Pierre Cavalli, nado en Zürich o 12 de xullo de 1928, e finado na súa cidade natal o 28 de marzo de 1985, foi un guitarrista suízo de Jazz. Cavali é recordado como un pioneiro da música psicodélica francesa e como o precursor que popularizou o estilo de jazz americano dos anos 50 na Suíza romanda.

Traxectoria Con estudos de violín desde os sete anos pasou á guitarra aos quince, por influencia das escoitas de Stéphane Grappelli e Quincy Jones. O pai de Cavalli era dono dunha tenda de instrumentos en Lausana e o propio Pierre afeccionouse ao coleccionismo de vinilos desde a adolescencia.

Co Swiss All Star Bebop Team, unha casa discográfica de prestixio en Suíza nos 40, participou no primeiro Festival Internacional de Jazz de Niza en 1948, máis tarde é contratado por Fred Böhler, Hazy Osterwald e Kurt Edelhagen. En 1953 trasladouse a París, onde tivo o seu propio trío, tocou con Art Simmons e chegou a ser escollido como músico de estudio para Quincy Jones (Et voilà!, 1957) e Michel Legrand. Friedrich Gulda levouno á súa Euro Big Band. Un punto de inflexión significativo na carreira de Cavalli chegou co lanzamento do seu aclamado álbum, "Twilight Time", en 1959 que solidificou o seu status na industria musical. O lanzamento do disco en vinilo chamou a atención dos fans cun alto número de vendas e recibiu o apoio de críticos especializados. Co seu trío, Cavalli foi de xira polos Estados Unidos e a URSS.

A principios dos anos 60 tocou con Stéphane Grappelli. Xa de regreso a Suíza, a finais da década tras a morte do pai a mediados dos 60, traballou como solista coa DRS Big Band, e seguiu traballando como músico de estudio para Dennis Armitage mentres mantiña a tenda de música familiar coa axuda da nai. A este traballo regular sumáronse as colaboracións nas clases mestras a alumnos de jazz de Hans Koller (International Jazz Workshop, 1964) e Ingfried Hoffmann. Cavallli amosaba técnicas que aprendera no estranxeiro xa no seu país, por exemplo, considéraselle o primeiro en tocar en Suíza a Gibson de dobre pescozo, o que para os afeccionados máis novos era equivalente a terse pasado ao rock & roll.

No ano 1972 decide preparar unha nova viaxe, inspirado polas primeiras publicacións de Bossa nova que chegaban a Suíza e polo popular filme Orfeu Negro, nunha etapa dun ano no Brasil. Ao seu regreso grava en suíza xunto con Angel Pocho Gatti (italo-arxentino) e Bruno Spoerri (suízo) o álbum de jazz-fusion e trippy bossa-nova con letras en portugués Uma Vitamina Faz Favor que só é recuperado para a publicación polo selo Sonorama tras a morte do autor e publicado finalmente en 2014.

Durante o resto da década dos 70 segue traballando dando concertos ao vivo en pequenos grupos propios, sendo constantemente invitado a Francia por Eddie Barclay dono de clubs de jazz, e como músico de estudio (a partir de 1973 xa asentado en Zürich). Tamén compuxo música para películas de televisión francesas. Xunto con Thomas Moeckel, Markus Plattner e Roberto Bossard, fundou en 1983 a banda Guitar Summit, que estaba formada por catro guitarristas máis unha sección rítmica.

Estaba casado con Nanda van Bergen, que tamén actuou con el como cantante. Tamén é recordado na súa comunidade como un grande afeccionado á entomoloxía cunha ampla colección de insectos.

Discografía Twilight Time (Realm, 1959) Con Stéphane Grappelli: Django (Barclay 1962) Swiss All Stars (Ex Libris 1964) Con Wolfgang Dauner: The Oimels (MPS 1969) Coa DRS Big Band: Tour de swing (CH Record 1972–1974) Emphasis (Pick 1975, xunto a Renato Anselmi, Fernando Vicencio, Nick Liebmann e Curt Treier) Con Bert Campbell: Romantische Melodien (Corema Records 1983) Uma Vitamina Faz Favor (Sonorama 2014)

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Possarinhos, canción de Cavalli do disco Uma Vitamina Faz Favor, en youtube

Categoría:Guitarristas de Suíza Categoría:Guitarristas de jazz Categoría:Nados en Zürich Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 1985