Mycteria americana é unha especie de cegoña descrita por Linné en 1758 nativa dos subtrópicos e trópicos de América, onde mora en hábitats con niveis flutuantes de auga. É a única especie de cegoña que se reproduce en América do Norte. A cabeza e o pescozo desta ave carecen de plumas e son de cor cincenta. A plumaxe é principalmente branca, coa excepción da cola e algunhas plumas da á, que son negras con brillo agrisado-purpúreo.

Globalmente, esta cegoña considérase que está en estado de conservación "pouco preocupante" segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Nos Estados Unidos, fora previamente clasificada como "en perigo" debido á perda do hábitat de alimentación axeitado para ela nos Everglades da Florida, o bastión histórico das súas poboacións.Ogden J. C. & Patty B. W. (1981) "The recent status of the wood stork in Florida and Georgia". In: Odom RQ, Guthrie JW, editors. Proceedings of the nongame and endangered wildlife symposium (Technical Bulletin WL5). Atlanta, GA, USA: Georgia Department of Natural Resources Game and Fish Division. pp. 97–102. Pero despois foi considerada só como "ameazada" porque aumentou de poboación e espallouse cara ao noroeste.

Taxonomía e etimoloxía O seu nome binomial Mycteria americana deullo Linné en 1758. Linné orixinalmente nomeou dúas especies separadas, M. americana e Tantalus loculator, baseándose en informacións diferentes e lixeiramente erradas, no seu libro Systema Naturae. Despois identificouse que estes dous nomes binomiais se referían á mesma especie, o que facía que M. americana e T. loculator fosen sinónimos. M. americana tiña prioridade ao aparecer antes que T. loculator.

O nome do xénero aceptado Mycteria deriva do grego μυκτήρ : myktēr, que significa 'nariz' ou 'trompa', e o nome da especie, americana, refírese á súa distribución xeográfica.Nellis, D. W. (marzo de 2001). Common Coastal Birds of Florida and the Caribbean. Sarasota: Pineapple Press. p. 150. ISBN 978-1-56164-191-8.

Clasifícase na tribo Mycteriini (que comprende todas as especies dos xéneros Anastomus e Mycteria) baseándose na súa morfoloxía e comportamento.

Descrición

esquerda|miniatura|A cabeza desta cegoña lembra a dun ibis. O adulto é unha ave grande que ten unha altura de 83-115 cm cunha envergadura de 140-180 cm. O macho pesa normalmente 2,5-3,3 kg, cun peso medio de 2,7 kg; a femia pesa 2,0-2,8 kg, cun peso medio de 2,42 kg.CRC Handbook of Avian Body Masses, 2ª edición de John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (2008). . Outra estimación dá un peso medio de 2,64 kg.Palmer, R. S. (1962). Handbook of North American birds, Volume 1, Loons through Flamingos. Yale Univ. Press, New Haven, CT. A cabeza e pescozo do adulto están espidas, sen plumas, cunha pel escamenta gris escura. O peteiro negro e curvado cara abaixo é longo e moi largo na base. A plumaxe é principalmente branca, coas rémixes primarias e secundarias e a cola negras e cunha iridescencia verdosa ou purpúrea. As patas e pés son escuros e as dedas de cor rosa/beixe tórnanse rosas durante a estación reprodutora. Os sexos son similares.

Os poliños que acaban de facer eclosión teñen unha cuberta escasa de penuxe (protóptilos) gris, que é substituída por unha penuxe densa e lanosa branca (mesóptilos) 10 días despois. Os polos medran rápido, atinxindo a metade da altura dos adultos en 3 ou 4 semanas. Nas semanas sexta e sétima, a plumaxe da cabeza e pescozo vólvese gris fume. Cando empluman lembran os adultos, diferenciándose só en que teñen unha cabeza emplumada e un peteiro amarelo.

Distribución e hábitat

esquerda|miniatura|453x453px|Colonias activas desta especie nos Estados Unidos desde 2015 a 2019 (United States Fish and Wildlife Service, 2023). A área de distribución actual desta especie comprende o sueste dos Estados Unidos, México, América Central, Cuba e América do Sur.

