A Pobra do CaramiñalA finais do século XX, cando o topónimo estaba castelanizado, propuxéronse como alternativas, segundo o modelo das formas portuguesas, as formas Póboa ou Póvoa que aínda seguen a ter un certo uso aínda que non teñen carácter oficial. é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Barbanza. Segundo o IGE en 2014 tiña 9.672 habitantes (9.664 no 2012, 9.726 no 2011, 9.858 no 2010). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «».

Xeografía O concello da Pobra do Caramiñal sitúase na cara sur da península do Barbanza, asomando á beira norte da ría de Arousa que baña a súa costa. A Pobra está encaixada entre dita ría e o monte Curota (un dos máis altos da serra do Barbanza, con 498 m de alto) e limita cos concellos de Ribeira, Boiro e O Porto do Son.

Orografía A súa configuración xeolóxica responde principalmente aos movementos tectónicos que modelaron unha sucesión de bloques elevados e afundidos. No interior levántanse, entre outras, as montañas da Curotiña (368 metros) e A Curota (498 metros), e o resto das formacións do Barbanza (656 metros), miradoiros naturais dende os que se obteñen unhas amplas vistas das Rías Baixas.

Clima O clima local caracterízase polos persistentes ventos mariños do leste e sueste e a suavidade das temperaturas ao longo do ano (12,1 °C de media). As zonas de máis atractivo son o Río Pedras (onde están situadas as piscinas naturais) e a praia de Cabío-Lombiña. Tamén hai outras praias non tan coñecidas, como A Barca, Lombiña, Laxe e a Corna.

Demografía

Censo total (habitantes) 9.672 (2014) Menos de 16 anos 1.284 (13,27 %) Entre 16 e 64 anos 6.261 (64,73 %) Máis de 64 anos 2.127 (21,99 %)

Historia Algúns autores e historiadores afirman que os primeiros poboadores deste municipio foron os Praestamarcos, que vivían nos castros, moitos deles hoxe desaparecidos e outros aos que é imposible o acceso ben por estar en propiedades privadas, ou ben por estar aínda sen escavar. O nome Posmarcos, hoxe presente nunha das parroquias da Pobra, deriva do río Tambre, ou, mellor dito, da súa forma latinizada Tamǎra, cun prefixo praes- 'diante', e un sufixo -ko con valor xentilicio; significaba, logo, 'os de diante do Tambre'. Durante a romanización de Galicia acondicionáronse os camiños tradicionais de paso. A calzada romana Per Loca Marítima que unía esta zona coas localidades de Boiro e Porto do Son puido pasar pola ponte romana da Miserela.

Os séculos posteriores non tiveron un gran movemento de poboación. A poboación empezou a se asentar no interior, para evita-las incursións viquingas que se deron adoito durante Idade Media (s. V - s. XV).

Dende sempre a vida da vila estivo ligada ao mar. A Prova do Dayán ou do Deán, así chamada na Idade Media, pertencía ao señorío eclesiástico, como indica o seu nome: o deán do arcebispado de Santiago exercía a xurisdición civil e criminal. O primeiro deán da Pobra foi Guillén Beltrán. Este personaxe gobernaba dende un castelo, incendiado e destruído pola revolta dos Irmandiños en 1467, do que hoxe non queda nada, agás o nome da parroquia (O Castelo ou O Santiago do Deán), tamén coñecida como A Pobra do Deán.

Non lonxe existía outro núcleo de poboación sobre o que exercía dominio a familia Xunqueiras, familia así mesmo procedente doutra nobiliaria galega destacada: os Soutomaior. O primeiro intento de fusión de ámbolos dous núcleos (O Castelo e a vila do Caramiñal) foi en 1822, pero non foi definitiva ata 1841. O nome resultante foi a combinación dos dous nomes, actual Pobra do Caramiñal.

A diferenza entre O Castelo, onde residía a nobreza, e a vila do Caramiñal, onde residían os pescadores e agricultores, quedou reflectida no actual escudo da Pobra, dividido pola metade: a parte esquerda mostra unha embarcación navegando baixo dúas conchas de vieira (mostra da dependencia de Compostela), que representa a parte da Pobra do Deán; na parte dereita móstrase un camiño que leva cara a dúas casas, das que xorde unha planta, a camariña, referencia da Pobra.

