Cyanocitta cristata, ás veces chamado gaio azul, é unha ave paseriforme da familia dos córvidos, nativa do leste de América do Norte. Vive na maior parte do leste e centro dos Estados Unidos; algunhas poboacións do leste poden ser migratorias. Poboacións residentes poden encontrarse tamén en Terra Nova, Canadá; poboacións reprodutoras atópanse polo sur do Canadá. Reprodúcese en bosques caducifolios e de coníferas, e é común en áreas residenciais. A súa coloración é predominantemente azul, cun peito e partes inferiores brancos, e unha crista azul; ten un colar con forma de U negro rodeando o pescozo e un bordo negro detrás da crista. Os machos e femias son de tamaño e plumaxe similares, que non varía en todo o ano. Recoñécense catro subespecies desta ave.
Aliméntase principalmente de sementes e froitos secos, como as landras, que pode agochar para comelas máis tarde; froitos brandos; artrópodos; e de cando en vez pequenos vertebrados. Normalmente rebuscan o alimento polas árbores, arbustos e no chan, e ás veces capturan insectos polo aire. Poden ser moi agresivos con outras aves; ás veces asaltan niños e observáronse casos en que decapitaba outras aves.Little Known Fact: Blue Jays are Vicious Carnivores. pedaldrivenprogramming.com (15 de abril de 2008)
Constrúe un niño cupuliforme aberto nas pólas dunha árbore e na construción participan ambos os sexos. A posta pode ser de dous a sete ovos, que son azulados ou marróns claros con manchas marróns escuras. As crías son altriciais, e despois de eclosionaren son abrigados pola femia por 8–12 días. Poden permanecer cos seus pais durante un ou dous meses.
Nas súas áreas orixinarias norteamericanas recibe o nome de blue jay. En portugués denomínase gaio-azul, nome que tamén se propuxo para o galego nalgún traballo lexicográfico,A Chave Os nomes galegos das aves 5ª edición. Páxina 443. pero téñase en conta que este nome, gaio azul, se ten usado en galego para outra especie de córvido, o Garrulus glandarius,Enciclopedia Galega Universal. Editorial Ir Indo. Tomo 9. Páxina 347. ISBN 84-7680-297-8 (do tomo). hoxe chamado gaio eurasiático (en portugués gaio-comum) e tampouco se debe confundir co Coracias garrulus (rolieiro europeo), un corácido.
Taxonomía Esta ave describiuse primeiramente co nome Pica glandaria cærulea cristata na obra do naturalista inglés Mark Catesby de 1731 Natural History of Carolina, Florida, and the Bahamas. Foi descrito despois como Corvus cristatus na edición de Carl Linné de 1758 de Systema Naturae. No século XIX foi descrito polo ornitólogo francés Charles Lucien Bonaparte en 1838 como Cyanocorax cristatus no libro Unha lista xeográfica e comparativa das aves de Europa e América do Norte, e Hugh Edwin Strickland deulle o seu nome científico moderno de Cyanocitta cristata en 1845. O nome do xénero Cyanocitta deriva das palabras gregas kyaneos (azul) e kitta e kissa (paxaro charlatán, gaio). O termo específico cristata (cristado) deriva do latín e fai referencia á crista azul prominente que ten.
Descrición
miniatura|esquerda|upright|Debuxo de John James Audubon circa 1830s Mide de 22 a 30 cm desde o bico á cola e pesa de 70 a 100 g, cunha envergadura de 34 a 43 cm. Seguindo a regra de Bergmann, os exemplares de Connecticut pesan como media 92,4 g, mentres que os do cálido sur da Florida pesan 73,7 g. Ten unha crista de plumas prominente na cabeza, que o paxaro pode elevar ou baixar segundo o seu estado de ánimo. Cando está excitado ou agresivo, a crista lévaa totalmente ergueita. Cando ten medo, a crista levántase cara a fóra, como un cepillo. Cando se está alimentando entre outros gaios ou descansando, está aplanada sobre a cabeza.
