Makarios,Aparece nalgunhas fontes en lingua ucraína como Макарій (Геррінґ) e Макарій (Карріон), en lingua rusa como Макарий (Херринг). Tamén citado como Vladyka Makarios. nado como David Carrion en 1957, é un eclesiástico ortodoxo estadounidense, quen co título de bispo de Houston e Texas ten sido parte da xerarquía de varias igrexas ortodoxas non canónicas.

Traxectoria O 5 de novembro de 1975, sendo xa hieromonxe, rexistrou na xurisdición de Texas a organización sen ánimo de lucro «Diocese ortodoxa-católica de Houston e dependencias». O 24 de abril de 1977 foi elevado ao rango de hegúmeno na xurisdición da Igrexa ortodoxa autocéfala eslavónica de William Andrew Prazsky, e o 7 de maio de 1978 ao rango de arquimandrita.

O 29 de xuño de 1982 foi consagrado bispo da Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína - conciliar polo seu metropolita Hryhorii Ohiichuk, xunto con outros dous bispos (William Andrew Prazsky e Anthony Prazsky). Dende o punto de vista legal, a organización que rexistrara en 1975 pasou en 1983 a operar baixo o nome de Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína en Texas. En 1985, logo do pasamento de Ohiichuk, separouse de dita igrexa e proclamou a autonomía da súa diocese.

Recoñeceu en 1991 a autoridade suprema do novo patriarca de Kíiv Mstyslav Skrypnyk, mais sen chegar a formar parte da Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína. Anos máis tarde, o 23 de novembro de 1998, foi aceptado na xurisdición da Igrexa ortodoxa ucraína - Patriarcado de Kíiv, pero separouse nalgún momento da década de 2000; en 2006 celebrou a Divina Liturxia xunto co patriarca Filaret Denysenko.

Posteriormente, o bispo Makarios estabeleceu privadamente a comuñón plena coa Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa e co bispo da Igrexa ortodoxa ucraína do Patriarcado de Kíiv Oleksandr Bykovets. Así, o 11 de maio de 2008 participou na consagración episcopal de Sviataslaŭ Lohin. Finalmente, en 2010 participou na asemblea episcopal que creou a Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína (conciliar) do patriarcado de Kíiv. Na asemblea, celebrada os días 29 e 30 de maio na cidade de Brunswick (Ohio), decidiuse estender as actividades da Igrexa ao Brasil, a Arxentina, México e ás illas do Caribe, encargando a atención espiritual destes países a Makarios polo seu coñecemento do castelán e do portugués; o concilio tamén nomeou a Makarios arcebispo.

O 19 de xuño de 2011 participou na ordenación episcopal do bispo da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa Serachvim Čykita.

O 3 de agosto de 2011 rexistrou na xurisdición de Texas unha nova organización relixiosa, a Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína - Fóra de Ucraína. Ao ano seguinte, en outubro de 2012 foi elixido metropolitano da Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína - Fóra de Ucraína.

Por outra banda, o 9 de xuño de 2014 rexistrouse en Texas tamén unha organización sen ánimo de lucro co nome de «Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa», que se corresponde coa escisión de Serachvim Čykita, quen abandonara a Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa; ademais de Makarios e Serachvim, tamén está vencellado a esta organización o bispo David Jones.

O bispo ten como residencia o mosteiro dos Catro Evanxelistas de Houston, estando a catedral de San Xoán Crisóstomo a carón deste mosteiro.

Notas

Categoría:Bispos ortodoxos non canónicos Categoría:Bispos ortodoxos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1957 Categoría:Personalidades sen imaxes