Durante o século XIX os industriais cataláns fomentaron a industria conserveira na zona, ademais da creación de navíos e de emprego na zona.

Toponimia O nome Pobra vén dun derivado regresivo do verbo pobrar (lat. ), moderno poboar. Na Idade Media existían as variantes Pobla (a máis antiga), Pobra, Povra e Prova, e posteriormente sufriu un proceso de castelanización, ata que a finais do século XX, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia regularizou os nomes dos tres concellos galegos que portan este elemento como Pobra.Boullón Agrelo, Ana Isabel (1991): “Ó redor do topónimo Pobra: estado da cuestión e novos datos”, Cadernos de Lingua 3, pp. 15-24.

En canto á segunda parte do nome, crese que o nome Caramiñal provén da planta da camariña Denominada localmente caramiña. (Corema album), moi abundante antigamente en toda a zona e hoxe moi difícil de localizar; tamén dá nome a outra localidade galega, Camariñas.

Patrimonio Patrimonio arquitectónico Arquitectura relixiosa Sen saír da vila hai que destaca-la igrexa de Santiago do Deán, a de maior interese arqueolóxico e arquitectónico. Nela fúndense os estilos románico, gótico, barroco e neoclásico. Enriba da porta principal aparece un Santiago Peregrino e no tellado da súa fachada sitúanse unhas curiosas figuras de dous músicos (un home e unha muller). En liñas xerais podemos adscribir a totalidade do templo ao chamado Gótico Mariñeiro a ton coa Igrexa de San Martiño de Noia, a Igrexa de Santa Mariña Dozo en Cambados e mesmo a Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra. Ao longo da historia de dita igrexa fóronse abrindo diferentes capelas nos seus muros, destacando a Capela da Transfiguración, a Capela do Carme, a capela da Soidade (que contén unha interesante talla en madeira da Virxe da Soidade), a capela de Xesús Nazareno (de grande arraigo na vila e máis aló das súas fronteiras), a capela da Concepción e a capela da Alba, de grande interese arquitectónico, artístico, estilístico e estético.

A igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal foi fundada no século XVI por Gómez Pérez das Mariñas e reformada nos séculos seguintes. Ten como partes máis antigas a bóveda e maila nave. No século XX engadíuselle unha nave lateral. Sobre o rosetón da súa fachada, un vello escudo de armas representa as máis nobres familias da comarca. Posúe un interesante retablo barroco coroado pola imaxe de San Miguel Arcanxo matando ao demo.

A igrexa de Santa María do Xobre, situada a carón do IES Francisco Barreras Puente, é un monumento do século XVIII, agás a alta espadana, do XIX. Este último lugar de oración pertenceu anteriormente ao mosteiro de Misarela, do cal, do templo medieval nada perdura.

A igrexa de San Isidro de Posmarcos foi levantada no século XVII partindo dun primitivo templo románico do que pouco se conserva. Nela é curiosa a situación da espadana e da escaleira de acceso á mesma.

Cómpre destacar, asemade, os numerosos cruceiros e petos de ánimas distribuídos polo concello.

Suponse que os cruceiros teñen a súa orixe nunha orde relixiosa ditada polo Papa Sisto V en 1587 para defende-las costas dos piratas e corsarios. Na Pobra do Caramiñal hai 27, e poden ser de dous tipos: cruceiros de vara ou de fuste que posúen chanzos, estrado, pedestal, fuste e capitel, e os cruceiros "de capela" ou "de Loreto" que son típicos da zona do Barbanza, entre os que resaltan: Cruceiro de Moldes, no monte da Curota, mesmo á beira da estrada que une A Pobra e Ribeira. É un dos máis importantes da vila e dos que mellor se conservan. De tipo cruceiro-capela conserva unha imaxe da Virxe que aínda hoxe goza de gran fervor popular. Arredor deste cruceiro aínda hoxe se celebra a romaría da Virxe de Moldes, antigamente os quintos que ían ser chamados para a mariña, reuníanse nesta romaría que era unha especie de despedida. Cruceiro de Xunqueiras, (1679) tamén de capela, consérvase a poucos metros da Torre do mesmo nome. Cruceiro de Santa Cruz de Lesón (1595), en Lesón. Cruceiro do Cristo do Pichón (1750), na praza do mesmo nome. Cruceiro de San Lázaro (fins do século XVI), de grande antigüidade e gran valor artístico, visible no xardín da familia Castro Dios, á entrada da Pobra dende Boiro. Cruceiro da Mercé (fins do século XVI), foi propiedade do pazo-priorado da Mercé e atópase nun fermoso miradoiro natural. Cruceiro do adro do Deán (1750). Cruceiro da Ponte do Maño (1620) construído polos Franciscanos eremitas do Convento de Santo Antonio, aínda hoxe conserva un peto de ánimas do purgatorio, feito para recadar esmolas e contribuír a que as ánimas do purgatorio acaden a felicidade no ceo.

