A literatura catalá é a literatura escrita en lingua catalá, con independencia do lugar ou da orixe da persoa creadora. Divídese en tres grandes períodos históricos: o esplendor medieval (en especial, o Século de ouro valenciano), a Decadència (cando, por motivos políticos e polo auxe do Século de Ouro Español, o castelán fixo minguar o uso do catalán como lingua de cultura) e a literatura contemporánea (coa existencia conxunta de catalán e castelán en Cataluña, Valencia e as illas Baleares). Pola súa banda, a literatura andorrana tamén fai parte da literatura catalá.

Orixes históricas Paso do latín vulgar ás linguas romances A lingua catalá orixínase a partir do latín vulgar introducida polos romanos no nordeste da península ibérica e ao sur da Galia narbonense durante o século II a. C.. A evolución desta lingua cara ás primeiras formas do catalán foi gradual. A división entre ambos idiomas produciuse, probablemente, a partir do século VIII co chamado renacemento carolinxio, que restableceu o emprego do latín culto na administración. Xa que logo, dende esta época xa hai indicios do uso oral do catalán e da consciencia de que o que se fala é diferente do latín.

Durante o século IX principiou a introdución das linguas romances nos textos escritos, namentres o latín seguía a ser a lingua culta de Europa e da Igrexa. Este proceso culminou, para a lingua catalá, a mediados do século XIII, cando aparece a súa primeira literatura escrita. En concreto, entre os séculos XI e XII apareceron dúas obras escritas no vernáculo: o Llibre jutge ou Liber iudicum (s. XII), tradución dunha escolma de leis visigodas en latín, e mais as Homilies d'Organyà, de comezos do século XIII, que conteñen prédicas. Estes textos representan a estrutura feudal e a Igrexa, respectivamente, os dous piares fundamentais da orde social da época.

A primeira poesía en lingua vulgar compúxose en occitano. Porén, a lingua dos trobadores non se pode identificar con ningún dialecto en concreto, senón que se trata dunha koiné que incorpora elementos de diversas falas. Esta lingua supradialectal entendíase nas cortes de toda Occitania e, dende alí, chegou ao norte de Italia, a Cataluña, Aragón, Navarra, Castela, Portugal, Sicilia e, incluso, Bizancio. Esta koiné continuou usándose até o século XV, coa obra en valenciano de Ausiàs March (1397-1459).

Primeiros textos en catalán

alt=Páxina das Homilies d'Organyà|esquerda|miniatura|Páxina das Homilies d'Organyà As palabras e construcións catalás en documentos cotiáns como testamentos, actas ou vendas obsérvanse dende o século IX. Este feito indica que a lingua oral das persoas que redactaban os escritos era ben diferente daquela nas que estes se escribían. Estas palabras en catalán (máis ou menos latinizado) eran topónimos, antropónimos, unidades de medida ou nomes de obxectos domésticos e ferramentas agrícolas; é dicir, elementos e conceptos para os que non se coñecía unha equivalencia latina. Xa que logo, a lingua de transmisión oral do momento era o romance catalán.

Deste xeito, nesta época van aparecendo de maneira progresiva grafías que reflicten a evolución do catalán respecto do latín (por exemplo, comannar e comanar no canto de commandare, coa redución do grupo consonántico latino nd), topónimos derivados do latín (Ferrera, procedente de ferraria; ou Rialbo, de rivo albo), nomes comúns en catalán (achaptaràs, consel, engan...). Máis adiante, atópanse fragmentos cada vez máis extensos en catalán, como esta frase dun texto de Organyà, datado de 1034: "moreres iii et oliver i et noguer i et amendolers iiii et pruners et figuers" ("tres moreiras e unha oliveira e unha nogueira e catro amendoeiras e ameixeiras e figueiras").

Os primeiros documentos feudais escritos en catalán proceden do século XI. Entre os máis antigos conservados totalmente en catalán destacan o Jurament de Radulf Oriol (1028-1047), os Greuges de Guitard Isarn, senyor de Caboet (1080-1095) e o Jurament de pau i treva del comte Pere Ramon de Pallars Jussà al bisbe d'Urgell (1098). Do século XII son os Greuges dels homes de Sant Pere de Graudescales e os Greuges dels Homes d'Hostafrancs de Sió que, do mesmo xeito que os Greuges de Guitard Isarn, proceden da diocese de Urgell.

A mediados do século XII atópanse os primeiros documentos redactados integramente en catalán, como o Libre Jutge. O manuscrito, conservado na biblioteca de Montserrat, data de entre o 1180 e o 1190, e trátase dunha copia da versión catalá dun libro da primeira metade do século XII (c. 1140). O texto, para alén do seu interese xurídico, destaca por ser o testemuño máis antigo da prosa catalá.

Por outra banda, os primeiros textos literarios son as Homilies d'Organyà, de finais do século XIII. É unha colección de sermóns conservados nesta poboación do Alt Urgell, que consisten en comentarios en catalán a varias pasaxes dos Evanxeos escritos en latín.

Literatura medieval alt=Portada de Tirant lo Blanc|miniatura|Portada de Tirant lo Blanc Como se indicou máis arriba, entre os séculos XI e XII empezaron a aparecer os primeiros textos en catalán, sobre todo de carácter xurídico e relixioso. Non será até o século XIII que algúns autores principiaron o uso literario da lingua. Así, aos poucos, as linguas vernáculas empregáronse para fins até entón reservados ao latín. A primeira forma de literatura romance será a poesía trobadoresca, recitada en occitano; entre os trobadores cataláns máis senlleiros destacan Guillem de Berguedà (c. 1138-c. 1198), Cerverí de Girona (1259-1285) e Guillem de Cabestany (c. 1162-c. 1212). Nos séculos XIII e XIV atopamos a figura de Ramon Llull (1235-1315), que escribiu a súa obra relixiosa, filosófica e moral en catalán; neste sentido, está considerado o creador do catalán literario, así como o primeiro autor de obras científicas en vernáculo. Nesta época sobresaen tamén as Cròniques de Jaume I (1208-1276), Bernat Desclot (1240?-1288), Ramon Muntaner (1265-1336) e Pere III (1319-1387), destinadas a narrar feitos reais, máis con certos elementos propios da literatura. Entre os séculos XIV e XV, cabe notar a prosa humanista de Bernat Merge (c. 1340-1413), creador de Lo somni (1399). Finalmente, no século XV, por motivos económico-políticos, o centro cultural e o núcleo de produción literaria en catalán trasládase a Valencia, dando orixe ao chamado Segle d'Or valenciano. Entre os libros máis notables deste período están as novelas de cabalerías Tirant lo Blanc e Curial e Güelfa, así como a poesía de Ausiàs March.

A poesía trobadoresca

alt=Miniatura que representa a Guillem de Berguedà con dúas damas|esquerda|miniatura|Miniatura que representa ao trobador Guillem de Berguedà con dúas damas A poesía trobadoresca é a primeira forma de lírica, un dos principais xéneros medievais, en lingua vernácula. Xa que logo, os trobadores foron os primeiros en abandonar o latín culto para as súas producións poéticas, asumindo a lingua occitana durante os séculos XII e XIII. En total, consérvanse arredor de 2500 pezas de poetas nacidos na Occitania, mais tamén do norte de Italia e de Cataluña. Estes últimos empregaron tamén o occitano, tamén denominado provençal, unha sorte de koiné supradialectal uniforme para todos os lugares.

Esta poesía xurdiu nun momento de gran permeabilidade cultural entre os territorios cataláns e occitanos, polo que algúns estudosos falan dun "espazo cultural occitano-catalán". Secasí, este intercambio non era unidireccional, senón que nesta rexión convivían e interactuaban numerosos centros culturais (as cortes).

