A Brigada de Investigación Social (BSI), máis coñecida como Brigada Político-Social (BPS), foi a policía política secreta que existiu en España durante a ditadura de Francisco Franco, encargada de perseguir e reprimir todos os movementos da oposición ao franquismo. Durante os seus primeiros anos recibiu o asesoramento de axentes da Gestapo dirixidos por Paul Winzer, destinado na embaixada alemá en Madrid. En especial contribuíu no relativo ao uso de diversos métodos de tortura para obter información ou confesións dos detidos e en técnicas de espionaxe e infiltración en grupos de oposición. O propio conde de Mayalde, director xeral de Seguridade, viaxou a Berlín para reunirse con Himmler. A colaboración entre a policía franquista e a Gestapo remontábase á guerra civil, cando en novembro de 1937 se asinou un protocolo secreto polo cal policías do bando sublevado irían a Berlín para recibiren adestramento. Ese protocolo foi ampliado por un novo acordo de colaboración asinado o 31 de xullo de 1938.

A Brigada Político-Social foi a principal unidade policial que actuou contra a oposición antifranquista. Axentes seus, como Creix, Conesa, Yagüe, Navales, Manzanas, Ballesteros, Solsona ou González Pacheco, foron destacados torturadores do franquismo. As súas comisarías (como a DGS da Porta do Sol de Madrid, a Vía Laietana en Barcelona, as das rúas Samaniego e Gran Vía en Valencia ou a do paseo María Agustín en Zaragoza) e os seus métodos sinistros remiten a unha particular xeografía do terror.

No orgánico, a BPS constituía unha sección do Corpo Xeral de Policía (CGP). Tras a morte de Francisco Franco, durante os anos da chamada Transición, a BPS foi reestruturada e substituída pola Brigada Central de Información (BCI).

Entre a oposición antifranquista foi coñecida comunmente como «A Social», «A Secreta» ou «A Brigada».

Historia

Orixes e creación As orixes da Brigada Político-Social poden rastrexarse xa a comezos do século XX, coa creación da «Brigada de Informacións» e a «Brigada de Anarquismo e Socialismo» como unidades específicas para combater o anarquismo e en xeral o crecente movemento obreiro. Ao final da ditadura de Primo de Rivera creouse a chamada «División de Investigación Social» por iniciativa do xeneral Emilio Mola. Á súa fronte quedou o comisario Santiago Martín Báguenas.

Con todo, o seu antecedente inmediato foi o Decreto do 24 de xuño de 1938 dos sublevados na Guerra Civil. Este creaba no ámbito civil (dentro das competencias dos gobernadores das provincias) un negociado político específico para «o control das materias na acción política» e a «prevención e represión» de calquera actividade que obstrúa ou desvíe as «directrices xerais do goberno». Moitos dos seus primeiros integrantes procedían do Servizo de Información e Policía Militar (SIPM), o servizo secreto franquista durante a Guerra civil dirixido polo coronel José Ungría Jiménez.

O 5 de xaneiro de 1939, en plena ofensiva de Cataluña, o goberno franquista reunido en Burgos creou o Servizo Nacional de Seguridade (posterior Dirección Xeral de Seguridade). Este ocuparía o lugar do Servizo de Información e Policía Militar (SIPM) que actuara durante a maior parte da guerra. Ao inicio o seu xefe foi o coronel José Ungría Jiménez, director do SIPM, e dende o 23 de setembro ―data en que se aprobou a organización da DGS en catro grandes comisarías (Fronteiras, Información, Orde Pública e Identificación)― foi José Finat y Escrivá de Romaní, conde de Mayalde.