Pazos Dentro do núcleo urbano da Pobra do Caramiñal atópase a Casa Grande de Aguiar, hoxe residencia privada pechada ao público. A súa orixe está nunha edificación do século XVI que levantou a familia Romay, próxima á torre de Xunqueiras, pero a construción actual é do século XVIII e o nome de Aguiar vénlle por enlaces matrimoniais con esta liñaxe. Tamén se relacionaron os posuidores do conxunto co ilustre sociólogo do século XIX Joaquín Díaz de Rábago. Na fachada destaca un frontón no que se inclúe un dobre escudo nobiliario no que se repiten as aguias do apelido Aguiar.

A carón desta Casa de Aguiar áchase o pazo de Couto, construído en 1717, segundo figura no portalón de entrada ao xardín que o rodea. Pertenceu dende a súa fundación ata a actualidade á familia Valderrama. Posúe unha fermosa fachada barroca cun alargado soportal e galería con balaustrada. Nun dos muros laterais resalta unha orixinal pedra de armas sostida por unha serea asociada á familia dos Mariño.

Tamén dentro do núcleo urbano, próxima á praia do Areal, consérvase o Pazo ou Torre de Bermúdez, unha orixinal casa nobre renacentista e plateresca do século XVI, deseñada por Rodrigo Gil de Ontañón e declarada Monumento Histórico-Artístico en 1976. En maio de 1987 rematou a súa restauración e inaugurouse como Casa Museo Valle-Inclán, a cuxos antepasados pertenceu. Contén tamén a Casa de Cultura, con sala de exposicións, auditorio e biblioteca.

Sen se afastar moito da poboación, sobre un outeiro, álzanse as soberbias Torres de Xunqueiras, no Xobre, que conservan o nome dos seus primeiros señores. Fernán Martín de Xunqueiras fora no século XIII o fundador desta liñaxe, que exerceu durante séculos o señorío sobre a vila do Caramiñal. Un descendente dos Xunqueiras casou coa filla do famoso político Paio Gómez de Soutomaior, embaixador de Henrique III ante o Gran Tamerlán de Hungría. O pazo pasou, para rematar, aos condes de Camarasa, quen o posuíron ata o seu alleamento a finais do século XIX. Accédese a el por unha longa avenida de plátanos orientais. O edificio foi levantado no século XV sobre a primitiva torre medieval e sufriu algunhas reformas en séculos posteriores. Na actualidade conserva un robusto corpo cunha sólida torre cara ao sur e, no lado oposto, un balcón esquinal, así como varias pedras de armas. En 1981 a Torre de Xunqueiras foi declarada Monumento Histórico-Artístico.

miniatura|200px|dereita|Estatua de Valle-Inclán, obra de Gonzalo Sánchez Mendizábal.

Na enseada da Mercede (Posmarcos) quedan as ruínas do pazo do mesmo nome, no que o escritor Valle-Inclán pasou algunhas tempadas. Nos seus arredores desenvólvese a imaxinaria acción dalgunhas das súas narracións de Comedías bárbaras e Romance de lobos. Na capela, de estilo plateresco do século XVI, había unha imaxe da Virxe golpeando ao demo. A mediados dos anos oitenta sufriu un incendio e a imaxe desapareceu. No escudo do edificio aparecen, acuartelados pola cruz de Ribadeneira, varios emblemas das familias nobres da zona.

Finalmente, tamén está a Casa da Cadea, na rúa da Ponte, que antigamente foi un cárcere xurisdicional do vizconde de Xunqueiras; e a Casa gótica do Patín, na rúa da Feira, cunha arquitectura tradicional con corredor cuberto compartido por dúas vivendas veciñas.

Patrimonio natural A Curota