Malia chegarnos de maneira escrita, trátase dunha literatura concibida para ser recitada con acompañamento musical. O mesmo trobador compoñía tanto a letra como a música para as súas poesías, que despois eran divulgadas polos xograres. Na actualidade, apenas se conserva a notación duns poucos poemas. A pesar destas características, a poesía trobadoresca distínguese da popular polo feito de teren unha autoría recoñecida. Os centros de produción e distribución desta literatura non foron os mosteiros, senón as cortes dos señores feudais. Unha proba da perfección formal destas pezas atópase na aparición de tratados poéticos en occitano, entre os que sobresae o Rasós de trobar (s. XIII) de Ramón Vidal de Besalú (1196?-1252?). Trátase da primeira gramática do occitano que se coñece, e ten como obxectivo ensinar a lingua aos trobadores para que poidan escribir poesía con corrección. Esta obra compúxose nunha época na que cada vez abundaban máis os catalanismos, como se pode apreciar na lírica de Cerverí de Girona (1259-1285).

Sábese da vida duns 225 trobadores grazas ás vidas e razós, pequenos textos anónimos que orixinalmente se acompañaban de composicións poéticas con introdución e comentarios. Tamén narraban a biografía dos autores, aínda que a fronteira entre o histórico e o imaxinario era por veces difusa. Unha das máis coñecidas e que destaca polo seu carácter lendario é a de Guillem de Berguedà (c. 1138-c. 1198), chamada tamén a "lenda do corazón devorado". Algunhas destas biografías foron incorporadas en textos posteriores, como a de Guillem de Cabestany (c. 1162-c. 1212), recollida nun dos contos do Decamerón (1350) de Giovanni Boccaccio (1313-1375).

Os xéneros da poesía trobadoresca O xénero máis prolífico da literatura trobadoresca foi a cançó, que versaba principalmente sobre o amor. Trátase, porén, dun amor cuns elementos formais e uns motivos que se repiten, conformando o que se coñece como amor cortés ou fin'amors, en occitano. Esta idea de cortesía consistía na veneración dunha dama perfecta á que, de xeito voluntario, o trobador servía con devoción. Este código de galantería pódese interpretar como unha metáfora do vasalaxe ao señor feudal. Por outra banda, o amor cortés é eminentemente adúltero, xa que o trobador lle declara o seu amor a unha dama (midons) casada, nun contexto no que o matrimonio é concibido como unha ferramenta política para a acumulación de poder e patrimonio. Por este motivo, o poeta debe celar; é dicir, esconder ou ocultar este amor e mantelo en segredo, sobre todo para o marido (gilós) e os seus amigos ou aduladores (lausengiers). No seguinte fragmento de Lo dous cossire ("A doce inquedanza") pódese ver a Guillem de Cabestany dirixíndose á súa dama para amosarlle a dor que lle causa o seu amor por ela e a necesidade de escondelo:

Para alén do tema amoroso, os trobadores trataron tamén asuntos relevantes da vida na corte. Entre estes outros xéneros está o sirventés, unha poesía moralizante, de sátira persoal, propaganda política, represión ou crítica aos costumes etc. Un exemplo do sirventés é a Cansoneta leu e plana ("Cancionciña leve e plana") de Guillem de Berguedà, coa que o trobador ataca a figura do marqués de Mataplana (1174?-1213):

Así mesmo, pódense distinguir outros xéneros como o pranto, un lamento fúnebre para unha persoa querida; a alba, descrición da carraxe dos namorados que deben separarse ao abrente tras unha noite xuntos; a pastorela, diálogos amorosos entre un cabaleiro e unha pastora no medio do campo. Finalmente, existen outros xéneros referidos ao diálogo e debate entre trobadores, como a tenzón, o partimen ou joc partit e mais o tornejamen.

A narrativa histórica: as crónicas

alt=Detalle do Llibre dels fets cunha ilustración do banquete no que se decidiu a conquista de Mallorca|miniatura|Detalle do Llibre dels fets cunha ilustración do banquete no que se decidiu a conquista de Mallorca