Os criterios de Bradford Hill, tamén coñecidos como criterios de Hill para a causalidade, son un grupo de nove principios que poden ser útiles para establecer as evidencias epidemiolóxicas dunha relación causal entre unha causa suposta e o efecto observado, que foron amplamente usados en investigación sobre saúde pública. Foron establecidos en 1965 polo epidemiólogo inglés Austin Bradford Hill.

En 1996, David Fredricks e David Relman fixeron comentarios sobre os postulados de Koch e os criterios de Hill no seu influente artigo sobre patoxénese microbiana.

Definición

En 1965, o estatístico inglés Austin Bradford Hill propuxo un conxunto de nove criterios para poder proporcionar probas epidemiolóxicas da existencia dunha relación causal entre unha suposta causa e un efecto observado. (Por exemplo, demostrou a conexión entre fumar cigarros de tabaco e o cancro de pulmón.) Velaquí a lista dos criterios: Forza (tamaño do efecto): Unha pequena asociación non significa que non hai un efecto causal, aínda que canto máis grande sexa a asociación, maior é a probabilidade de que sexa causal. Consistencia (reproducibilidade): Os descubrimentos consistentes observados por diferentes persoas en diferentes lugares con diferentes mostras aumentan a probabilidade dun efecto. Especificidade: A causalidade é probable se hai unha poboación moi específica no sitio específico coa enfermidade sen outra explicación probable. Canto máis específica é a asociación entre un factor e un efecto, maior é a probabilidade de que haxa unha relación causal. Temporalidade: O efecto debe ocorrer despois da causa (e se hai un atraso esperado entre a causa e o efecto esperado, entón o efecto debe ocorrer despois dese atraso). Gradiente biolóxico (relación dose-resposta): Unha maior exposición debería levar xeralmente a unha maior incidencia do efecto. Porén, nalgúns casos, a simple presenza dun factor pode desencadear o efecto. Noutros casos, obsérvase unha proporción inversa: unha maior exposición leva a unha menor incidencia. Plausibilidade: Un mecanismo plausible entre causa e efecto é útil (pero Hill sinalou que o coñecemento do mecanismo está limitado polo coñecemento actual). Coherencia: A coherencia entre os descubrimentos epidemiolóxicos e os de laboratorio incrementa a probabilidade dun efecto. Porén, Hill sinalou que "a falta de ditas evidencias de laboratorio non pode anular os efectos epidemiolóxicos sobre as asociacións". Experimento: "Ocasionalmente é posible apelar ás evidencias experimentais". Analoxía: O uso de analoxías ou semellanzas entre a asociación observada e outras asociacións.

Algúns autores consideran tamén o criterio de reversibilidade: se a causa é eliminada entón o efecto debería tamén desaparecer.

Debate en epidemioloxía

Os criterios de Bradford Hill foron amplamente aceptados como directriz útil para investigar a causalidade en estudos epidemiolóxicos, mais o seu valor foi cuestionado porque quedaron algo desactualizados.

Ademais, tamén se discutiu sobre o método de aplicación. Algunhas opcións de aplicación propostas son: Usar consideracións contrafactuais como base de aplicación de cada criterio. Subdividilos en tres categorías: evidencias directas, mecanísticas e paralelas, que se espera se complementan unhas a outras. Esta reformulación operacional dos criterios foi proposta recentemente no contexto da medicina baseada en evidencias. Considerar os factores que poden confundir e os nesgos. Usar os criterios de Hill como unha guía, pero non consideralos como conclusións definitivas. Separar a asociación causal e as intervencións, porque as intervencións en sanidade pública son máis complexas que o que se pode avaliar cos criterios de Hill.

Un argumento contra o uso dos criterios de Bradford Hill como consideracións exclusivas para probar a causalidade é que o mecanismo básico de probar a causalidade non é aplicar criterios específicos —sexan os de Bradford Hill ou argumentos contrafactuais— senón a dedución con sentido común científico. Outros argumentan que é importante o estudo específico do cal se produciron os datos e, aínda que os criterios de Bradford Hill poden ser aplicados para testar a causalidade nestes escenarios, o estudo tipo pode descartar a dedución ou indución da causalidade, e os criterios son só útiles para inferir a mellor explicación deses datos.

O debate sobre a aplicación dos criterios inclúe tamén se poden ser aplicados ou non ás ciencias sociais. Proponse que hai diferentes motivos detrás da definición da causalidade; os criterios de Bradford Hill aplicados a sistemas complexos como as ciencias da saúde son útiles nos modelos de predición, onde se busca unha consecuencia; os modelos de explicación sobre por que ocorre a causalidade dedúcense menos facilmente dos criterios de Bradford Hill porque neses modelos é necesaria a instigación da causalidade, máis que a consecuencia.

Exemplos de aplicación

Os investigadores aplicaron os criterios de Hill para a causalidade para examinar as evidencias en varias áreas da epidemioloxía, incluíndo conexións entre exposición a mofos e unha hemorraxia pulmonar infantil, a radiación ultravioleta B, a vitamina D e o cancro, a vitamina D e o embarazo e os resultados neonatais, o alcohol e os resultados das doenzas cardiovasculares, as infeccións e o risco de accidente cerebrovascular, a nutrición e os biomarcadores relacionados cos resultados de enfermidades, os alimentos e nutrientes relacionados coas doenzas cardiovasculares e a diabetes e o consumo de bebidas edulcoradas con azucre e a frecuencia da obesidade e as enfermidades relacionadas coa obesidade. Foron tamén usados en estudos epidemiolóxicos non humanos, como sobre os efectos de pesticidas neonicotinoides sobre a abella do mel. Propúxose o seu uso na mellora da calidade dos servizos de atención sanitaria, salientando como poden usarse os métodos de mellora da calidade para proporcionar probas dos criterios.

Desde a descrición dos criterios, publicáronse moitos métodos para avaliar sistematicamente as evidencias que apoian as relacións causais, por exemplo os cinco criterios de graduación das evidencias da World Cancer Research Fund (Convincente; Probable; Evidencias limitadas – suxestivo; Evidencias limitadas – sen conclusión; Efecto substancial sobre o risco improbable).What the Continuous Update Conclusions Mean American Institute for Cancer Research, n.d., consultado o 13 de xulo de 2017

Notas

Véxase tamén Outros artigos Inferencia causal Causalidade de Granger Postulados de Koch Postulados moleculares de Koch Correlación non implica causalidade

Categoría:Epidemioloxía Categoría:Causalidade