Cristo versus Arizona é unha novela experimental en lingua castelá escrita polo autor galego Camilo José Cela. Trata os acontecementos que rodearon o duelo no OK Corral en 1881 que enfrontou os Earp cos Clanton e os Frank, e até arredor de 1920, narrados a través dun monólogo.
Foi publicada pola editorial Seix Barral en 1988, dentro da colección "Biblioteca Breve". Cela escribiuna entre agosto de 1986 e setembro de 1987 entre Palma de Mallorca, Arizona e Fisterra, e viaxou ao estado estadounidense para documentarse.
Argumento e estrutura A acción sitúase principalmente no deserto de Sonora e na localidade de Tombstone, en Arizona, entre finais do século XIX e comezos do s. XX. O duelo no O.K. Corral, ocorrido en 1881, serve como punto de referencia histórico, aínda que non constitúe unha trama convencional. Arredor deste episodio acumúlanse as historias violentas e grotescas de numerosos personaxes do Vello Oeste.
O relato adopta a forma dun extenso monólogo de Wendell Liverpool Espana (nome que tamén aparece coas variantes Espan e Aspen), un home de escasa formación que evoca de maneira desordenada lembranzas, novas e anécdotas. A obra retoma algúns elementos da novela picaresca, como a orixe humilde do narrador e a sucesión de episodios protagonizados por personaxes marxinais.Cristo versus Arizona; Penguin Libros (en castelán)
A súa característica formal máis salientable é estar composta por unha única oración: a primeira edición consta de 238 páxinas con milleiros de comas e un único punto, situado ao final. Esta puntuación produce un ritmo de salmodia e reforza a aparencia de fluxo continuo da memoria. En lugar dun argumento lineal, a novela encadea numerosas historias breves, invocacións relixiosas e descricións de violencia, morte e miseria.
Publicación e linguas A primeira edición de Cristo versus Arizona apareceu en Barcelona en 1988 e tiña 238 páxinas; Ademais, foi a última novela publicada por Cela antes de recibir o Premio Nobel de Literatura en 1989.
Foi escrita en castelán, lingua na que escribía principalmente Cela, que tamén publicou en galego os artigos de O camaleón solteiro. A obra foi posteriormente reeditada e traducida, entre outras linguas, ao inglés, francés, italiano, romanés e serbocroata. Non foi traducida ao galego nin ao portugués, aínda que outras obras de Cela si apareceron nestas linguas, como A familia de Pascual Duarte, traducida ao galego por Vicente Risco, que conta tamén cunha versión portuguesa.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Literatura experimental
Categoría:Camilo José Cela Categoría:Novelas ambientadas nos Estados Unidos de América