O camón americano (Porphyrio martinica) é un rálido do xénero Porphyrio. O seu adxectivo de especie, martinica, significa 'da (illa) Martinica'.

Descrición O camón americano é un rálido de mediano tamaño, que mide 26-37 cm de longo, ten unha envergadura de 50-61 cm e un peso de 141-305 g. Os machos, cunha media de 257 g de peso, son lixeiramente maiores que as femias, que só chegan aos 215 g como media. Un adulto ten plumaxe azul purpúreo que ao darlle ben a luz ten brillo verde ou turquesa. Os adultos tamén teñen un escudo azul claro na fronte, que conecta co bico vermello e amarelo. A escuridade ou a pouca luz poden atenuar as cores azul purpúreas do adulto e darlle unha aparencia escura ou amarronada, aínda que a cor do escudo frontal serve para diferencialos de especies similares como a Gallinula galeata. Os inmaturos son de cor marrón bronce, con plumas púrpuras no peito, e o bico e escudo frontal son de cor clara. As aves xoves son marróns claras cun tons de bronce verde nas ás e dorso, e cobertoiras brancas baixo a cola.

Os camóns americanos teñen dedas longas que lles axudan a camiñar sobre a vexetación flotante, ao distribuíren o seu peso nunha superficie grande. Teñen unha disposicións das dedas anisodáctila que tamén facilita agarrarse aos talos das plantas. Os adultos teñen patas e pés amarelos intensos, os inmaturos teñen patas e pés marróns amarelados, e os xoves teñen patas e pés marróns. Cando voan, as patas quedan colgando. Adoitan voar só a curtas distancias.

Distribución e hábitat Estas aves atópanse nos estados do sur dos Estados Unidos durante a estación reprodutora. Son especies residentes no sur da Florida, o Golfo de México e a costa do Pacífico de México, partes de América Central e o Caribe. Durante a estación non reprodutora, atópanse máis no interior en partes de América Central. Poden tamén encontrarse en América do Sur durante a migración, e ás veces desvíanse e poden verse no Canadá. O hábitat da especie son as marismas de auga doce con densa vexetación.

A especie ten o maior padrón de divagancia entre os rálidos, con rexistros de individuos que chegan tan ao oeste como California e as Illas Galápagos, e tan ao norte como Islandia e o Labrador, e polo sur poden chegar ata Terra do Fogo, e polo leste a Gran Bretaña, Portugal e Cabo Verde.

Esta especie foi rexistrada na Provincia do Cabo en Suráfrica vinte e unha veces. A maioría das aves eran xoves, así que é moi improbable que se estableza alí un terreo de reprodución.

Comportamento e ecoloxía Reprodución O cortexo dos camóns americanos prodúcese estando de pé e poden realizalo os dous sexos. O cortexo ocorre cando os membros da parella estiveron separados e pasan un preto do outro. Entón realizan a exhibición principal ambos os sexos á vez. A exhibición consiste en que a ave está de pé nunha posición lixeiramente inclinada cara a adiante, co pescozo estirado. As ás póñenas nun ángulo case recto respecto ao corpo e inclinadas nos pulsos, de tal xeito que as primarias fan un ángulo cara a abaixo. Despois da principal exhibición, unha ou ambas as aves alardean e cortan o paso da outra coas ás medio baixadas, ou fan unha pronunciada inclinación a medida que se aproximan.

O niño aboia na auga e sitúano entre densa vexetación ao longo das beiras dos lagos, ríos e liña costeira das marismas. Poñen entre cinco e dez ovos de cor beixe ou rosa claro con manchas marróns ou púrpuras. A parella monógama defende os niños e territorios, e as aves novas permanecen no territorio para axudar a coidar os seus irmáns.

Alimentación O camón americano é un omnívoro que se alimenta no chan. Forman parte da súa dieta unha gran variedade de plantas e animais. Algúns dos alimentos que consome son sementes, follas e froitos de plantas terrestres e acuáticas, insectos, larvas de insectos, arañas, outros invertebrados, ras, caracois, miñocas de terra e peixes. Tamén depreda ovos e crías doutras aves, como as Jacana.

Galería

Notas

Véxase tamén Bibliografía Kaufman, Kenn; Lives of North American Birds. Houghton Mifflin Company, Nova York, NY (1996).

Ligazóns externas

Vídeos do camón americano na Internet Bird Collection galería de fotos do camón americano VIREO Camón americano: fotos, vocalizacións, notas de The Birds of the Interior of Ceará, Brasil.

Categoría:Rálidos Categoría:Animais descritos en 1766 Categoría:Taxons descritos por Linné