Ana Isabel Bernal Triviño, nada en Málaga o 14 de setembro de 1980, coñecida como Ana Bernal Triviño, é unha xornalista e investigadora española. É doutora en Xornalismo e profesora da Universidade Aberta de Cataluña (UOC). As súas áreas de investigación inclúen as contornas dixitais e as tecnoloxías, as redes sociais, a información xornalística dirixida a mozas, a transversalidade da perspectiva de xénero, os dereitos das mulleres e a violencia de xénero. É coñecida pola súa implicación en casos de violencia de xénero en defensa dos dereitos das mulleres e pola súa intervención en casos dos medios como os de Juana Rivas e Rocío Carrasco. Foi recoñecida coa Mención Especial de Medios de Comunicación do Instituto de Dereitos Humanos de Cataluña (IDHC), o Premio La Buena Prensa e o Premio Emilio Castelar á defensa das liberdades e o progreso, entre outros.

Traxectoria Licenciouse en Xornalismo na Universidade de Málaga (UMA) en 2002, onde obtivo tamén o seu doutoramento en 2009, cualificado con cum laude, sobre o deseño da información xornalística na poboación moza. O ano seguinte, en 2010, cursou un mestrado en Historia da Arte pola mesma universidade, onde desenvolveu unha investigación sobre o tratamento da imaxe de Pablo Picasso na prensa franquista. Seguiu vencellada ao eido académico como investigadora en diversos grupos de investigación, onde se centrou no uso das redes sociais en Internet e do xornalismo desenvolvido mediante os teléfonos móbiles como ferramenta para a defensa dos dereitos humanos.

Ao rematar a carreira, empezou a traballar no medio Sur Digital do grupo Vocento, equipo xunto ao que conseguiu o Premio Andalucía de Xornalismo, cunha web adicada a Pablo Picasso. Logo pasou a Canal Málaga, tamén do grupo Vocento, até o peche da empresa en 2008. Sobre a súa etapa como estudante escribiu no xornal dixital Público un artigo con perspectiva de xénero titulado 'Ser mujer universitaria' . Durante a súa etapa en Andaluces Diario e eldiario.es escribiu varias cartas dirixidas ao poeta Federico García Lorca.

Publicou os seus traballos, moitos deles centrados na defensa dos dereitos das mulleres, en medios internacionais como USA Today ou The Washington Post e en nacionais como Público ou El Periódico de Catalunya. Dende setembro de 2018, colabora como tertualiana en La mañana de La 1 en Radio Televisión Española (RTVE).

Recoñecementos En novembro de 2017, Bernal expuxo no Congreso dos Deputados un informe sobre o tratamento dos medios de comunicación no "caso de Juana Rivas" (unha muller que perdeu a custodia dos seus fillos malia ter solicitado medidas cautelares por uns presuntos malos tratos da súa exparella). Esta intervención, xunto coa súa traxectoria a prol dos dereitos humanos e en defensa dos dereitos da muller, foi recoñecida en abril de 2018 polo Instituto de Dereitos Humanos de Cataluña (IDHC) coa Mención Especial de Medios de Comunicación, como: "unha das voces máis salientables no eido dos medios de comunicación actual da loita feminista e da denuncia das graves desigualdades de xénero".

En 2018, Bernal recibiu o Premio "La Buena Prensa" pola súa entrevista á xornalista Rosa María Calaf en Público, e, no mesmo ano, a Asociación de Mulleres Xornalistas de Cataluña concedeulle o Premio de Boas Prácticas de Comunicación non sexista 2018, xunto a outras xornalistas como Ana Pastor, Rosa María Calaf ou Rosa María Mateo, entre outras.

En xullo de 2020, a Asociación Progresistas de España concedeulle o Premio Emilio Castelar á defensa das liberdades e o progreso na súa décima edición. En novembro do mesmo ano, foi premiada polo Ministerio de Igualdade co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, xunto á tamén xornalista Cristina Fallarás polo seu traballo a prol da erradicación da violencia contra as mulleres, co seu traballo en comunicación.

Obras 2009 – Los nuevos medios de comunicación y los jóvenes. Euroeditions. ISBN 978-84-936915-3-0. 2009 – Preferencias del diseño de la información periodística en Internet por parte de los jóvenes. Universidade de Málaga. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. ISBN 978-84-9747-550-1. 2015 – Herramientas Digitales para periodistas. Editorial UOC, Barcelona. ISBN 9788490644935. 2015 – Tutankamón, el faraón niño. Ediciones El Rompecabezas. ISBN 978-84-15016-46-5. 2016 – Miguel Ángel, el artista divino. Ediciones El Rompecabezas. ISBN 978-84-15016-51-9. 2017 – Todo va directo al corazón. ISBN 9788461779932. 2018 – Hacia una comunicación feminista. Cómo informar e informarse sobre violencia machista. Editorial UOC, Barcelona. ISBN 9788491804871. 2019 – No manipuléis el feminismo. Una defensa contra los bulos machistas. Editorial Planeta. ISBN 978-8467057034.

Notas

Categoría:Nados en Málaga Categoría:Nados en 1980 Categoría:Feministas de Andalucía Categoría:Xornalistas de España Categoría:Alumnos da Universidade de Málaga Categoría:Profesores da Universidade Aberta de Cataluña