Lilith Verstrynge Revolta, nada en Madrid o 7 de xullo de 1992, é unha política española, de nacionalidade franco-española. Foi secretaria de Estado para a Axenda 2030 do Ministerio de Dereitos Sociais entre 2022 e 2023, así como deputada nas Cortes Xerais por Barcelona entre 2023 e 2024. Así mesmo, tamén foi secretaria de Organización de Podemos entre 2021 e 2023. Ten unha formación universitaria como historiadora e politicóloga.

Traxectoria

Primeiros anos e formación É filla de Jorge Verstrynge e de Mercedes Revuelta. Ten tres irmáns: Sigfrido, Eric e René. Criouse no barrio de Fuente del Berro, unha zona residencial en Madrid.

Empezou os seus estudos no madrileño Liceo Francés e, con dezasete anos, foise a París para estudar como bolseira unha licenciatura de Historia na Universidade Denis Diderot. Continuou os seus estudos na escola de Ciencias Políticas e Estudos Europeos na Universidade da Sorbona. Ten un máster en Relacións Internacionais (pola LMU Múnic) e formouse en «alto funcionariado e cadros políticos» polo Instituto Republicano do Servizo Público de Francia así como na promoción "Social Demain" un programa de formación bolseira de balde para mozos que traballarán no eido das políticas sociais.

Durante a súa estancia en Francia fundou e dirixiu unha pequena revista de opinión e análise política Dispara Magazine e, posteriormente, foi responsable da revista da sección de política do medio Le Vent Se Lève.

Carreira política A súa carreira política comezou en 2016 como asistente e máis tarde asesora parlamentaria na delegación de Podemos no Parlamento Europeo. Tras regresar a Madrid, incorporouse ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 onde traballou como asesora parlamentaria e de discurso da Vicepresidencia Segunda do Goberno de España. Foi designada como responsable de Transición Ecolóxica e, en xuño de 2021, púxose á fronte da Secretaría de Organización de Podemos, sendo a primeira muller en ocupar este cargo.

En xullo de 2022 foi designada pola ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, para asumir a secretaría de Estado para a Axenda 2030. Cesou a finais de 2023, tras a saída de Belarra do Ministerio.

O 26 de xaneiro de 2024 anunciou nas súas redes sociais que renunciaba a todos os seus cargos en Podemos, así como á súa acta de deputada no Congreso, despois de seis meses como representante pola circunscrición de Barcelona, por motivos de saúde.

En 2024, comezou a colaborar co xornal El País.

Notas

Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Alumnos da Universidade de París-Diderot Categoría:Alumnos da Universidade de Múnic Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XV Lexislatura) Categoría:Alumnos da Universidade de París-Sorbona Categoría:Políticos de Podemos