Antonia Ramírez, finada o 11 de xuño de 2024, foi unha muller indíxena, cantautora e falante nativa da lingua pipil do Salvador. Era orixinaria de Santo Domingo de Guzmán, Sonsonate, onde coordinaba a Casa da Cultura. Como promotora do pipil fixo diversas achegas á revitalización da lingua no país, que en 2007 foi clasificada pola UNESCO como en perigo de extinción.
No Salvador, o pipil é a única lingua indíxena viva e conta cun número limitado de falantes (estímase que non exceden as 200 persoas).
Traxectoria A súa primeira participación pública foi na Embaixada de México no Salvador, no ano 2014. Nesa ocasión realizou o lanzamento de Ne nawat shuchikisa / El náhuat florece, unha das súas pezas máis recoñecidas. Dende entón participou en conversatorios, recitais e concertos na Universidade do Salvador, no Museo Nacional de Antropoloxía do Salvador, en La Casa Tomada, no Centro Cultural de España e no Teatro Nacional de San Salvador, entre outros. En 2022, Ne nawat shuchikisa foi incluída na produción da obra Casamiento Indígena en Izalco, unha produción do Ballet Folclórico Nacional, do Ministerio de Cultura do Salvador.
Publicacións A súa obra foi publicada polo Centro Cultural de España no cancioneiro coral Ne nawat shuchikisa, que recompila creacións musicais do pobo pipil do Salvador. Tamén participou da publicación Nechilwiat katka ka seujti ("Contábanme que unha vez"), recompilación de 52 relatos de tradición oral indíxena. Neste libro, o autor Josué Ramos recompila e transcribe as historias que os falantes de pipil Visitación e Felipe García, María López, Francisco e Isabel Ramírez, Fidelina Cortez e Antonia Ramírez comparten e identifican como parte do seu patrimonio inmaterial.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Sixta Pérez
Categoría:Nados no Salvador Categoría:Pobo pipil Categoría:Finados en 2024