Olaya Enrique Rodríguez, nada en Avilés o 10 de maio de 2005, é unha futbolista española que xoga como centrocampista no Deportivo da Coruña, da Primeira División.

Traxectoria Comezou a súa carreira na canteira do CD Femiastur do seu Avilés natal, sección feminina do Real Avilés, no que xogou ata o verán de 2017, cunha paréntese dun ano no CF Versalles na tempada 2015/16. Para a tempada 2017/18 incorporouse ao equipo sub-14 do Sporting de Gijón, que compaxinou cos seus primeiros partidos co equipo B na liga autonómica asturiana, logrando o ascenso a Primeira Nacional, daquela terceira categoría do fútbol español. Na tempada 2019/20 xogou no equipo C, de novo na liga autonómica, contribuíndo con 18 goles en 15 partidos.

No verán de 2020 subiu ao primeiro equipo do Sporting, da Segunda División. O seu equipo logrou manterse na liga esa tempada e Olaya Enrique foi a segunda máxima goleadora do equipo con dez goles en 22 partidos. Na 2021/22 xogou 24 partidos e marcou dous goles, pero o Sporting quedou no penúltimo posto do Grupo Norte e, polo tanto, descendeu a Primeira Nacional.

En agosto de 2022, fichou polo Real Madrid, xogando inicialmente no filial de Segunda Federación. Aquí converteuse nunha xogadora clave do equipo e fixo 21 partidos e catro goles ao longo da tempada.

O 10 de novembro de 2023 debutou co primeiro equipo do Real Madrid na Primeira División, nun partido ante a Real Sociedad no que substituíu no minuto 69 a Athenea del Castillo. En total, disputou nove partidos oficiais co primeiro equipo esa tempada, e ademais conseguiu co filial o ascenso á Primeira Federación.

Para a tempada 2024/25, foi cedida ao Deportivo da Coruña, que viña de ascender a Primeira. No conxunto galego asumiu un papel protagonista a pesar da súa xuventude. Comezou xogando como mediocentro ata que a adestradora Irene Ferreras a recolocou no extremo esquerdo e con Fran Alonso chegou a xogar incluso de lateral. Contribuíu á permanencia na máxima categoría como segunda máxima goleadora do equipo con 4 importantes goles, só por detrás dos 6 de Millene, e foi a única xogadora de toda a liga en conseguir dous tantos de falta directa. O seu gran rendemento e a súa vontade de continuar na Coruña propiciaron que o club adquirise os seus dereitos en propiedade, asinando un contrato por tres anos.

Selección nacional Debutou coa selección española sub-17 o 18 de agosto de 2021 nun amigable contra Noruega. Máis tarde clasificouse para a fase final da Eurocopa sub-17 de 2022, onde España acadou a final, caendo ante Alemaña na quenda de penaltis. Olaya Enrique xogou catro partidos e anotou un gol durante o torneo. En outubro dese ano formou parte da selección española que disputou o Mundial sub-17. Xogou cinco partidos no certame mundial e proclamouse campioa ao derrotar na final a Colombia por 1-0.

Despois do Mundial, pasou á selección sub-19 e disputou con esta a Eurocopa de 2023. As españolas gañaron o título na quenda de penaltis da final contra Alemaña (despois de que encontro rematase sen goles). Olaya Enrique contribuíu con catro partidos durante o torneo.

Palmarés Selección española sub-17 Copa do Mundo sub-17 (1): 2022.

Selección española sub-19 Eurocopa sub-19 (1): 2023.

Notas

Categoría:Nados en 2005 Categoría:Nados en Avilés Categoría:Futbolistas de Asturias Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadoras do Real Madrid CF Feminino Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino