Turn Blue é o oitavo álbum de estudio da banda estadounidense de rock The Black Keys, publicado o 12 de maio de 2014 a través do selo Nonesuch Records. O disco foi co-producido por Danger Mouse e o grupo, sendo a súa cuarta colaboración co produtor. Para Turn Blue, Danger Mouse retomou o seu papel no seu disco anterior, El Camino, como compañeiro de composición de cancións xunto ao guitarrista Dan Auerbach e ao batería Patrick Carney.
The Black Keys gravaron a meirande parte de Turn Blue no estudio Sunset Sound de Hollywood entre xullo e agosto de 2013, con gravacións adicionais no Key Club de Benton Harbor, Míchigan, e no Sound Studio de Auerbach en Nashville, Tennessee, a principios de 2014. As sesións coincidiron co divorcio de Auerbach, o que inspirou gran parte das letras do disco. O material resultante era máis melancólico e lento que as canción animadas e pegadizas de El Camino. O álbum mostra influencias do rock psicodélico e do soul, á vez que inclúe o son habitual de blues e garage rock da banda. Ademais de representar o ton melancólico do disco, o título foi seleccionado como unha homenaxe á frase "turn blue" utilizado polo presentador de terror dos anos 60 Ghoulardi.
A banda anunciou o álbum e marzo de a través dun chío do boxeador xubilado Mike Tyson e dunha serie de crípticos vídeos de YouTube cun hipnotizador. A canción "Fever" foi lanzada como sinxelo principal en marzo, e entrou nas listas en varios países. Lanzáronse catro sinxelos adicionais, incluído "Gotta Get Away", que foi un éxito nas radios de rock en América do Norte. Turn Blue recibiu recensións favorables dos críticos, moitos dos cales comentaron a crecente influencia de Danger Mouse na banda. O álbum estreouse no número un nos Estados Unidos, Australia e o Canadá, converténdose no primeiro disco do grupo en encabezar as listas neses países. En maio de 2014, emprenderon unha xira mundial de promoción. Na 57ª edición dos premios Grammy, Turn Blue foi nomeado ao mellor álbum de rock, mentres que "Fever" recibiu nomeamentos á mellor interpretación de rock e á mellor canción de rock.
Listaxe de cancións
Notas
Categoría:Álbums de The Black Keys Categoría:Álbums musicais de 2014 Categoría:Álbums producidos por Danger Mouse Categoría:Álbums de Nonesuch Records