A súa plumaxe é azul lavanda a azul turquesa na crista, costas, ás e cola, e a súa face é branca. As partes ventrais son brancas crúas e o pescozo ten un colar negro que se estende polos lados da cabeza. As plumas rémixes primarias e as da cola están fortemente barradas de negro, azul celeste e branco. O bico, patas e ollos son negros. Os machos e as femias son case idénticas, pero o macho é lixeiramente máis grande. A plumaxe negra da súa caluga, face e gorxa varía amplamente entre individuos; crese que serve de axuda para o recoñecemento entre individuos.
Como ocorre coa maioría das aves de tons azuis, a coloración desta especie non depende de pigmentos, senón que é o resultado da interferencia da luz debido á estrutura interna das plumas; se esmagamos unha destas plumas azuis, a cor azul desaparece porque a súa estrutura queda destruída. O verdadeiro pigmento das súas plumas é a melanina. Isto denomínase coloración estrutural.
Distribución e hábitat
Esta especie vive desde o sur do Canadá, e polo leste e centro dos Estados Unidos ata o sur da Florida e o noroeste de Texas. O bordo oeste do rango termina onde empeza o bosque de piñeiros árido e o hábitat arbustivo da especie emparentada Cyanocitta stelleri, xeralmente nas ladeiras leste das Montañas Rochosas. Recentemente, o distribución de C. cristata ampliouse ao noroeste polo que agora é un visitante invernal raro pero regular da costa do Pacífico do norte dos EUA e o sur do Canadá. Como a área de distribución destas dúas especies está agora solapado, C. cristata pode ás veces hibrídase con C. stelleri. O incremento de árbores nas Grandes praderías durante o último século debido á supresión dos lumes forestais e á plantación de árbores facilitou a expansión cara ao oeste de C. cristataTarvin KA, Woolfenden GE. (1999). "Blue Jay (Cyanocitta cristata)", no. 469. In: A. Poole (ed.). The Birds of North America Online. Cornell Lab of Ornithology, Ithaca, Nova York. así como a expansión doutras moitas especies de aves. De 1966 a 2015, C. cristata experimentou un declive poboacional na costa atlántica, pero tivo un incremento de poboación maior do 1,5 % anual pola parte norte da súa área de distribución, incluíndo o Labrador, Nova Scotia, sur de Quebec e sur de Manitoba.
A subespecie que vive máis ao norte, C. c. bromia, é, cando lle é necesario, unha ave migratoria. Pode recuar varios centos de quilómetros cara ao sur desde as partes máis setentrionais do seu territorio. Observáronse miles de exemplares migrando en bandadas ao longo dos Grandes Lagos e da costa atlántica. Migra durante as horas diúrnas, en bandadas pouco compactas de 5 a 250 aves. Gran parte do seu comportamento migratorio segue sendo un misterio. Algunhas están presentes todo o inverno en todas as partes da súa área de distribución. Os exemplares novos é máis probable que migren que os adultos, pero moitos adultos tamén migran. Algúns individuos migran ao sur un ano, quedan no norte o seguinte inverno e despois migran ao sur outra vez o seguinte ano. Ata agora ninguén conseguiu descubrir por que migran cando o fan. Probablemente, a migración está relacionada coas condicións climatolóxicas e coa abundancia de alimento en inverno, o cal pode determinar se outras aves do norte se trasladarán ao sur.
C. cristata ocupa diversos hábitats dentro da súa ampla área de distribución, desde os bosques de piñeiros da Florida aos bosques de píceas-abetos do norte de Ontario. É menos abundante en bosques máis densos, preferindo os bosques mixtos con carballos e faias. Adaptouse ás actividades humanas moi ben, e aparece en parques e áreas residenciais, e pode adaptarse á deforestación completa con relativa facilidade se a actividade humana crea outros medios para que estas aves poidan subsistir.
Subespecies
Xeralmente acéptanse catro subespecies, aínda que a variación dentro desta especie é bastante sutil e esencialmente clinal. Non se poden trazar límites claros entre as subespecies do interior do continente. As áreas de distribución das razas costeiras están mellor delimitadas.
