Palmyre Ros Ramos, nada en Rennes en 1942, é unha profesora e feminista francesa, creadora dunha publicación feminista pioneira en Galicia.

Traxectoria Naceu en Rennes en 1942, durante a ocupación nazi de Francia, nunha familia de exiliados españois de orixe proletaria e laica. A súa nai era republicana libertaria e o seu pai, Germinal Ros, un militante comunista.

Militou nas Xuventudes Comunistas de España en París. En 1963 foi enviada polo Partido Comunista a Vigo para loitar contra o franquismo. Entre 1963 e 1966 foi profesora da Alianza francesa nesta cidade. En Vigo, relacionouse coa educadora Antía Cal e o militante comunista Carlos Núñez, ademais de distribuír libros clandestinos e propaganda, ademais de propiciar ideas alí entón novas sobre a liberación da muller que divulgaba entre a mocidade estudante. En 1966, creou xunto con outras mulleres a publicación clandestina Alborada, un proxecto pioneiro de prensa clandestina e feminista.

Foi detida aos 24 anos pola policía franquista por posuír propaganda ilegal, entre a que se atopaban varios exemplares da revista comunista Mundo Obrero, así como tres copias do poema de Antonio Machado El crimen fue en Granada, sobre o asasinato de Federico García Lorca. Isto fixo que só chegasen a se publicar dous números da revista Alborada. Foi condenada a tres anos de prisión polo Tribunal de Orde Pública.

Pasou tres días en prisión ata que lle foi concedida a liberdade provisional. Mentres esta a espera do xuízo, conseguiu fuxir a París con axuda de amigos. Foi declarada en rebeldía pola xustiza española. En 1967, foi sentenciada a un ano de prisión menor e dez mil pesetas de multa, debendo asumir ademais custas procesuais.

Recoñecementos En 2020, o sindicato Comisións Obreiras outorgoulle en Santiago de Compostela a Palmyre Ros, Berta Trigo e Plácido Cal co Premio 10 de Marzo, que recoñece a traxectoria solidaria e polas liberdades democráticas de persoas traballadoras e sindicalistas.

Ese mesmo ano, a súa vida foi recompilada no libro da ensaísta e profesora María Lopo Palmyre Ros e a revista Alborada (Vigo,1966) un proxecto pioneiro da prensa clandestina de mulleres, que foi presentado en Vigo pola autora e a propia Ros, xunto a Ramón Sarmiento, Amelia Pérez e Ricardo Gurriarán.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en 1942 Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Feministas de Francia Categoría:Nados en Rennes