miniatura|upright=1.35 |Trofim Lysenko falando no Kremlin en 1935. Detrás del están (de esqauerda a dereita) Stanislav Kosior, Anastas Mikoyan, Andrei Andreev e Iosif Stalin. O lysenkismo (, lysenkovshchina, AFI [lɨˈsɛnkəfɕːʲɪnə]; , lysenkivščyna, AFI [lɪˈsɛnkiu̯ʃtʃɪnɐ]) foi unha campaña política liderada polo biólogo soviético Trofim Lysenko contra a agricultura baseada na xenética e na ciencia na metade do século XX, rexeitando a selección natural en favor dunha forma de lamarckismo, e promovendo o uso de técnicas de vernalización e enxerto.
Máis de 3000 biólogos da corrente de pensamento principal en xenética foron despedidos ou encarcerados e numerosos foron executados na campaña soviética de supresión de opoñentes científicos. O presidente da Academia de Agricultura Soviética, Nikolai Vavilov, que fora mentor do propio Lysenko, pero que posteriormente foi denunciado por el, foi enviado a prisión e morreu alí, mentres que a investigación xenética soviética quedou destruída. A investigación e ensinanza nos campos da neurofisioloxía, bioloxía celular, e moitas outras disciplinas biolóxicas resultaron moi prexudicadas ou foron prohibidas.
O goberno da Unión Soviética (URSS) apoiou a campaña e Iosif Stalin persoalmente corrixiu un discurso de Lysenko para que reflectise o seu apoio ao que se coñecería como lysenkismo, malia o seu escepticismo sobre a afirmación de Lysenko de que toda ciencia está pola súa natureza orientada pola clase social. Lysenko serviu como director da Academia Lenin de Ciencias Agrícolas da URSS. Outros países do bloque do leste como a República Popular de Polonia, a República de Checoslovaquia, e a República Democrática Alemá aceptaron o lysenkismo como a "nova bioloxía" oficial, en diversos graos, como tamén fixo a República Popular da China durante algúns anos.
Contexto
miniatura|upright=1.5|A teoría do plasma xerminal de August Weismann afirmaba que o material hereditario, o plasma xerminal, transmitíase só polos órganos reprodutores. As células somáticas (do corpo) desenvólvense en cada xeración a partir do plasma xerminal. Non hai ningún modo en que as células somáticas poidan afectar a seguinte xeración, ao contrario do que di o lamarckismo.
A xenética mendeliana, a ciencia da herdanza, que se desenvolveu formando un campo da bioloxía baseado en experimentos a principios do século XX polos traballos de August Weismann, Thomas Hunt Morgan, e outros, construíuse sobre o redescubrimento dos traballos de Gregor Mendel. Estes autores mostraron que as características dun organismo son levadas a cabo por xenes herdados, que estaban localizados nos cromosomas do núcleo celular. Os xenes poden ser afectados por cambios aleatorios (mutacións), e poden ser intercambiados e recombinados durante a reprodución sexual, pero transmítense sen cambios de pais a fillos. Os cambios beneficiosos poden propagarse a través da poboación por selección natural ou, en agricultura, por melloramento de plantas.
Porén, algúns marxistas, percibían unha fisura entre o marxismo e o darwinismo. Concretamente, o problema era que mentres que a "loita pola supervivencia" no marxismo se aplica á clase social como un conxunto (a loita de clases), no darwinismo a loita pola supervivencia decídese por mutacións aleatorias individuais. Isto era considerado como unha doutrina liberal, contraria ao marco marxista de "leis inmutables da historia" e contra o espírito do colectivismo. En contraste, o lamarckismo propoñía que un organismo pode dalgún modo transmitir á súa descendencia características que adquiriu durante a súa vida, o que implica que cambiar o corpo pode afectar o material xenético da liña xerminal. Para estes marxistas, un "neolamarckismo" considerábase máis compatible co marxismo.
