Branca Eva de Gonta Syder Ribeiro Colaço, máis coñecida como Branca de Gonta Colaço, nada en Lisboa o 8 de xullo de 1880 e finada na mesma cidade o 22 de marzo de 1945, foi unha escritora, poeta, dramaturga, erudita e políglota portuguesa.

Traxectoria Primeiros anos Branca de Gonta Colaço naceu en Lisboa o 8 de xullo de 1880, filla do político e poeta Tomás Ribeiro e da poeta inglesa Ann Charlotte Syder. O apelido Gonta, malia estar presente en moitos dos seus rexistros, era realmente un alcume derivado de Parada de Gonta, en Tondela, a aldea natal do seu pai. Nacida nunha das familias máis influentes nos círculos intelectuais da sociedade portuguesa da época, durante a súa mocidade conviviu con personaxes importantes como Maria Amália Vaz de Carvalho, António Cândido Gonçalves Crespo, Camilo Castelo Branco (amigo íntimo do seu pai), Maria Archer, Aura Abranches ou a familia Bordalo Pinheiro.

Casamento Con só 18 anos, en 1898, casou co pintor e azulexista Jorge Rey Colaço, fillo do diplomático José Daniel Colaço e parente do pianista e compositor Alexandre Rey Colaço. Dende entón, adoptou o nome de Branca de Gonta Colaço. Do seu matrimonio naceron catro fillos: o avogado e dramaturgo Tomás Ribeiro Colaço (1899-1965), a escultora Ana Raymunda de Gonta Colaço (1903-1954) e a escritora Maria Christina Raymunda de Gonta Colaço de Aguiar (1905-1996). A súa primeira filla faleceu pouco despois de nacer, en 1902.

Carreira literaria Dende moi nova, revelou o seu talento para as letras, iniciándose como poeta. Durante toda a súa vida, colaborou intensamente con multitude de publicacións periódicas, sobre todo lisboetas, contribuíndo así ao enriquecemento cultural e literario do xornalismo e a literatura da capital portuguesa. Neste ámbito, os seus poemas apareceron en especial nos xornais O Dia, de José Augusto Moreira de Almeida; O Talassa (1913-1915), unha publicación humorística dirixida polo seu home; O Ocidente (1878-1909); e a revista Alma Feminina (1917-1919), editada pola feminista Maria Clara Correia Alves. Para alén disto, tamén colaborou con outras revistas como ABC: revista portuguesa (1920-1932) ou Brasil-Portugal (1899-1914), entre moitas outras.

Falante de varios idiomas, tamén escribiu poemas en inglés e traducións de obras nesta lingua para o portugués.

Na década de 1910, comezou a exercer tamén como conferenciante e declamadora en recitais de poesía, tras a súa afiliación ao Instituto Vasco da Gama, creado polo seu pai. En 1918, por iniciativa súa, a Academia das Ciências de Lisboa realizou unha homenaxe á escritora e poeta Maria Amália Vaz de Carvalho, na que Gonta Colaço interveu como oradora.

Canto ás obras publicadas, abrangueu xéneros tan diversos como o drama, o teatro ou as crónicas, para alén da poesía, ofrecendo un valioso retrato das elites sociais e intelectuais portuguesas do seu tempo, das que formaba parte.

Feminismo De ideas monárquicas, Gonta Colaço nunca se converteu ao republicanismo. Con todo, defendeu que as mulleres deberían ter un papel máis activo na sociedade portuguesa, con libre acceso á educación. Por iso, dende 1914, ano da súa fundación, formou parte do Conselho Nacional das Mulheres Portuguesas, unha organización feminista que divulgaba e promovía a igualdade de xénero. Dentro desta institución, traballou xunto coa activista republicana Adelaide Cabete. Gonta Colaço destacou pola súa procura do recoñecemento e valoración profesional das mulleres en Portugal, presidindo durante varios anos as seccións de Paz (1928-1934) e Arte (1936-1937).

Pasamento Branca de Gonta Colaço faleceu en Lisboa o 22 de marzo de 1945, aos 64 anos.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Finados en 1945 Categoría:Nados en 1880 Categoría:Feministas de Portugal Categoría:Dramaturgos de Portugal Categoría:Poetas de Portugal Categoría:Nados en Lisboa Categoría:Escritores en lingua portuguesa