Imaxe Subspecies Área Descrición Distribución120px Cyanocitta cristata bromia Zona norte A subespecie máis grande, cunha plumaxe bastante apagada. O seu azul é bastante claro. Canadá e norte dos Estados Unidos. Localidade tipo: Wooster, Condado de Wayne, Ohio.120px Cyanocitta cristata cristata Zona costeira É a subespecie nomeada, de medio tamaño e cor azul viva. Costas dos EUA desde Carolina do Norte a Texas, excepto o sur da Florida. Localidade tipo: sueste de Carolina do Sur.120px Cyanocitta cristata cyanotephra Do interior De tamaño medio, azul bastante escura no manto contrastando nitidamente coa parte ventral moi branca, barra alar branca e punta da cola máis anchas. Interior dos EUA desde o sueste de Wyoming e Nebrasca ao oeste de Kansas, Oklahoma e norte de Texas, mesturándose gradualmente con C. c. bromia cara ao norte. Localidade tipo: Kenton, Condado de Cimarron, Oklahoma.120px Cyanocitta cristata semplei Na Florida A subespecie máis pequena, similar en cor a C. c. bromia. Sur da Florida. Localidade tipo: Coconut Grove, Condado de Miami-Dade, Florida.
Comportamento
miniatura|Esmerillón perseguindo un gaio azul. C. cristata é un paseriforme ruidoso, atrevido e agresivo. Voa de maneira moderadamente lenta (aproximadamente a 32-40 km/h) cando non é provocado.Animal Speeds. Texas Parks & Wildlife. Consultado o 1 de xullo de 2008. Voa con corpo e cola nivelados con lentos batidos de ás. As súas velocidades de voo lentas fan que esta especie sexa unha presa fácil para falcóns e bufos cando voa en áreas abertas. Practicamente todas as aves de presa simpátricas na distribución poden depredala, especialmente os especialistas en cazaren aves rápidas, como os falcóns Accipiter. Diversos predadores poden comer os seus ovos e crías ata que empluman, entre os que están esquíos, cobras, gatos, corvos, mapaches, sarigüeias, outros gaios e posiblemente moitas das aves que atacan os adultos.
C. cristata pode ser beneficiosa para outras especies de aves, xa que pode acosar aves predadoras, como falcóns e bufos, e chía se ve un predador no seu territorio. Como dá unha chamada de alarma cando se achegan falcóns ou outros perigos, as aves pequenas adoitan recoñecer esta chamada e agocharse preventivamente. Por veces pode imitar as chamadas das rapaces, especialmente as dos buxatos Buteo jamaicensis e Buteo lineatus, posiblemente para comprobar se hai algún nas proximidades, pero tamén pode ser que o faga para espaventar outras aves que poderían competir con el polos recursos alimenticios. Pode tamén ser agresivo cos humanos que se achegan ao seu niño, e se un bufo se pousa preto do niño durante as horas diúrnas, fustrígao ata que se vaia pousar a outro lugar. Porén, estes gaios tamén atacan ou matan outras aves máis pequenas, e especies de morcegos que se pousan entre a follaxe como Lasiurus borealis. Son aves moi territoriais e perseguen outras en comedeiros para obter unha comida fácil. Ademais, poden asaltar os niños doutras aves, roubaren os seus ovos, polos e niños. Porén, isto pode non ser tan común como se adoitaba pensar, xa que só o 1 % do seu material alimenticio atopado nun estudo procedía de aves. Malia todo, outros paseriformes poden acosar os gaios que se aproximan aos seus territorios de reprodución.
miniatura|En voo Cando están axitados ou incomodados, levantan a crista azul da cabeza. Téñena baixada cando a ave está relaxada ou se calma.
Igual que outros córvidos, son aves moi curiosas e son consideradas bastante intelixentes. Os individuos novos rouban alegremente obxectos de cores brillantes ou reflectores, como tapas de botellas ou cachos de papel de aluminio, e carréxanos ata que perden o interese. Aínda que non está confirmado que usen ferramentas na natureza, en catividade observáronse usando tiras de periódicos como ferramenta para obter comida, e as crías en catividade observáronse intentando abrir as portas das súas gaiolas.American Rivers . tumblr.com
Dieta