Pseudomonadati é un dos reinos do dominio Bacteria que contén aproximadamente un terzo das especies de procariotas, principalmente bacterias gramnegativas e os seus parentes. É o reino máis emparentado con outro reino bacteriano aínda máis grande, as Terrabacteria (tamén coñecidas como Bacillati), que son principalmente grampositivas.
Nomes
O nome sinónimo "Hydrobacteria" (hidro = 'auga') fai referencia ao medio húmido onde se supón vivía o antepasado común destas especies. En contraste, as especies de Terrabacteria posúen adaptacións para a vida nas terras emerxidas. Desde 2024, o único nome publicado validamente para este grupo é reino Pseudomonadati (antes non había nomes publicados porque non se aceptaban niveis por riba de filo en versións temperáns do Código Internacional de Nomenclatura de Procariotas).
"Gracilicutes," que describiron en 1978 Gibbons e Murray, utilízase ás veces en lugar de Pseudomonadati. Porén, "Gracilicutes" incluía as Cyanobacteria (que agora pertencen a Terrabacteria) e non se construíra baixo o agora xeneralizadamente aceptado sistema de tres dominios. Máis recentemente, propúxose unha redefinición de "Gracilicutes" pero non incluía unha filoxenia molecular nin análises estatísticas. Ademais, non segue o sistema de tres dominios, afirmando en troques que a liñaxe de eucariotas + Archaea está aniñada dentro de Bacteria como unha parente próxima de Actinomycetota, unha árbore que non está apoiada por ningunha filoxenia molecular.
Evolución Pseudomonadati e Terrabacteria pénsase que diverxeron hai aproximadamente 3.000 millóns de anos, o que indica que a terras (continentes) foran xa colonizados polos procariotas daquela.
Filoxenia e taxonomía As bacterias Pseudomonadati comprenden os seguintes superfilos e filos: Acidobacteriota, Aquificota, Bdellovibrionota, Campylobacterota, Deferribacterota, Dependentiae, Desulfobacterota, Desulfuromonadota, Elusimicrobiota, superfilo FCB, Myxococcota, Nitrospirota, Proteobacteria, superfilo PVC e Spirochaetota.
Algunhas análises filoxenéticas moleculares non enraizadas non apoian esta dicotomía de Terrabacteria e Pseudomonadati, pero as análises xenómicas máis recentes, incluíndo aquelas que se basean en árbores enraizadas, atoparon que estes dous grupos son monofiléticos.
Pseudomonadati e Terrabacteria xuntos forman un gran grupo que contén o 97 % dos procariotas e o 99 % de todas as especies de Bacteria coñecidas en 2009, e foron situados por Battistuzzi e Hedges no taxon proposto Selabacteria, en alusión ás súas capacidades fototróficas (selas = 'luz'). Actualmente, os filos bacterianos que están fóra de Pseudomonadati + Terrabacteria (o que serve para xustificar así o taxon Selabacteria) inclúense ás veces no taxon Fusobacteria, pero isto é moi discutido.
A definición de dúas divisións principais dentro do dominio Bacteria, Pseudomonadati e Terrabacteria, proceden fundamentalmente de análises filoxenéticas enraizadas de xenomas. As análises non enraizadas non apoian completamente esta división, o que dá unha idea do importantes que son as árbores da vida enraizadas.
As dúas análises recentes de filoxenia bacteriana apoian ambas a división entre Pseudomonadati e Terrabacteria. Porén, interpretan a evolución da parede celular bacteriana de xeito diferente, xa que unha conclúe que o último antepasado común de Bacteria foi unha monoderma (bacteria grampositiva) e a outra conclúe que era unha diderma (bacteria gramnegativa). A seguinte árbore está redibuxada a partir dun deses dous estudos recentes, e mostra a filoxenia dos filos bacterianos e superfilos, quedando a posición das Fusobacteria sen resolver e sendo as DST as parentes máis próximas das Terrabacteria:
Notas
Categoría:Bacterias Categoría:Bacterioloxía Categoría:Taxonomía