coa axuda do presidente da Asemblea, o seu irmán Luciano: a toma do poder estaba consumada. Constituíu un triunvirato de cónsules con el á cabeza. Os outros dous cónsules serán provisionalmente Emmanuel Joseph Sieyès e Roger Ducos. Fouché como xefe de orde pública e Talleyrand en Asuntos Exteriores serán, non obstante, os persoeiros fundamentais do novo réxime.

Finalmente, ademais do propio Bonaparte, os outros dous cónsules definitivos serán Cambecérès, un prestixioso xurista que votara a prol da execución do rei, e Lebrun experto en finanzas e un antigo monárquico reformista acomodaticio cos novos tempos. Napoleón instalouse nas Tullerías e iniciou un traballo frenético en tódolos terreos.

O primeiro desafío era conter o avance de austríacos e rusos que expulsaran o exército francés de Italia. Decontado Napoleón ofertou a paz a Austria e a Inglaterra. Rexeitada esta, tomou o mando das tropas en Italia, cruzou os Alpes e en menos dun mes chegou a Milán, e logrou manobrar sobre a retagarda dos austríacos. Procurou atraer o groso do exército inimigo e asestarlle un golpe decisivo. Este tivo lugar coa vitoria de Marengo (14 de xuño de 1800). Austria resignouse a volver á situación da paz de Campoformio.

En 1802 Napoleón restaurou o Estado Pontificio e proclamouse primeiro Cónsul da República Italiana. En 1803, outorgou aos cantóns suízos un texto constitucional denominado Acta de Mediación que restablecía o réxime confederal nunha República Helvética satélite de Francia pero mantiña os avances revolucionarios importados desta como a supresión das aduanas interiores.

Os triunfos militares consolidaron a súa posición. No interior tanto a oposición xacobina como a realista organizaron varios complots. O 24 de decembro de 1800, un estoupido ao paso da carruaxe do primeiro cónsul causou 22 mortos, pero o atentado non acadou o seu obxectivo. Estes feitos foron a escusa perfecta para desencadear detencións e fusilamentos, ao mesmo tempo en que puñan a opinión pública ao seu favor. Napoleón foi elixido mediante plebiscito cónsul vitalicio en 1802. Unha nova consulta gañada por inmensa maioría deu lugar ao paso definitivo: O 2 de decembro de 1804, coroouse como Emperador de Francia en Notre Dame de París baixo o nome de Napoleón I. Á solemne cerimonia asistiu como testemuña o papa Pío VII. Esvaíase así o ideal revolucionario.

Goberno miniatura|Napoleón I nunha moeda de 2 francos (1815). Gravador: N. P. Tiolier. Elaborouse unha Constitución redactada por Sieyes: O Senado elixía o primeiro Cónsul e os cónsules auxiliares. O primeiro Cónsul controlaba o exército e a administración. Consolidábase unha administración centralizada que dividía o territorio en departamentos dependentes directamente do poder executivo.

A Igrexa foi expulsada do ámbito educativo. A educación inculcaba a fidelidade ao novo réxime. O papa Pío VII, asinou o Concordato (1801) que evitaba a persecución aos eclesiásticos a cambio de lealdade ao Estado. En 1800 creouse o Banco de Francia, e en 1802 as cámaras de comercio. Un Tribunal de Contas fiscalizaba a xestión da Facenda Pública.

Comezaba unha importante mellora económica. A unidade de mercado favoreceu a produción agrícola e industrial. Incrementouse o consumo de viño e carne, o que era síntoma dunha mellora do poder adquisitivo da poboación. Industrias como a azucreira, a téxtil e a do ferro desenvolvéronse con rapidez. Subsidios, feiras e exposicións estatais contribuían ao novo dinamismo mercantil. Pulo importante foron tamén as grandes e innovadoras obras públicas: a ponte das Artes, a cúpula do mercado de graos, o porto de Cherburgo e Anveres, novas redes de estradas de dimensión continental, o Arco de Triunfo e a columna da praza de Vemdome, as pontes cos nomes das grandes vitorias etc.

No ámbito do dereito garantíanse as liberdades civís mediante a promulgación do Código Civil, o Código Penal, o Código de Comercio e o Código de Instrución Criminal. Pero as liberdades políticas foron afogadas pola censura, a subordinación do poder xudicial e a hexemonía do aparello policial.

No ámbito social, parte da nobreza retornou e compartiu coa alta burguesía a configuración dunha nova clase dirixente. Co nacemento do Imperio francés, xurdiu un novo espírito cortesán.

En 1810, Napoleón casou coa filla de Francisco I de Austria, María Luísa, co propósito de facer agromar unha nova dinastía imperial.

Dono de Europa miniatura|Napoleón I. En 1805, creouse a terceira coalición internacional, que declarou a guerra a Napoleón. Ao non conseguir o control dos mares, Napoleón abandona a idea de invadir Gran Bretaña e organiza unha fulgurante marcha cara a Austria. A principios de outubro os xenerais Murat e Soult vencen a un sorprendido exército austríaco en Donauworth e cruzan o Danubio. Tras a vitoria de Elchingen, Napoleón atrapou ao exército austríaco en Ulm. Caeron 50.000 prisioneiros e tomou Viena. Nun alarde estratéxico espectacular e nun falso intento de retirada envolveu e esmagou o groso do exército austríaco e ruso en Austerlitz e deixou fóra de xogo as tropas prusianas. Malia a súa inferioridade numérica, os franceses perderon só 8.000 homes fronte aos 35.000 aliados.

Austria aceptou unha rendición humillante: asinou o Tratado de Presburgo (25 de decembro de 1805), e cedeu Venecia, Dalmacia e o Tirol e Lindau. Prusia e Austria recoñeceron a Confederación do Rin, na que Napoleón experimentou un primeiro ensaio de unidade dos principados alemáns, todos eles submisos ao seu poderío. Secularizou os principados eclesiásticos e xerou un contrapoder de pequenos estados alemáns fronte a Prusia. O 6 de agosto de 1806, Francisco II de Austria foi obrigado a renunciar á coroa imperial, chegando así á súa fin a milenaria historia do Sacro Imperio Romano Xermánico.

O poderío en Europa central era total, pero as derrotas da frota franco-española a mans de Robert Calder na terceira batalla do cabo Fisterra e de Nelson en Trafalgar, consolidaron o dominio británico dos mares. Abandonada a idea de invadir Inglaterra, ordenou o bloqueo continental co fin de atafegala comercialmente.