A reorganización do aparello policial franquista completouse coa Lei de Policía de marzo de 1941, que creou o Corpo Xeral de Policía. O preámbulo da lei dicía que a «nova policía» non debía rexerse polo «apoliticismo» e que debía ter como obxectivo «a vixilancia permanente e total indispensable para a vida da Nación, que nos estados totalitarios se logra mediante unha acertada combinación de técnica perfecta e lealdade». O preámbulo tamén facía referencia á policía política como «órgano máis eficiente para a defensa do Estado». Da función específica de perseguir os «delitos sociais e políticos» ocuparíase a Brigada Político-Social (BPS). Un ano antes, o líder nazi Heinrich Himmler, despois da súa visita a España, asegurouse de que un adxunto seu que xa operaba en España, Paul Winzer, instruíse a nova policía política secreta española.

A Brigada foi creada formalmente en 1941 coa Lei sobre funcionamento das Xefaturas Superiores de Policía e a Lei de Vixilancia e Seguridade. Ademais do seu propio labor de investigación, a BPS podía contar cos informes do Servizo de Información e Investigación da Falanxe, que tamén facía as funcións de policía política.

Blas Pérez González, ministro da Gobernación entre 1942 e 1957, foi neses anos o autor e principal organizador da eficacia que alcanzou a Brigada durante a súa historia. De feito, Pérez González distinguiuse como un eficaz organizador da policía franquista durante o período do seu ministerio.

Acción represora miniatura|Sede da Xefatura Superior de Policía na Vía Laietana de Barcelona. Foi o centro de torturas máis importante en Cataluña durante a ditadura franquista O seu centro de operacións en Madrid foi a sede a DGS na Porta do Sol, onde entre outros destacaría polo uso das torturas aos detidos o comisario Roberto Conesa. En Barcelona o centro principal foi a sede da Xefatura Superior de Policía da Vía Laietana, onde destacaron como torturadores os inspectores Pedro Polo Borreguero e os irmáns Antonio Juan Creix e Vicente Juan Creix ás ordes do comisario Eduardo Quintela Bóveda. A BPS asañouse especialmente cos membros de partidos políticos de esquerda (PCE, PSOE) e de organizacións obreiras (CNT, FAI, UXT, Juventudes Libertarias) que tentaban reorganizarse na clandestinidade. Foi o caso, entre moitos outros, dos anarquistas Esteban Pallarols Xirgu ou Enrique Marco Nadal, que tentaron reorganizar a CNT (até once dos catorce comités nacionais da CNT que se formaron na década de 1940 foron detidos); os membros das Juventudes Libertarias Fausto González Alonso e José Martínez Guerricabeitia; os comunistas Gregorio López Raimundo, Heriberto Quiñones, Pedro Vicente, Antonio Palomares, Bonifacio Fernández, Eduardo Sánchez Biedma ou Casto García Roza ―mortos este tres últimos por mor das torturas―, que tentaron reorganizar o PCE ou o PSUC; ou o socialista Tomás Centeno.

A BPS actuaba con total impunidade, pois gozaba da complicidade dos xuíces. Non só nunca imputaron a ningún axente (aínda que as probas das torturas fosen evidentes), senón que procesaban por desacato os detidos que ousaban denuncialas. A falta de garantías procesuais durante a detención e o interrogatorio facían o resto. Os detidos carecían de asistencia legal, non existía límite de facto para presentar unha acusación formal e menosprezábase a presunción de inocencia, entre outras situacións.

Un informe británico de 1949 describía así a actuación da Brigada Político-Social:

Tras a sinatura do acordo das bases con Estados Unidos de 1953 varios policías da Brigada viaxaron a ese país para formarse co FBI e a CIA sobre contraespionaxe e novos métodos de interrogatorio. O inspector Antonio Juan Creix utilizou en abril de 1958 o que aprendera en Nova York co FBI no interrogatorio e tortura do dirixente comunista Miguel Núñez González. Porén, nunca estivo totalmente satisfeito. «Aquí veñen os americanos, que se as correntes eléctricas… Como o pau non hai nada», dixo, segundo lembraba o propio Núñez. O dirixente comunista resistiu as torturas ás que foi sometido durante un mes na comisaría de Vía Laietana e non delatou a ninguén, o que o converteu nun símbolo da loita antifranquista. Outro policía que viaxou aos Estados Unidos foi o propio xefe da BPS Vicente Reguengo, que recibiu formación da CIA sobre «métodos, material e técnicas de investigación policial». Tamén o comisario Roberto Conesa asistiu a cursos de formación da CIA sobre «sabotaxe e anticomunismo».

