Neon Yang, nada en 1982, é unha persoa escritora de Singapur, coñecida pola súa ficción especulativa en lingua inglesa. Destaca pola serie de novelas curtas do Tensorado (en ), publicadas por Tor.com. Por elas, foi finalista dos premios Hugo, Locus e Nébula, entre outros. A primeira obra da serie, The Black Tides of Heaven ("As mareas negras do ceo", 2017), foi nomeada entre os 100 mellores libros de fantasía da historia pola revista Time.
Traxectoria Yang naceu en Singapur en 1982. É unha persoa non-binaria e queer que emprega os pronomes ingleses they e them. No 2020, mudou oficialmente o seu nome a Neon. Fixo un mestrado en Escrita Creativa pola Universidade de East Anglia, e no 2013 pertenceu ao Clarion West Writers Workshop.
Yang comezou a publicar contos de ficción en 2012 en revistas como Clarkesworld, Lightspeed, Uncanny Magazine, Apex Magazine ou Strange Horizons. A súa obra Waiting on a Bright Moon ("Agardando por unha lúa brillante") foi finalista do premio Locus de 2018, na categoría de mellor Novela Curta. Por outra banda, Circus Girl, The Hunter, and Mirror Boy foi finalista dos premios Ignyte de 2020.
A súa serie de novelas curtas do Tensorado comezou en 2017, coa publicación simultánea de The Black Tides of Heaven e The Red Threads of Fortune ("Os fíos vermellos da fortuna"). Ambas foron recibidas con boas críticas. A primeira delas foi finalista dos premios Nébula de 2017 na categoría de mellor Novela Curta e dos premios Hugo de 2018, entre outros. En 2018 e 2019 saíron do prelo dous libros máis, The Descent of Monsters ("O descenso dos monstros") e The Ascent to Godhood ("O ascenso cara a divindade"), respectivamente.
A primeira novela longa de Yang, The Genesis of Misery ("A xénese da miseria"), parte dunha futura triloxía (The Nullvoid Chronicles), foi publicada en setembro de 2022. Trátase dunha revisión da historia de Xoana de Arco (1412-1431), mais dentro do xénero da space opera.
Obra A obra de Yang xira arredor da idea "do corpo humano como un recipiente para a narración", e baséase na súa experiencia previa nos eidos da bioloxía molecular, o xornalismo e a divulgación científica. Yang describiuse como unha persoa "fondamente pesimista respecto da natureza humana", aínda que recoñece a capacidade de mitigar os aspectos máis negativos das nosas accións, o que se reflicte en gran parte da súa literatura.
Nas súas palabras, a serie do Tensorado é "fantasía científica asiática e queer". Algúns críticos definiron o seu estilo como silkpunk (un xogo de palabras con silk ou "seda" e xéneros como o steampunk ou o cyberpunk).
Notas
Categoría:Alumnos da Universidade de East Anglia Categoría:Nados en 1982 Categoría:Escritores de Singapur Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:LGBTIQ+ Categoría:Ciencia ficción