Georg Zoëga (chamado orixinalmente Jørgen Zoëga), nado na parroquia de Daler, concello de Tønder, na Dinamarca Meridional, o 20 de decembro de 1755 e finado en Roma o 10 de febreiro de 1809, foi un erudito dinamarqués destacado polo seu labor como arqueólogo, numismático e antropólogo. Foi investigador da escritura copta e un dos pioneiros da exiptoloxía.

Zoëga proviña dunha familia de sacerdotes; os seus antepasados trasladáronse ao sur de Dinamarca desde o norte de Italia no século XVI e aínda que a súa lingua materna era o alemán, publicou as súas obras en latín e italiano. Estudou nas universidades de Gotinga e Leipzig, e gozou do patrocinio do ministro dinamarqués Ove Höech-Guldberg. Tamén estudou durante algún tempo co numismático austríaco Joseph Hilarius Eckel.

Despois de 1783, Georg Zoëga viviu en Roma, onde se converteu ao catolicismo. Alí, o cardeal Stefano Borgia pasou a ser o seu principal mecenas. Desde 1790 foi membro da Real Academia de Belas Artes de Dinamarca. En 1798 foi nomeado cónsul xeral de Dinamarca en Roma. En 1802 foi elixido profesor e bibliotecario da Universidade de Kiel, aínda que nunca chegou a ocupar estes cargos. Tamén foi membro estranxeiro das Academias de Ciencias de Baviera e de Prusia, nesta última elixido en 1806, ao mesmo tempo que Goethe."Georg Zoega". Berlin-Brandenburgische Akademie der Wissenschaften (BBAW.de).Michaelis A. (1900). Páxina 400. Dúas semanas antes da súa morte, foi elixido cabaleiro da reformada Orde de Dannebrog.

Como científico, Georg Zoëga buscou combinar a análise estilística de Johann Joachim Winckelmann cun enfoque filolóxico e tratou de construír unha tipoloxía da arte exipcia. Seguindo o espírito da escola de anticuarios, compilou compendios que describen obeliscos exipcios, moedas imperiais alexandrinas e baixorrelevos da época romana. Zoëga converteuse nun dos primeiros eruditos en descifrar os xeróglifos exipcios baseándose na filoloxía copta. Puido determinar que os nomes dos faraóns nos textos están rodeados por un marco (cartucho) e poden escribirse foneticamente, e identificou correctamente a importancia da Pedra de Rosetta para a descifraxe final da escritura exipcia. Como coptólogo, Zoëga foi o descubridor dos textos literarios e predicativos do patriarca da igrexa ortodoxa copta Xenute e realizou a súa primeira publicación. Tamén está considerado como un dos fundadores da arqueoloxía científica moderna.

En 1910 ergueuse un monumento ao científico en Copenhague. Entre 1967 e 2013, o corpus de correspondencia de Zoëga publicouse en seis volumes. En 2013 celebrouse en Roma e en Boloña unha conferencia internacional na súa memoria, na que se examinaron os seus logros como historiador da arte e como exiptólogo a nivel científico moderno.

Foron curmáns de Zoëga o botánico Johan Zoëga, alumno de Carl von Linné, e o diplomático Georg Nikolaus Nissen, segundo marido de Constanza Mozart.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 1-5.

Traxectoria

Orixe familiar miniatura|Igrexa de Møgeltønder, a onde foi trasladado o seu pai pouco despois do nacemento de Georg Zoëga.|289x289px O apelido Zoëga é de orixe italiana e provén do nome da illa Giudecca (en lingua véneta "Zuecca"), na lagoa de Venecia. Un dos seus antepasados, Matteo Zuecca, posuía a finais do século XVI unha propiedade en Verona e, logo de matar un opoñente nun duelo, fuxira a Alemaña, convertérase ao luteranismo e servira como mordomo en Mecklemburgo. Os fillos de Matteo (chamado daquela Matthias) convertéranse en sacerdotes luteranos en Schleswig, e logo, durante máis de cen anos, os representantes da dinastía serviron no sur de Xutlandia, en Vilstrup. Un descendente directo de Matthias foi Vilhade Christian Zoëga (1721-1790), o pai de Georg Zoëga. A súa esposa, Henriette Clausen, era filla do chanceler Otto Fredrik Clausen, quen gobernaba as propiedades de Skakkenborg e Treiborg nos territorios anexados de Schleswig. A familia Clausen tamén tiña sacerdotes, algúns dos cales estudaron en universidades alemás.