Dentro dos Estados Unidos, hai pequenas poboacións reprodutoras na Florida, Xeorxia e Carolina do Norte e do Sur. Os exemplares pos-reprodutores nos Estados Unidos poden atoparse polo oeste ata Alabama e Mississippi.

En México as aves non reprodutoras poden verse nas costas do Pacífico e o Atlántico, mentres que as colonias reprodutoras están restrinxidas da costa do Pacífico. A maioría das descricións das colonias reprodutoras desta especie no oeste de México teñen uns 35 anos, pero fontes recentes confirmaron a presenza de colonias nidificadoras activas nos estados de Oaxaca e Colima.

Cuba alberga as únicas dúas colonias reprodutoras desta especie no Caribe. Ambas as colonias viven en importantes zonas húmidas: o pantano Zapata e o arquipélago Sabana-Camagüey. Fóra de Cuba, os avistamentos desta ave son raros no Caribe, xa que foron erradicadas de A Española e son só vagabundas noutras illas caribeñas.

En América do Sur atópase no norte da Arxentina. A maioría das colonias reprodutoras do Brasil están concentradas na zona húmida do Pantanal e na rexión costeira do norte. As aves que se reproducen na zona central oeste do Brasil a miúdo espállanse ao sur do Brasil e norte da Arxentina despois de reproducírense.

Esta especie pode adaptarse a diversos hábitats húmidos tropicais e subtropicais que teñen niveis de auga flutuantes, o que fai iniciar a reprodución. Aniñan nas árbores que están sobre a auga ou rodeadas de auga. En hábitats de auga doce, nidifica principalmente en bosques dominados por árbores do xénero Taxodium (nos Estados Unidos), mentres que nos estuarios xeralmente fai o niño en árbores de mangleirais. Para alimentarse usa marismas de auga doce en hábitats con abundancia de Taxodium, mentres que en áreas con mangleiros, usa as de auga salobre. As áreas con máis lagos atraen a alimentación nos lagos, ríos e ribeiras.

Comportamento e ecoloxía Reprodución miniatura|Colonia nidificante no Refuxio de Vida Silvestre de Harris Neck, Xeorxia, Estados Unidos.|300x300px

Esta cegoña é un reprodutor residente en zonas húmidas baixas que constrúe niños en árbores de 1 m de diámetro. En hábitats de auga doce prefire aniñar en árbores que teñen maior diámetro. Nidifica en colonias nas que pode haber 25 niños nunha soa árbore. A altura á que están estes niños é variable; algúns están localizados en mangleiros baixos a alturas duns 2,5 m, comparadas con alturas de 6,5 m en mangleiros máis altos. Nos Taxodium xeralmente nidifica nas pólas superiores, xeralmente entre os 18 e os 24 m de altura. Nas árbores elixen as ramificacións onde se esgallan pólas longas ou lugares onde se cruzan moitas pólas.

O macho é o encargado de construír o niño usando paus e ramiñas verdes que recolle pola colonia e áreas próximas. Empezan a colocar follaxe antes de poñer os ovos pero despois de completar a estrutura principal de ramiñas. A frecuencia con que a engaden vai diminuíndo despois da eclosión dos ovos. Esta follaxe axuda ao illamento do niño. Cando está completo, o niño ten 1 m de diámetro aproximadamente, cunha área central verde cun diámetro de 28 cm. O grosor do bordo do niño adoita ser de 12 a 20 cm. miniatura|esquerda|Adultos copulando.|351x351px

Os individuos que non teñen niño algunhas veces tratan de apoderarse do niño doutros. Nestes apoderamentos de niños intervén á vez máis dunha ave. As crías e os ovos dos anteriores propietarios son botados fóra do niño uns 15 minutos despois da toma de posesión. Se hai unha soa destas cegoñas atendendo o niño cando é expulsada pola forza, entón esta espera a que chegue a súa parella para intentaren entre os dous recuperar o niño.

A reprodución iníciase cando hai unha baixada do nivel das augas combinada cun incremento de densidade de peixes (ambas as cousas están relacionadas). Isto permite que as aves dispoñan dunha cantidade de alimento axeitada para a crías. Isto adoita acontecer entre novembro e agosto. Unha vez que empeza a reprodución, esta complétase nuns catro meses.miniatura|Ovos de Mycteria americana.|300x300px Esta ave fai unha postura de tres a cinco ovos cor crema dun tamaño de 68 por 46 cm. Póñenos xeralmente cunha separación dun ou dous días e son incubados por de 27 a 32 días por ambos os sexos. Este período de incubación comeza cando se pon o primeiro ovo. Durante a primeira semana de incubación os proxenitores non se van lonxe da colonia, coa excepción de curtas viaxes para buscaren alimento, beberen e recolleren material para o niño carrexado pola ave que nese momento non esta incubando. Despois da primeira semana, a ave non incubante pasa menos tempo na colonia, aínda que os ovos nunca quedan desatendidos. Despois de pasar unhas poucas horas chocando os ovos, a ave ás veces toma un descanso para estirarse, acicalarse, arranxar o niño ou darlle a volta aos ovos. Os ovos fan eclosión na orde en que foron postos, cun intervalo duns poucos días entre a eclosión de cada ovo. miniatura|Dous polos no seu niño.|300x300px|esquerda Os polos que eclosionan son altriciais, incapaces de moverse, e pesan como media 62 g. Son cubertos baixo o corpo dos pais durante a primeira semana de vida, e despois tamén se estivo chovendo ou é de noite. Non deixan sós os polos ata que teñen tres semanas de idade, e un dos membros da parella sae a buscar comida mentres que o outro garda o niño e os polos. Cando os polos teñen polo menos tres semanas, son xa grandes dabondo para permaneceren sós e protexeren o niño. Isto coincide co momento en que os polos son máis agresivos cando se lles presentan obxectos ou organismos alleos. Empluman aos 60 a 65 días despois da eclosión, e chegan á madureza sexual aos catro anos de idade, aínda que normalmente non conseguen criar fillos con éxito ata o quinto ano de idade.

O éxito na eclosión, é dicir, a porcentaxe de de aves que conseguen que polo menos lles eclosione un ovo nun ano, é nesa especie dun 62 %. Porén, isto pode variar moito, e esta cifra varía segundo a colonia entre o 26 % e o 89 %. O período no que o polos son máis vulnerables á morte é desde a eclosión ás dúas semanas de idade. En conxunto, un 31 % dos niños produce polo menos unha cría emplumada. Os mapaches e caracaras, especialmente o Caracara plancus, son importantes predadores de ovos e polos. Outras causas de fracaso da nidificación é a caída dos niños das árbores. Isto pode deberse a moitas causas, as máis importantes son a mala construción dos niños e as loitas entre adultos.

Dieta e alimentación Durante a estación seca, M. americana come principalmente peixes, suplementados con insectos. Durante a estación húmida, os peixes constitúen a metade da súa dieta, os cangrexos un 30 % e os insectos e ras o resto. Come máis frecuentemente peixes grandes que pequenos, mesmo nalgúns casos cando os pequenos son máis abundantes. Estimouse que un adulto necesita uns 520 g de comida ao día para manterse. Para unha familia completa, estímase que se necesitan uns 200 kg por estación reprodutora. miniatura|Un adulto buscando comida.|300x300px Xeralmente buscan comida en bandadas cando non están reproducíndose, pero fano en solitario ou en pequenos grupos cando están criando. Na estación seca, xeralmente buscan comida camiñando de vagar cara adiante co peteiro mergullado na auga mentres tentean a posible comida. Durante a estación húmida, este método utilízase o 40 % das veces para capturar a comida. Nese período, o 35 % das veces usa a técnica de remexer co pé, na que a cegoña camiña moi de vagar co peteiro na auga mentes bombea co seu pé movéndoo arriba e abaixo antes de dar cada paso. Estes dous métodos de caza non son visuais.