Yeray Álvarez López, nado en Barakaldo o 24 de xaneiro de 1995, é un futbolista vasco de orixe galega, que xoga como defensa central no Athletic Club, da Primeira División.
Traxectoria Naceu na localidade biscaíña de Barakaldo, nunha familia con orixe galega, sendo súa nai orixinaria do concello coruñés de Sobrado. Formouse nas canteiras do Barakaldo e o Danok Bat, antes de ingresar aos 13 anos nas categorías inferiores do Athletic de Bilbao. Tras rematar a súa etapa como xuvenil, na tempada 2013/14 xogou co Basconia, segundo filial do club, na Terceira División.
En maio de 2014 subiu ao primeiro filial, o Bilbao Athletic, da Segunda División B, e contribuíu con 36 partidos e un gol na triunfante campaña 2014/15, na que o equipo conseguiu o ascenso á Segunda División despois 19 anos de ausencia. Debutou na categoría de prata o 24 de agosto de 2015, substituíndo a Jurgi Oteo na segunda metade nunha derrota por 1-0 ante o Girona. Foi titular habitual durante a tempada, pero non puido evitar o descenso do filial bilbaíno.
No verán de 2016 foi ascendido ao primeiro equipo do Athletic, co que debutou o 15 de setembro dese ano, sendo titular nunha derrota por 3-0 ante o Sassuolo na fase de grupos da Europa League. Tres días despois xogou o seu primeiro encontro na Primeira División, entrando como substituto de Eneko Bóveda contra o Valencia.
A pesar de contar só con 21 anos, fíxose axiña coa titularidade no centro da zaga do Athletic, xunto a Aymeric Laporte. Con todo, a súa progresión detívose bruscamente o 23 de decembro de 2016, cando o club anunciou que se lle diagnosticara un cancro nun testículo e que se operaría a seguinte semana. A pesar disto, volveu aos terreos de xogo só 46 días despois, disputando os 90 minutos dunha derrota por 3-0 contra o FC Barcelona. Pechou a campaña cun total de 35 encontros, 33 deles como titular.
En xuño de 2017 detectáronselle máis anormalidades cancerosas, polo que tivo que someterse a un tratamento de quimioterapia. Ao seu regreso ao campo de adestramento do club ao mes seguinte, foi recibido por todo o cadro de xogadores, que afeitaran a cabeza como xesto de solidariedade. Tardou 259 días en volver vestir a camiseta do Athletic, reaparecendo o 4 de febreiro de 2018, o Día Mundial contra o Cancro, nun encontro de liga ante o Girona.
O 18 de xullo de 2019 o club renovou o seu contrato por sete anos. Durante a tempada anterior o central recuperara a titularidade, na que foi un habitual durante as seguintes campañas. O 25 de xaneiro de 2021 marcou o seu primeiro gol co Athletic, rematando de cabeza un centro de Iker Muniain nunha vitoria por 5-1 ante o Getafe en San Mamés.
Con máis de 250 partidos co primeiro equipo, participou das conquistas da Supercopa de España en 2021 e da Copa do Rei en 2024. En setembro de 2025 recibiu unha sanción de 10 meses por dopaxe involuntaria, tras dar positivo nun control despois dun partido da Europa League. Na resolución emitida pola UEFA indícase que o incidente se orixinou na inxestión accidental dunha substancia prohibida contida nun medicamento preventivo contra la caída do cabelo, pertencente á parella do futbolista.
Despois de adestrar en solitario durante máis de medio ano, reapareceu en abril de 2026, nun encontro de liga do Athletic ante o Getafe.
Selección nacional O 23 de marzo de 2017 debutou coa selección española sub-21 nun partido amigable contra Dinamarca. Foi convocado para a Eurocopa sub-21 dese ano, pero retirouse por enfermidade antes do inicio do torneo.
En 2018 foi convocado por Julen Lopetegui para un amigable da selección española absoluta contra Suíza, aínda que non chegou a entrar ao campo. Tamén xogou coa selección do País Vasco, debutando contra Costa Rica en novembro de 2020.
Notas
Categoría:Nados en 1995 Categoría:Nados en Barakaldo Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Españois de ascendencia galega Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Baskonia Categoría:Xogadores do Bilbao Athletic Categoría:Xogadores do Athletic Club de Bilbao Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol do País Vasco