Primeira época (1755-1773) Jørgen —así chamado durante a súa etapa en Dinamarca, antes de cambiar á forma alemá Georg— naceu o 20 de decembro de 1755, primoxénito de Henriette Clausen e de Vilhade Christian Zoëga, na parroquia de Daler, municipio de Tønner, onde estaba destinado o seu pai como sacerdote, que pouco despois foi trasladado a Mögeltönner. Puxéronlle como nome Jørgen na  honra do seu avó, que finou pouco antes do seu nacemento. A nai morreu cando Jørgen tiña oito anos. Os ingresos do pai como sacerdote permitíronlle contratar mestres para a educación de Jørgen e dos seus dous irmáns e as súas dúas irmás, que estaban baixo unha estrita supervisión paterna. Ao notar as habilidades de Jørgen, Vilhade decidiu confiarlle a formación a un irmán seu, un sacerdote chamado Matthias. Na correspondencia do seu pai constátase que Jörgen, aos seus 10 anos, gozaba coa lectura e co estudo. Na súa educación prestóuselle especial atención ás linguas estranxeiras, en tanto que se prohibiron a música e o debuxo. A xulgar polo amor de Zoëga pola poesía de Friedrich Gottlieb Klopstock, así como polo feito de que a correspondencia coa súa familia se realizaba en alemán, este idioma foi o seu idioma materno, e no que  recibiu a súa educación inicial, aínda que non hai dúbida de que dominaba tamén o idioma dinamarqués.Zoëga era políglota. A súa correspondencia demostra que falaba con igual fluidez o dinamarqués, o alemán e o italiano. Tamén dominaba o inglés e o francés (neste último escribía informes para o Goberno danés e mantiña correspondencia co cónsul Schubart), así como o grego antigo e o latín, nos que era quen de escribir textos extensos. Tamén dominaba os dialectos do copto ata o punto de poder describir manuscritos de coleccións romanas. Ascani, K. et al. (eds.) (2015). Páxina 36.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 4-9, 212.

En Pascua de 1772, Zoëga ingresou no Gymnasium de Altona, un distrito situado na parte oeste da cidade Hanseática de Hamburgo. Con 16 anos, demostrou un excelente dominio dos idiomas grego e inglés, e recitaba e analizaba as epopeas de Homero e os poetas británicos. No Gymnasium creou un club de tradución e estudou retórica. Na primavera 1773 aprobou con éxito os seus exames finais e foi recomendado para a Universidade de Gotinga.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 4-9, 12.

Etapa universitaria (1773-1777) miniatura|Fundadores do club literario Gotinga Grove, en Gotinga, no que ingresou Georg Zoëga.Otto Leixner von Grünberg (1880). Illustrierte Literaturgeschichte. O. Spamer. |370x370px Georg Zoëga estivo na cidade de Gotinga durante o apoxeo da súa universidade, que tiña sona de ser un templo da ciencia pura, e non só como unha institución que formaba funcionarios e sacerdotes. Logo do nomeamento de Christian Heyne como profesor en Gotinga en 1763, comezou nela o auxe das disciplinas históricas e filosóficas, que levaron á creación da filoloxía clásica moderna e a arqueoloxía como disciplinas académicas.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 10-12. Zoëga estudou durante tres anos en Gotinga, e deste período consérvanse 14 cartas que permiten xulgar as circunstancias da súa vida e a súa evolución espiritual. O seu pai proporcionou unha cantidade para a educación suficiente para que o seu fillo puidese elixir disciplinas académicas ao seu gusto.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 13-14.

