A diversidade de unión (junctional diversity na literatura inglesa) é o proceso inmunitario que consiste na introdución de variacións na secuencia do ADN debido a unha unión ou empalme incorrecto de segmentos xénicos durante a recombinación V(D)J. Este proceso de recombinación V(D)J ten funcións vitais para o sistema inmunitario dos vertebrados, xa que permite xerar un enorme repertorio de diferentes receptores de célula T (TCR) e de moléculas de inmunoglobulinas (Ig, anticorpos) que cómpren para o recoñecemento dos antíxenos de patóxenos polas células T e B, respectivamente.
Proceso A diversidade de unión inclúe o proceso de recombinación somática ou recombinación V(D)J, durante o cal diferentes segmentos de xenes variables (os que están implicados no recoñecemento de antíxenos) dos TCRs e inmunoglobulinas se reorganizan e os segmentos non utilizados son eliminados. Isto orixina roturas de dobre febra entre os segmentos requiridos. Estes extremos forman bucles en forquita e deben ser empalmados de novo para formar unha soa febra. Esta unión ou empalme é un proceso moi impreciso que ten como resultado a adición ou subtracción variables de nucleótidos e isto xera a diversidade de unión.
A xeración de diversidade de unión empeza cando as proteínas RAG1 e RAG2, xunto con proteínas de reparación do ADN, como Artemis, realizan o corte nunha soa febra de bucles en forquita e a adición dunha serie de nucleótidos palíndromos (nucleótidos P). Despois disto, o encima desoxinucleotidil transferase terminal (TdT), engade aleatoriamente máis nucleótidos non-de molde (nucleótidos N, nontemplate). As febras de nova síntese enróscanse unha sobre a outra ("anélanse"), pero é común que haxa erros na complementariedade. As exonucleases eliminan aqueles nucleótidos que non están correctamente emparellados e os ocos énchense por medio da síntese de ADN e pola maquinaria de reparación. As exonucleases poden tamén causar o acurtamento desta unión; porén, este proceso aínda se coñece pouco.
A diversidade de unión pode orixinar mutacións por desprazamento do marco de lectura e, deste xeito, a produción de proteínas non funcionais.
Notas
Categoría:Sistema inmunitario Categoría:Linfocitos