Hiromi Kawakami (en ), nada en 1958, é unha escritora xaponesa coñecida polas súas innovadoras obras de ficción, poesía e crítica literaria. Gañou múltiples premios literarios nipóns, entre os que destacan os premios Akutagawa, Tanizaki, Yomiuri e o Izumi Kyōka de Literatura. A súa obra foi adaptada ao cinema e traducida a máis de quince linguas.
Traxectoria Primeiros anos Hiromi Kawakami naceu en Tokyo en 1958, mais criouse no barrio de Takaido da cidade de Suginami. En 1980, graduouse da Universidade Ochanomizu para mulleres.
Carreira literaria Tras completar os seus estudos, Kawakami comezou a traballar como escritora e editora na revista NW-SF, especializada en ciencia ficción. O seu primeiro conto, "Sho-shimoku", apareceu en 1980. Tamén foi profesora de ciencias na secundaria, mais pasou a ser ama de casa cando o seu esposo se tivo que trasladar por traballo.
En 1994, aos 36 anos, publicou a súa primeira escolma de relatos, titulada Kamisama ("Os deuses"). En 1996, Hebi wo fumi ("Pisar a serpe") gañou o prestixioso premio Akutagawa. En 2001, recibiu o premio Tanizaki pola súa novela O maletín do mestre, unha historia de amizade e amor entre unha muller de trinta anos e o seu antigo profesor, de setenta. Tras os accidentes nucleares de Fukushima, reescribiu a súa ópera prima, Kamisama, incorporando os sucesos de Fukushima na trama orixinal.
En 2014, estreouse a película Nishino Yukihiko no koi to bōken, baseada na novela homónima de Kawakami publicada en 2003. Ese mesmo ano, saíu do prelo o seu libro Suisei ("O son da auga"), que gañou o 66.º premio Yomiuri de 2015. Yōko Ogawa, membro do xurado, gabou a obra por expandir os horizontes da literatura. En 2016, a súa escolma de contos Ōkina tori ni sarawarenai yō recibiu o 44.º premio Izumi Kyōka de Literatura.
Traducións O maletín do mestre (2012). Tradución directa de Mona Imai. Rinoceronte Editora. . Ademais, parte da súa obra foi traducida ao castelán polo carballiñés Gabriel Álvarez Martínez.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en 1958 Categoría:Escritores do Xapón Categoría:Escritores en lingua xaponesa