Manuel Luis Ríos Losada, alcumado Pinturero, nado en Lugo o 7 de xullo de 1942 e finado en Cartaxena de Indias o 18 de decembro de 1966, foi un toureiro e paracaidista galego.

Traxectoria Naceu en 1942 en Lugo, preto da Porta Miñá, sendo fillo de Jesús Río e Filomena Losada. Realizando o servizo militar especializouse como paracaidista e aos 19 anos superaba xa os 80 saltos. Axiña se converteu en instrutor na escola de paracaidismo de Cuatro Vientos, onde tivo como alumno o toureiro venezolano Armando Conde, que prendeu nel a afección pola tauromaquia.

En agosto de 1965 tentou saltar en paracaídas á praza de touros de Xetafe antes dunha corrida, pero aterrou a máis dun quilómetro de distancia, polo que tivo que ir camiñando ao edificio taurino, onde ademais foi corneado polo animal. Convertido nunha celebridade no seu Lugo natal, foi a estrela dun espectáculo taurino que el mesmo impulsou durante as festas de San Froilán de 1965, participando nunha corrida xunto a Fabián Linares "o Coruñés".

O 24 de xullo de 1966 participou nunha corrida nas festas patronais de Sarria xunto a outros tres toureiros da provincia de Lugo (Celita II, Jesús Rivelo e Jesús Núñez), e en agosto toureou nas festas de Monforte de Lemos, onde foi ferido por un touro.

Máis tarde embarcou como polisón a América do Sur, instalándose en Colombia, onde conseguiu un contrato para tourear.

Morte O 18 de decembro de de 1966 volveu tentar un salto en paracaídas sobre unha praza de touros, neste caso na praza de La Serrezuela, na cidade colombiana de Cartaxena de Indias. Voou entón nun Piper PA-22 Tri-Pacer pilotado por Álvaro Quijano e saltou cara á praza, pero o vento que sopraba impulsouno ao mar Caribe, onde faleceu afogado, con só 24 anos de idade. O seu corpo foi recollido por pescadores da zona que tentaron reanimalo sen éxito.

Foi soterrado no cemiterio de Manga, na propia Cartaxena de Indias, ao fracasar os intentos de repatriar o seu corpo por parte de Luis López Díaz Pallín coa mediación do diplomático Luis Mariñas. Finalmente, en febreiro de 1982 os seus restos foron repatriados a Galicia, sendo soterrados no cemiterio de San Froilán. O seu salto en Cartaxena de Indias foi inmortalizado nunha pintura do artista colombiano Enrique Grau, titulada La muerte de El Pinturero.

Notas

Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1942 Categoría:Toureiros de España Categoría:Paracaidistas Categoría:Finados en 1966 Categoría:Finados por afogamento Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes