A Casa de Galicia foi unha mutualista de asistencia sanitaria, que funcionou en Montevideo durante 104 anos. Fundada en 1917 por un grupo de inmigrantes galegos, o 23 decembro de 2021, a xustiza uruguaia decretou o seu peche.

Historia A principios do século XX, o Uruguai foi un dos principais destinos da emigración galega a América do Sur. O 1 de outubro de 1917 a colectividade galega do Uruguai fundou en Montevideo a Sociedade de Instrución, Recreo, Beneficencia e Asistencia Médica Colectiva Casa de Galicia. O seu principal dirixente foi José María Barreiro, natural de Baiona.

Na década de 1950 adquiriu un inmoble na avenida Millán do barrio do Prado de Montevideo onde construíu o seu sanatorio principal e o edificio da súa sede. Foi inaugurado en 1957. A poucos metros dela está a Quinta de Casa de Galicia. Con sede na avenida 18 de Xullo, a sociedade contaba co Instituto Manuel Curros Enríquez e a biblioteca Alfonso R. Castelao, ademais dun grupo de policlínicos do departamento de Montevideo.

O 23 de decembro de 2021, a xustiza uruguaia decretou o cesamento inmediato das actividades da mutua, que estaba a atravesar graves problemas económicos e padecía un alto nivel de endebedamento. A institución contaba naquel momento cuns 45.000 socios e 1.300 traballadores. O sanatorio púxose baixo a supervisión da Administración Estatal de Servizos Sanitarios, á espera de que se resolvese o futuro dos seus traballadores, membros e usuarios.

En novembro de 2022, o último presidente da Casa de Galicia, Alberto Iglesias, aproveitando a visita ao país do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que denunciaría ao conselleiro de Sanidade Pública, Daniel Salinas, por entender que o peche da mutua era unha acción premeditada e organizada coa intención de beneficiar a outras institucións sanitarias, en particular ao Círculo Católico e ao Hospital Evanxélico.

Tras o seu peche, un grupo de socios e a súa comisión de cultura constituíron a Asociación Civil Centro Histórico-Cultural Casa de Galicia, que busca manter o patrimonio histórico e cultural da antiga mutualidade galega e é a súa continuidade histórica. Con varios centos de socios, busca manter viva a historia e a cultura galega no país, desenvolvendo actividades culturais, cursos, e procurando a xestión do Panteón Social da Casa de Galicia no Cemiterio Norte.

Outras actividades A Casa de Galicia organizou diversas actividades culturais, destacando a ensinanza do baile tradicional galego. Tamén contou cunha Sección Deportiva que disputou cinco tempadas federada na Asociación Uruguaia de Fútbol.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Alma Gallega (Montevideo)

Categoría:Diáspora galega Categoría:Galegos do Uruguai Categoría:Hospitais do Uruguai