Daniel Vivian Moreno, nado en Vitoria o 5 de xullo de 1999, é un futbolista español que xoga como defensa central no Athletic de Bilbao e na selección española.
Traxectoria Naceu na cidade vasca de Vitoria, sendo fillo dun galego da parroquia de Berrande, en Vilardevós, e dunha toledana de Talavera de la Reina. Fomouse como futbolista nas canteiras do San Viator, o Deportivo Alavés, o Lakua e o Ariznabarra antes de fichar polo Santutxu en 2015. No equipo xuvenil do club bilbaíno tivo como adestrador ao futbolista Ibai Gómez.
En xuño de 2016 incorporouse ao Athletic de Bilbao, sendo inicialmente asignado ao Basconia, da Tercera División. Co segundo filial do Athletic disputou 44 partidos oficiais ao longo de dúas tempadas. Para a tempada 2018/19 subiu ao Bilbao Athletic, da Segunda División B, onde se fixo axiña coa titularidade ás ordes de Gaizka Garitano.
En agosto de 2020 renovou o seu contrato ata 2023 e foi inmediatamente cedido ao Mirandés, da Segunda División. Tras unha boa campaña en Miranda de Ebro, no verán de 2021 regresou ao Athletic para formar parte do primeiro equipo.
Debutou en Primeira o 16 de agosto de 2021 nun empate sen goles ante o Elche no Martínez Valero, e o 11 de setembro marcou o seu primeiro gol, nunha vitoria por 2-0 ante o Mallorca en San Mamés, rematando de cabeza un centro de Iker Muniain. En febreiro de 2022, tras as súas boas actuacións, o club renovou o seu contrato por catro anos máis. O 20 de febreiro de 2022, marcou o gol inicial nun derbi vasco contra a Real Sociedade en San Mamés, que rematou 4-0 a favor dos biscaíños.
Ao comezo da tempada 2023/24, coa marcha de Iñigo Martínez e os problemas físicos de Yeray Álvarez, fixéronse coa titularidade os relativamente inexpertos Vivian e Aitor Paredes (de 24 e 23 anos respectivamente), que formaron unha sólida parella de centrais, contribuíndo ao bo rendemento do equipo. O Athletic conseguiu a clasificación para a Europa League e conquistou a Copa do Rei despois de 40 anos sen logralo, sendo ambos os centrais titulares na final. En xuño de 2024, asinou un novo contrato ata 2032.
Selección nacional Debutou coa selección do País Vasco en maio de 2019, nun empate sen goles ante Panamá. O 22 de marzo de 2024 debutou coa selección española nun amigable contra Colombia.
Ese mesmo ano foi un dos 26 seleccionados por Luis de la Fuente para a Eurocopa 2024. Participou en dous partidos do torneo, contra Albania na fase de grupos e contra Francia nas semifinais, e acabou proclamándose campión, aínda que quedou no banco de suplentes na final ante Inglaterra.
Palmarés Athletic Club Copa do Rei (1): 2023/24.
Selección española Eurocopa (1): 2024.
Notas
Categoría:Nados en Vitoria Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1999 Categoría:Españois de ascendencia galega Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Xogadores do CD Baskonia Categoría:Xogadores do Bilbao Athletic Categoría:Xogadores do CD Mirandés Categoría:Xogadores do Athletic Club de Bilbao Categoría:Xogadores da selección de fútbol do País Vasco Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores da Eurocopa de Fútbol de 2024 Categoría:Futbolistas gañadores da Eurocopa