O voo 2216 de Jeju Air era un voo regular internacional de pasaxeiros operado por Jeju Air dende o aeroporto Suvarnabhumi en Bangkok, Tailandia, ata o aeroporto de Muan no condado de Muan, Corea do Sur. Durante a aproximación a Muan o 29 de decembro de 2024, o Boeing 737-800 que operaba o voo aparentemente chocou contra paxaros, emitiu un sinal de mayday, realizou unha manobra de motor e ao aire, e no seu segundo intento de tomar terra non puido despregar o tren de aterraxe, tocou terra coa barriga moi lonxe da área normal de aterraxe. O avión saíuse ao final da pista e chocou contra unha berma que envolvía unha estrutura de cemento que soportaba un conxunto de antenas para o sistema de aterraxe instrumental. A colisión matou aos 175 pasaxeiros e a 4 dos 6 tripulantes a bordo do aparello. Os dous tripulantes de cabina superviventes estaban sentados na parte traseira do avión, que se desprendeu da fuselaxe, e forn rescatados con feridas.

Trátase do accidente con máis vítimas mortais dunha aeroliña surcoreana dende o choque do voo 801 de Korean Air en 1997 en Guam (con 229 mortes), e converteuse no accidente de aviación con máis mortos de territorio de Corea do Sur, superando ao voo 129 de Air China de 2002 que matou a 129 persoas. É o primeiro accidente mortal da aeroliña Jeju Air, que tiña 19 anos no momento do sinistro.

O accidente converteuse no accidente máis mortífero cun Boeing 737 Next Generation involucrado, e no accidente de aviación con máis mortes dende o accidente do voo 610 de Lion Air en 2018 (que tivo 189 vítimas mortais).

Avión

O aparello implicado era un Boeing 737-8AS con rexistro HL8088, e estaba equipado con dous motores CFM International CFM56-7B. O avión voou por vez primeiro o 19 de agosto de 2009 e foi entregado a Ryanair co rexistro EI-EFR. Ryanair alugou o avión ata 2017, tras o cal foi transferido a Jeju Air polo arrendador, SMBC Aviation Capital. No último ano, voara 1 389 veces a nivel internacional a máis de 12 países e 747 veces a nivel nacional. Menos dun mes antes do sinistro, Jeju Air reiniciara os servizos regulares internacionais no aeroporto de Muan, tras unha suspensión causada pola pandemia de COVID-19, e o avión accidentado estaba facendo catro voos semanais entre Muan e Bangkok, un servizo que Jeju Air comezara o 8 de decembro.

Nas 48 horas previas ao accidente, o avión realizara 13 voos que incluían paradas en Muan, a illa de Jeju e Incheon , así como Beijing, Bangkok, Kota Kinabalu, Nagasaki e Taipei. Tamén foi utilizado por unha axencia de viaxes con sede en Gwangju para facer viaxes chárter a Bangkok durante a tempada de Nadal. Antes da súa derradeira viaxe, rexistrouse que o mantemento obrigatorio da aeronave antes do voo fixérase en 28 minutos, o tempo mínimo permitido pola regulación do goberno surcoreano. Non se atoparon problemas na comprobación previa de seguridade da aeronave antes do seu voo final, segundo Jeju Air.

Notas

Jeju Air Categoría:Accidentes e incidentes de Boeing 737 Categoría:Accidentes aéreos en Corea do Sur Categoría:Accidentes e incidentes de Jeju Air