A aparición do darwinismo social a finais do século XIX e durante o inicio do XX, que pretendía aplicar á organización da sociedade as ideas da loita pola supervivencia dos máis adaptados (que Darwin aplicara só á evolución biolóxica), chocaba tamén coas interpretacións que facía o marxismo. O darwinismo social xustificaba que os máis ricos e poderosos na sociedade o eran porque eran os mellor adaptados na competencia social, e utilizouse para xustificar a euxénese, o racismo, o imperialismo e o fascismo.Bowler, Peter J. (2003). Evolution: The History of an Idea (3ª ed.). University of California Press. ISBN 978-0520236936. páx. 298–299}}Leonard, Thomas C. (2009) "Origins of the Myth of Social Darwinism: The Ambiguous Legacy of Richard Hofstadter's Social Darwinism in American Thought", Journal of Economic Behavior & Organization 71, pp. 37–51.
O marxismo-leninismo, que se converteu na ideoloxía oficial da URSS de Stalin, incorporara a evolución darwinista como unha doutrina fundacional, que proporcionaba bases científicas para o seu ateísmo de estado. Inicialmente, o principio lamarckista da herdanza dos caracteres adquiridos era considerada unha parte lexítima da teoría evolutiva, e o propio Darwin recoñecera a súa importancia. Aínda que a visión mendeliana xa substituíra en gran medida ao lamarckismo en bioloxía en 1925, este persistiu na doutrina soviética. Ademais do afervoado darwinismo de "vello estilo" de Marx e Engels, que incluía elementos do lamarckismo, había dous resultados experimentais errados que o apoiaban na URSS. Primeiro, Ivan Pavlov, que descubriu os reflexos condicionados, anunciou en 1923 que podían herdarse en ratos; e a súa posterior retractación desa afirmación foi ignorada polos ideólogos soviéticos. Segundo, Ivan Michurin interpretou o seu traballo en melloramento de plantas como proba da herdanza dos caracteres adquiridos. Michurin avogaba por un melloramento de plantas dirixido por control ambiental: "Non podemos esperar polos favores da natureza: debemos arrebatarllos a ela.".
Kliment Timiryazev, un divulgador da ciencia en Rusia, tiña simpatía polo comunismo, e aliouse coa nova república soviética. Isto fixo que as súas perspectivas da ciencia fosen máis ortodoxas e amplamente coñecidas. Cando apareceu a teoría do xene a inicios da década de 1900, algúns teóricos do xene promovían o mutacionismo salatacionista como alternativa ao gradualismo darwinista, e Timiriazev argumentou enerxicamente contra el. As posicións de Timiryazev influíron en moitos, incluíndo Michurin.
A agricultura soviética na década de 1930 estaba en crise debido a que Stalin forzou a colectivización das granxas e a erradicación dos granxeiros kulak. A resultante fame soviética de 1932–1933 provocou que o goberno buscase unha solución técnica que servise para manter o seu control político central.
Na Unión Soviética
Postulados de Lysenko
miniatura|upright|esquerda|Trofim Lysenko en 1938
En 1928, rexeitando a selección natural e a xenética mendeliana, Trofim Lysenko afirmaba ter desenvolvido técnicas agrícolas que poderían incrementar radicalmente o rendemento das colleitas. Estas incluían a vernalización, a transformación de especies (unha especie converténdose noutra), a herdanza dos caracteres adquiridos, e a hibridación vexetativa (ver máis abaixo). Afirmaba en concreto que a vernalización do trigo, expoñendo as sementes á humidade e baixas temperaturas, podía incrementar grandemente o rendemento das colleitas. Afirmaba ademais que podía transformar a especie Triticum durum (trigo duro de primavera), en Triticum vulgare (trigo de outono común) por medio de 2 a 4 anos de plantación en outono. Esta transición de especies, segundo el, ocorría sen que se orixinase unha forma intermedia. Porén, xa se sabía que isto era imposible, xa que T. durum é un tetraploide con 28 cromosomas (4 conxuntos de 7), mentres que T. vulgare é hexaploide con 42 cromosomas (6 conxuntos). Esta obxección non refutou a Lysenko, xa que el afirmaba que o número de cromosomas cambiaba tamén.
