Juan Ángel Barros Botana, máis coñecido como Barritos, nado na Coruña o 18 de setembro de 1952, é un exárbitro de fútbol galego. Traballou como árbitro principal na Terceira División e como xuíz de liña en partidos de Primeira e Segunda, pero é principalmente coñecido polos seus máis de 30 anos como delegado do Deportivo da Coruña.
Traxectoria Nacido no barrio coruñés de Monelos, afeccionouse dende neno ao fútbol e acudía habitualmente aos partidos e adestramentos do Deportivo da Coruña. Xogou un ano nas categorías inferiores do Ural e a continuación ingresou no Oza Juvenil, club do que o seu tío era vicepresidente. Militou no Oza dende a categoría de infantís ata o primeiro equipo, no que xogou ata os 22 anos. Nese momento deixou a súa faceta de xogador para probar coa arbitraxe, animado polo seu amigo Raúl García de Loza. Exerceu como asistente do propio García de Loza en partidos de Primeira e Segunda e como árbitro principal na Terceira División.
Rematada a súa carreira como árbitro, en 1991 actuou por primeira vez como delegado do Deportivo da Coruña, nun partido da Segunda División ante o Rayo Vallecano. Realizou esa función no club durante os seguintes 30 anos, actuando como delegado en máis de 1400 partidos oficiais, e converteuse nunha das personalidades máis coñecidas no seo do club. Viviu co club a conquista de seis títulos oficiais, así como tres ascensos de categoría, e en 2019 foi distinguido pola propia liga polo seu labor como delegado. Deixou o club de 2021, sendo substituído por Dani Regos.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do árbitro en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1952 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Árbitros de fútbol de Galicia