Durante o seu primeiro ano de estudos, Zoëga interesouse especialmente polas clases de Lóxica, de Metafísica e de Filosofía Práctica de Johann Feder. Un ano e medio despois, el mesmo determinou un programa de autodesenvolvemento, baixo a supervisión do profesor de historia Miners e co beneplácito do seu pai, que se amosaron favorables á súa idea de incidir no estudo da filosofía pura, illada da filoloxía e da historia, que consideraba inútiles. Sen abandonar a súa paixón por Klopstock, Zoëga uniuse ao club literario Gotinga Grove, dirixido por Johann Voss, cuxos membros, ademais de promover a poesía de Klopstock, crearon obras poéticas, discutiron sobre elas, traduciron clásicos antigos e practicaron diversos rituais pagáns que conmocionaron a burguesía da época. Neste grupo, Zoëga relacionouse particularmente con Christian Esmarch, e xuntos estudaron os textos de Píndaro e a lingua italiana, que preferían á francesa. No entanto, un ano despois, Esmarch mudouse a Copenhague, o que levou consigo un arredamento entre Zoëga e o Gotinga Grove.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 15-17.

No semestre de inverno de 1774-1775, Zoëga finalmente decidiu dedicarse á Historia. Foi admitido nos seminarios do profesor Heyne sobre antigüidades gregas, que logo considerou como "a mellor escola da súa vida". Asistiu ao curso sobre a Antigüidade romana durante só catro semanas; nunca tomaba apuntamentos na clase, mais podía establecer unha discusión co profesor, que el sempre aprobaba e apoiaba. Nestes seminarios exploraron a historia civil da antiga Atenas, as institucións do goberno popular e a súa transformación, a relixión antiga, a arte da guerra e as estruturas da vida cotiá. No semestre de verán de 1775, Zoëga descubriu as obras de Winckelmann e o método morfolóxico. Durante o seu derradeiro semestre en Gotinga, recibiu tamén clases de estatística, diplomacia, política e historia moderna.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 18-20.

O biógrafo de Zoëga, Adolf Jørgensen, argumentou que se no ensino secundario en Altona e no universitario en Gotinga o científico se formou exclusivamente no mundo dos libros, durante unha viaxe de verán a Suíza e a Italia, así como durante o semestre de inverno na Universidade de Leipzig, puido relacionar os seus coñecementos teóricos coa realidade. No verán de 1776, Georg chegou a Zürich, onde foi recibido na casa do poeta Solomón Gessner. Logo desprazouse a Roma, interesado polo país dos seus antepasados, e decidiu que “podería desenvolver a súa sensibilidade cara á beleza”, segundo lle dixo ao seu pai nunha carta.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 20-22.

De Roma, Georg Zoëga dirixiuse a Nuremberg, onde permaneceu só uns días. A Universidade de Leipzig decepcionou a Zoëga. O seu pai insistiu en que estudase co profesor Johann Ernesti, aínda que este resultou amosarse arrogante e non tomou a Georg en serio. No entanto, nesta cidade retomou a comunicación co barón Wedel-Jarlsberg, a quen coñecera en Gotinga, e tamén lle escribía constantemente a Esmarch en Copenhague. Na primavera de 1777, regresou á súa casa en Mögeltönner.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 22-24.

Copenhague - Viena - París - Roma (1777-1785)

Depresión Segundo Adolf Jørgensen, logo do regreso de Georg Zoëga de Alemaña, sufriu unha crise interna que durou dous anos. Regresou á casa do seu pai nun “estado de ánimo filosófico” —máis tarde, a melancolía converteríase no seu estado de ánimo habitual—. No primeiro ano traballou como mestre e educador para a súa irmá e os seus irmáns menores, que se converteron en sacerdote e en administrador inmobiliario, respectivamente. Georg ensinoulles francés e inglés. Fixo algúns intentos de escribir poemas e baladas en dinamarqués e en inglés, aínda que finalmente non chegou a se converter en poeta. Tamén comezou a traballar nunha disertación filosófica sobre o suicidio e o alén —como aparece no diario do seu pai—, mais algúns dos documentos familiares se perderon nun incendio, entre eles o manuscrito da súa tese.Jørgensen A. D. (1881). Páxinas 24-28.