Lysenko defendía que o concepto de xene era unha "invención burguesa", e negaba a presenza de calquera "substancia inmortal da herdanza" ou "especie claramente definida", o cal el coidaba que era metafísica platónica e non ciencia marxista estritamente materialista. En vez diso, propoñía unha "xenética marxista" postulando unha posibilidade ilimitada de transformación dos organismos vivos por medio de cambios ambientais no espírito da transformación dialéctica marxista, e en paralelo co programa do Partido de crear o home novo soviético e someter a natureza para o seu beneficio. Lysenko refusaba admitir as mutacións aleatorias, afirmando que "a ciencia é o inimigo da aleatoriedade".
miniatura|Hibridación vexetativa lysenkoísta que implica un efecto do escallo sobre a planta receptora cando se enxerta unha árbore froiteira. A concepción lamarckista de Lysenko está moi debilmente xustificada pola teoría moderna da transferencia horizontal de xenes.
Lysenko afirmaba ademais que nas plantas producíase a herdanza lamarckista dos caracteres adquiridos, como nos "ollos" dos tubérculos de pataca, aínda que as diferenzas xenéticas nestas partes da planta xa se sabía que eran mutacións somáticas non herdables. Tamén sostiña que cando se enxerta unha árbore, o escallo fai cambiar permanentemente as características herdables da planta base portaenxertos. Na teoría biolóxica moderna, un cambio dese tipo é teoricamente posible por medio de transferencia horizontal de xenes; porén, non hai probas de que isto realmente ocorra, e ademais Lysenko rexeitaba completamente o mecanismo dos xenes.
Ascenso
Isaak Izrailevich Prezent, un biólogo daquela politicamente fóra do favor gobernamental, trouxo a Lysenko á atención pública. Retratou a Lysenko como un xenio que desenvolvera unha técnica revolucionaria que podía levar ao triunfo da agricultura soviética, unha excitante posibilidade para a sociedade soviética que sufría as fames da época de Stalin. Lysenko converteuse nun favorito da máquina de propaganda soviética, que esaxerou o seu éxito, proclamou os seus resultados experimentais falsos e omitiu toda mención aos seus fallos. Os medios de comunicación do estado publicaron artigos entusiásticos como "Siberia está transformada nunha terra de hortos de árbores froiteiras e xardíns" e "O pobo soviético cambia a natureza", mentres que calquera que se opuxese a Lysenko era presentado como un defensor do "misticismo, o escurantismo e o atraso."
O éxito político de Lysenko era debido principalmente á súa adhesión ao Partido Comunista e á ideoloxía soviética. O seu ataque á "pseudociencia burguesa" da xenética moderna e a proposta de que as plantas poden axustarse rapidamente a un ambiente cambiante conviña á batalla ideolóxica na agricultura e sociedade soviéticas. Despois dos desastrosos esforzos de colectivización de finais da década de 1920, os novos métodos de Lysenko eran vistos polos funcionarios soviéticos como algo que achaiaba o camiño da "revolución agrícola". O propio Lysenko procedía dunha familia campesiña e era un partidario entusiasta do leninismo. Os xornais controlados polo Partido aplaudían o "éxito" práctico de Lysenko e cuestionaban os motivos dos seus críticos, ridiculizando a timidez dos académicos que instaban a facer a observación paciente e imparcial necesaria para a ciencia. Lysenko foi admitido na xerarquía do Partido Comunista, e puxérono á fronte dos asuntos agrícolas.
El utilizou a súa posición para denunciar os biólogos como "amantes das moscas e odiadores da xente",Epistemology and the Social, Evandro Agazzi, Javier Echeverría, Amparo Gómez Rodríguez, Rodopi, 2008, "Philosophy", p. 149 e para acusar os biólogos tradicionais de seren "socavadores" que traballaban para sabotar a economía soviética. Denunciou a distinción entre a bioloxía teórica e a aplicada e rexeitou os métodos xerais como o control de grupos e as estatísticas:
Lysenko presentábase a si mesmo como un seguidor de Ivan Vladimirovich Michurin, un coñecido e querido horticultor soviético, pero a diferenza de Michurin, Lysenko insistía en usar só técnicas non xenéticas como a hibridación e o enxerto.