Coa creación do Tribunal de Orde Pública (TOP) a finais de 1963 a Brigada Político-Social seguiu encargada con total impunidade dos delitos «políticos» competencia do tribunal. O TOP nunca se ocupou de investigar as denuncias de malos tratos ou de torturas aos detidos, como subliñou o avogado Josep Solé Barberá en 1977:

«Eu non coñezo nin un só sumario no cal a denuncia de malos tratos se admitiu como suficiente para que se abrise unha investigación sobre uns feitos que podían alterar todo o contido sumarial e que, de non seren certos, era á autoridade mesma a quen lle conviña descubrilo».

Entre 1960 e 1975 os membros da BPS que máis destacaron polo uso da tortura e os malos tratos aos detidos foron:

O comisario Roberto Conesa, nomeado xefe da Brigada durante os últimos anos do franquismo e na época da Transición. Era coñecido entre os sectores clandestinos antifranquistas polos seus brutais métodos de interrogatorio e tortura. O comisario Melitón Manzanas, xefe da Brigada de Guipúscoa, acusado por diferentes sectores de oposición á ditadura de exercer torturas contra múltiples membros pertencentes á esquerda política. En 1968 foi o primeiro asasinado con premeditación pola organización terrorista vasca ETA. Antonio González Pacheco, alias «Billy el Niño», que chegou a converterse no número dous do comisario Conesa.

Nos últimos anos da ditadura franquista producíronse denuncias do uso xeneralizado e indiscriminado da tortura por parte dos corpos policiais, en especial da BPS. No seu informe de 1973 Justicia Democrática, o clandestino colectivo de membros da xudicatura favorables á democracia, denunciaba que «a tortura se segue empregando, aínda que é difícil determinar a súa frecuencia e hai moitos interesados en que non se determine. En particular na chamada loita contra a subversión». No mesmo informe o colectivo sinalaba os obstáculos practicamente insuperábeis que enfrontaban os xuíces e fiscais que querían deter aos seus responsábeis, como lle ocorreu ao fiscal de Barcelona e membro de Justicia Democrática Carlos Jiménez Villarejo. Este non puido procesar ao xefe da BPS de Manresa e pagou a súa ousadía co seu traslado a Huesca.

Así mesmo Justicia Democrática destacou nos seus informes que «as torturas policiais en réxime de expresa impunidade» practicábanse sobre todo durante os múltiples estados de excepción que desde a década de 1960 até a morte do ditador declaráronse en especial en tres zonas: País Vasco, Cataluña e Madrid. Por outra banda, os informes de Justicia Democrática sinalaban que naquelas situacións e lugares onde non había réxime de excepción a BPS presentaba as súas acusacións e peticións para a firma dos xuíces sen formalismo algún, con prema e baixo un clima de ameaza. As posibilidades de que un xuíz se negase eran remotas, como as de que puidese investigar libremente calquera denuncia dos detidos e/ou torturados, máxime cando eles mesmos estaban sometidos á acción da propia Brigada.

Pero mesmo en 1975, cando xa se empezaba a albiscar o final do franquismo, nas dependencias da BPS aínda se continuaban a realizar decote torturas, malos tratos e vexacións aos detidos, como «malleiras coa porra e toallas molladas, queimaduras de cigarros ou cortes con coitelas de afeitar».

Desaparición As súas competencias foron restrinxidas en sucesivos decretos aprobados en 1976, 1977 e 1981, este último tras o fracasado golpe de estado do 23 de febreiro.