A eurocidade de Tui-Valença do Minho, tamén coñecida ás veces coma eurocidade Valença-Tui, é a denominación coa que se coñece á conurbación transfronteiriza situada entre os concellos de Tui e Valença, en Galicia e Portugal respectivamente. Trátase dunha entidade supramunicipal de colaboración municipal e rexional. O río Miño actúa de fronteira natural entre ambas cidades (e países), feito que queda patente tamén na toponimia: Tui atópase na comarca galega do Baixo Miño, mentres que Valença se atopa na subrexión do Alto Minho, pertencente á Rexión Norte. Malia existir unha barreira natural entre ambas cidades, a interacción e dinamismo entre ambas beiras é notábel, producíndose diariamente miles de desprazamentos na fronteira, que popularmente se coñece como A Raia. En 2004, segundo o Observatorio Transfronteirizo España-Portugal, determinouse que a intensidade media diaria (IMD) de veículos superaba os 20.000. Existen varias pontes que cruzan o río e comunican ambas integrantes da eurocidade, coma a a Ponte Vella Internacional, pola que transcorre a N-551; ou a Ponte Nova Internacional, correspondente á unión entre a autovía A-55 coa A-3. Existe tamén unha conexión de ambas cidades mediante ferrocarril, coñecida coma Liña Guillarei-Valença do Minho segundo Adif en España ou Ramal Internacional de Valença na rede ferroviaria portuguesa.

Historia A constitución da eurocidade produciuse oficialmente o 10 de febreiro de 2012 na Alfándega de Valença. Foi asinado por Moisés Rodríguez, alcalde de Tui, e por Jorge Salgueiro Mendes, presidente da Cámara de Valença.

A Eurocidade Tui-Valença está constituída por máis de 35 mil habitantes e naceu co obxectivo principal de cooperación no ámbito europeo, converténdose nun modelo de exemplo para Europa, xa que constituíu un novo modelo de cidadanía europea cun espazo singular. O proxecto xurdiu como resposta ao reto posto polo Mercado Único Europeo, onde cada vez se asiste a un futuro incerto, e tivéronse en conta:

A Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, que viviu experiencias en todos os ámbitos relacionados coa cooperación transfronteiriza, tendo unha especial interese na aproximación de dúas cidades. O Tratado de Valença, asinado pola República Portuguesa e o Reino de España, o 3 de outubro de 2003, en Valença, polo que se pretendía promover a cooperación transfronteiriza entre as autoridades territoriais de Portugal e España. A especial relación entre os concellos de Valença e o de Tui, reforzada historicamente a través da Ponte Internacional de Valença-Tui, tamén coñecida coma Ponte Eiffel, que foi o principal paso fronteirizo entre os dous países. Así, constitúe a fronteira terrestre máis transitada entre Portugal e España con paso diario de 22 mil vehículos ao día.

Cooperación Existen numerosos exemplos de cooperación entre ambas cidades, incluso antes de se producir a creación oficial da eurocidade. Froito da proximidade xeográfica e lingüística, as interaccións entre ambas poboacións da raia mantívose estábel e dinámica desde a fundación de ambas cidades. Así, por exemplo, Tui non conta cun parque de bombeiros, e o servizo de extinción de lumes está proporcionado, ou a lo menos asistido, pola Associaçao Humanitária dos Bombeiros Voluntarios de Valença.

Existen diferentes proxectos en marcha, que inclúen a mellora da navegabilidade do río Miño ou a integración cultural e administrativa en certas cuestións, nun proxecto denominado Unicidade.

Deportes miniatura|II Rally Eurocidade. miniatura|Cartaces con diferentes eventos deportivos da eurocidade. En materia deportiva existen multitude de eventos organizados conxuntamente por ambos concellos ou que teñen a ambas cidades coma localización.

O Rally Eurocidade Tui-Valença dispútase, aínda con interrupcións, dende 2014 entre o Concello de Tui e Valença. Está organizada pola Escudería Dona Urraca e as dúas primeiras edicións foron puntuables para o Campionato de Galicia de Rally.

Outras edicións de eventos deportivos son: BTT Eurocidade Valença - Tui - Valença, un campionato de bicicleta de montaña, con dúas distancias de competición: 45 e 75 km. Eurocidade 10, unha proba popular de atletismo internacional, cun percorrido de 10 km entre Valença e Tui, con partida e chegada nesta última. Campionato Internacional de Pesca a Salmonidios – Troféu Eurocidade. Campeonato de Futebol de 7 da Eurocidade. Rede de trilhos pedestres transfronteiriços Ibéricos. Travessia a Nado, unha actividade acuática de natación a través do río Miño. Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade Torneio de Futebol Juvenil 7 Eurocidade Quadrathlón Eurocidade Troféu de Andebol Eurocidade, un campionato de balonmán. Campionato de Tenis Eurocidade Campionato Internacional de Baile Desportivo Eurocidade Festival Aéreo Eurocidade

Cultura A primeira actividade cultural conxunta entre ambas eurocidades foi a Cabalgata de Reis do 5 de xaneiro de 2010, que comezou na estación de trens de Valença e terminou en Tui. En 2021 presentouse a primeira edición da Feira Musical de Galiza e Norte de Portugal (MUMi), un evento de xestión privado pero albergado na eurocidade durante varias edicións. Outro evento cultural, o Festival Internacional de Artes de Rúa (FIAR) produciuse nese mesmo ano nas rúas de Tui e Valença.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eurocidade Eurorrexión Cidades xemelgas Área metropolitana Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Ligazóns externas

eurocidadetuivalenca.eu Páxina sobre a Eurocidade. FIAR 2022 Festival Internacional de Artes de Rúa da Eurocidade Tui Valença Concello de Tui.

Categoría:Eurocidades Categoría:Tui