Roberto Taibo Lago, nado en Présaras o 17 de decembro de 1959, é un exfutbolista galego, que xogaba como centrocampista e dianteiro. Formouse nas canteiras do Imperator e do Deportivo da Coruña e chegou a disputar 14 partidos co primeiro equipo deste último na Segunda División.
Traxectoria Nacido en Présaras, durante a súa infancia instalouse coa súa familia na Coruña. Comezou a xogar ao fútbol no equipo infantil do Parque, filial do Imperator e na tempada 1975/76 debutou co primeiro equipo do Imperator. O 18 de agosto de 1977 fichou polo equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, e para a tempada 1979/80 subiu ao Fabril, co que xogou na Terceira División ás ordes de Luis Rodríguez Vaz, facéndose coa titularidade dende a primeira xornada contra o Cambados.
O 23 de setembro de 1979 debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña na Segunda División ante o Palencia en Riazor. Foi colocado na formación titular polo adestrador Javier García-Verdugo, co obxectivo de cumprir coa norma vixente esa tempada que obrigaba aos equipos a aliñar en cada partido a dous xogadores de menos de 20 anos. Saíu na dianteira do equipo xunto a Traba e Alfonso Castro e foi substituído aos 18 minutos polo talentoso José Luis. Titular indiscutible no Fabril nos seguintes meses, continuou contando con oportunidades no primeiro equipo, co que saíu de inicio nas 11 últimas xornadas de liga. Pechou a tempada con 25 partidos co Fabril e 13 co primeiro equipo, todos como titular.
Na tempada 1980/81 tivo que realizar o servizo militar, período no que militou nas filas do Daimiel, en Terceira División. Ao seu regreso á Coruña reintegrouse no Deportivo, pero non contou con oportunidades ata a xornada 32, na que os clubs aliñaron a xogadores xuvenís debido á folga de futbolistas. En xaneiro de 1983 fichou polo Sporting Sada, no que militou durante dúas campañas e media, antes de pasar no verán de 1985 ás filas do Bergantiños. Co conxunto de Carballo conseguiu dous ascensos consecutivos, dende a Rexional Preferente ata a Segunda División B, á que subiron con Xulio Díaz como técnico. Para a tempada 1988/89 volveu ao Sporting Sada, co que disputou 37 partidos, sen poder evitar o descenso do equipo por arrastre. Retirouse en 1992, tras dous anos militando no Atlético Arteixo.
Trala súa retirada iniciou unha carreira como adestrador no fútbol base e dirixiu durante dous anos o equipo xuvenil do Calasanz, co que conseguiu o ascenso á Liga Nacional. No verán de 1999 púxose á fronte do Imperator, que ese ano iniciou unha colaboración coa Universidade da Coruña (onde traballaba como responsable de deportes) e que militaba na Rexional Preferente. Dirixiu o club durante seis anos, conseguindo sempre manter a categoría. Ademais foi o principal impulsor do Campus Mauro Silva, un campamento de fútbol polo que pasaron centos de rapaces durante máis de dúas décadas, e o seu director dende o seu nacemento.
Vida persoal É pai do tamén futbolista Lucas Taibo, xogador do Sporting de Portugal.
Notas
Categoría:Nados en Vilasantar Categoría:Nados en 1959 Categoría:Futbolistas de Vilasantar Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Sporting Sada Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores do Atlético Arteixo Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia