O rabiteso rubio (Cercotrichas galactotes) é un membro de tamaño medio da familia dos muscicápidos. Reprodúcese na rexión mediterránea e cara ao leste ata Paquistán. Tamén se reproduce ao sur do Sáhara desde a rexión do Sahel cara ao leste ata Somalia; estes exemplares africanos son ás veces considerados unha especie separada (C. minor). É unha ave parcialmente migratoria, que pasa o inverno en África (Kenya, Sudán do Sur, Etiopía, Somalia) e India. É un visitante moi raro do norte de Europa.
O seu nome científico procede do grego antigo, de kerkos, 'cola' e trikhas, 'túrdido', e galactotes, que significa que lembra o leite.
É unha ave de rexións abertas secas con arbustos. Constrúe un niño nun arbusto a pouca altura, onde pon de tres a cinco ovos.
É unha especie de maior tamaño que o paporrubio. Ten as partes superiores de cor marrón, as inferiores brancas e un prominente supercilio abrancazado e unha liña escura na zona do ollo. A raza do oeste ten unhas costas de cor marrón máis claro que os espécimes do sueste de Europa e Asia. A longa cola marrón avermellada téñena frecuentemente aberta en abano, mostrando as puntas negras e brancas das plumas da cola. O macho e femia adultos teñen unha plumaxe similar e os inmaturos lembran os adultos pero son máis claros. Estas aves aliméntanse de insectos que capturan principalmente no chan. A súa canción é similar á dos túrdidos.
Descrición O macho e femia adultos son similares e miden uns 15 cm de longo e teñen patas relativamente longas e unha longa cola redondeada. As partes superiores son castañas amarronadas, co sobrecú e parte superior da cola bastante de cor marrón máis avermellado. Teñen unha liña ancha branca crema curvada que vai desde os orificios nasais ao ollo e unha liña marrón escura que atravesa o ollo. A área baixo o ollo é abrancazada as plumas cobertoiras da zona do oído son marróns claras. O ollo e o bico son ambos marróns, mais a mandíbula inferior do bico ten unha base máis agrisada. As partes inferiores son brancas tirando a beixes, co queixo, parte central da barriga e cobertoiras de debaixo da cola máis claras que o resto do corpo. As plumas das ás son marróns escuras, abeiradas no bordo de ataque de beixe e no bordo posterior da á de castaño claro e coas rémixes secundarias coas puntas brancas. O par de plumas centrais da cola son de cor marrón avermellado brillante con puntas negras estreitas e o resto é de cor similar con puntas brancas e bandas negras anchas adxacentes. As patas e pés son marróns claras. Os inmaturos son similares en aspecto pero xeralmente son máis claros e de cor marrón area. Mudan a plumaxe en outono e antes diso, as puntas brancas das plumas da cola poden reducirse ou desaparecer.
A súa canción é parecida á dunha laverca pero adoita constar de series de notas desarticuladas, ás veces claras e altas e outras veces suaves, e cántana desde unha posición elevada preto da copa dunha árbore, nun poste ou arame.
Distribución e hábitat É unha ave parcialmente migratoria. A súa área de reprodución abrangue desde Portugal, sur de España e Península Balcánica, segue polo Próximo Oriente ata Iraq, Casaquistán e Paquistán. En África reprodúcese desde Marrocos a Exipto e ao sur do Sáhara ata Somalia. É unha ave vagante pouco común no norte de Europa. Pasa o inverno no norte de África e cara ao leste ata a India. O seu hábitat son as áreas de arbustos abertas e secas con manchas de arbustos máis densos en terras baixas ou aos pés das montañas; alí onde é numeroso pode atoparse tamén en parques, viñedos e xardíns grandes.
O rabiteso rubio ten unha ampla área de distribución, estimada en 4,3 millóns de quilómetros cadrados, e unha gran poboación, que inclúe uns de 96.000 a 288.000 individuos en Europa. Como a súa área de distribución está entre un cuarto e a metade da súa área global, a poboación en todo o mundo pode ser de 196.000 a 1.150.000 individuos. O tamaño de poboación parecía ser estable en 2013 e non se pensa que se achegue ao limiar dos criterios de declive dunha poboación da Lista Vermella de Especies Ameazadas da IUCN (é dicir, un declive de máis do 30 % en dez anos ou tres xeracións), e foi despois avaliada como especie en situación "pouco preocupante".
Comportamento O rabiteso rubio atópase voando entre sitios nas árbores con cuberta densa, pero tamén en posicións máis abertas nas árbores, as copas dos arbustos e postes. Vese frecuentemente no chan choutando e abrindo a cola e movéndoa de arriba para abaixo. Cando está colgado nas árbores tamén exhibe a súa cola desta maneira e tamén ás veces baixa as ás antes de darlles un pequeno movemento rápido cara a adiante. Aliméntase principalmente no chan de insectos, como escaravellos, saltóns e larvas de bolboretas e avelaíñas, e de miñocas de terra, dándolle volta ás follas caídas para atopar as súas presas.
O macho fai unha exhibición en voo pouco común na que fai baixadas en picado coas ás levantadas e pode cantar mentres o fai. O niño constrúese a pouca altura nun arbusto, unha sebe de Opuntia, no toco dunha árbore ou outro lugar agochado. Xeralmente está ben agochado e constrúeno desordenadamente con herbas, ramiñas, raíces doutas fibras. O interior ten unha forma de copa ben formada e está forrado con raíces finas, pelos e a miúdo cachos de camisas de cobras. Poñen de catro a cinco ovos (en ocasións menos). Os ovos miden como media 22 x 16 mm e son de cor verdosa ou branca agrisada con manchas marróns agrisadas.
Ecoloxía Ás veces esta ave atópase en asociación co picanzo de cabeza rubia (Lanius senator), quizais nidificando nunha árbore veciña. O picanzo pousa preto da copa dunha árbore, sempre alerta á presenza de gabiáns, buxatos e outros predadores aéreos, mentres que o rabiteso rubio está pousado nun arbusto ou póla baixa, vixiando o chan por se se achegan serpes, gatos, mustélidos, raposas, xenetas, lagartos arnais e outros predadores. Ambas as aves adoitan espantar os predadores voando cara a eles para atraer a súa atención e despois voando lonxe do niño cara á maleza. O rabiteso rubio pode recoñecer as chamadas de advertencia doutras especies de aves e reacciona de forma apropiada.
Galería
Notas
Categoría:Muscicápidos Categoría:Animais descritos en 1820