Rosely Roth, nada en São Paulo o 21 de agosto de 1959 e finada na mesma cidade o 27 de agosto de 1990, foi unha activista brasileira, considerada unha das pioneiras do movemento LGBT no Brasil.
Traxectoria Rosely Roth naceu nunha familia xudía. Estudou en escolas xudías e non xudías. En 1981, licenciouse en Filosofía pola Pontifícia Universidade Católica de São Paulo; en 1986, rematou tamén os seus estudos de Antropoloxía na mesma institución. Nesta época, afondou na súa comprensión das cuestións e vivencias lesbianas e da sexualidade.
A comezos de 1981, principiou a súa participación directa no movemento de mulleres, a través de asociacións como o Grupo Lésbico Feminista (1979-1990) ou SOS Mulher (1980-1993). Nese mesmo ano, xunto con Míriam Martinho, fundou o Grupo Ação Lésbica-Feminista (GALF, 1981-1990). Roth participou tamén en actividades de reivindicación dos dereitos sexuais das mulleres sáficas e de toda a comunidade LGBT. Por exemplo, estivo na primeira manifestación de lesbianas do Brasil, en 1983.
Roth participou no Levante do Ferro's Bar, coñecido como o "Stonewall brasileiro". Durante a ditadura militar, o dono do local, punto de encontro de mulleres do colectivo LGBT, prohibiu a circulación da revista ChanacomChana no recinto. En resposta, un grupo de activistas liderado por Roth invadiu o local e procedeu á lectura dun manifesto. Este acto tivo repercusión xornalística no país.
A súa actuación humanista en eventos e manifestacións históricas, así como a súa visibilidades nos medios de comunicación brasileiros, deixaron a súa pegada na comunidade LGBT do país, chamando tamén a atención dos investigadores especializados neste período de desenvolvemento do colectivo no Brasil.
Cara ao final da súa vida, sufriu unha profunda crise psicolóxica derivada da súa esquizofrenia. Finalmente, suicidouse o 27 de agosto de 1990.
Legado Dende o 2003, celébrase en São Paulo o Día Nacional do Orgulho Lésbico o 19 de agosto, data do levante do Ferro's Bar.
Notas
Categoría:Suicidios LGTB Categoría:Suicidas do Brasil Categoría:Nados en São Paulo Categoría:Feministas do Brasil Categoría:Finados en 1990 Categoría:Nados en 1959